O Concello de San Sadurniño publicou no BOP deste luns 22 de xuño a convocatoria urxente para a contratación temporal dunha persoa como peón ou peoa municipal, adscrita aos servizos e obras municipais. A convocatoria, aprobada por Resolución da Alcaldía o pasado 17 de xuño, ten como finalidade cubrir de maneira inmediata unha vacante imprevista mentres non se produce a súa cobertura definitiva. Ademais da contratación da persoa que obteña a maior puntuación, o proceso permitirá constituír unha bolsa de emprego que servirá para atender futuras necesidades temporais do Concello.
A praza ofertada corresponde á categoría de peón ou peoa en réxime de persoal laboral temporal, encadrada no grupo V, con xornada completa e retribucións conforme á Relación de Postos de Traballo municipal. O sistema de selección será o de concurso de méritos, polo que non haberá exames teóricos nin prácticos, agás a proba de coñecemento da lingua galega para aquelas persoas que non acrediten estar en posesión do Celga 2 ou equivalente.
Entre as funcións asignadas ao posto figuran a realización de traballos non cualificados en obras e servizos municipais, tarefas de mantemento básico e pequenas reparacións en edificios, camiños e centros escolares, labores de xardinería, limpeza de vías públicas, manexo de rozadora, apoio en emerxencias e colaboración en campañas institucionais relacionadas co medio ambiente, entre outras actuacións de apoio aos diferentes servizos municipais.
Para participar no proceso será necesario contar coa nacionalidade española ou cumprir os requisitos establecidos na normativa de acceso ao emprego público, ter cumpridos os 16 anos, posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas e estar en posesión do certificado de escolaridade, certificado de estudos primarios ou titulación equivalente. As persoas aspirantes deberán presentar tamén a documentación acreditativa dos méritos alegados para a súa valoración.
O prazo para presentar solicitudes será de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, é dicir, desde o 23 de xuño ata o 8 de xullo, ambos incluídos. As instancias poderán rexistrarse no Concello ou a través de calquera dos medios previstos na lexislación administrativa. Ademais, será preciso aboar unha taxa de exame de 12,92 euros e achegar a documentación acreditativa dos requisitos e méritos.
A fase de concurso poderá alcanzar unha puntuación máxima de 30 puntos. A experiencia profesional terá un peso destacado, con ata 20 puntos, valorándose especialmente os servizos prestados en administracións locais en postos de características semellantes. Tamén se puntuarán os cursos de formación relacionados coas funcións do posto, outras titulacións académicas superiores, a posesión do certificado de manipulador de alimentos e o permiso de conducir da clase B.
Creación dunha bolsa para futuros chamamentos
Unha vez rematada a valoración dos méritos, o tribunal proporá para a contratación a persoa que acade a maior puntuación e cumpra os requisitos lingüísticos establecidos. Co resto das persoas aspirantes elaborarase unha lista por orde de puntuación que dará lugar á creación dunha bolsa de emprego destinada a cubrir baixas, renuncias ou outras vacantes temporais que poidan xurdir no futuro.
A bolsa terá vixencia ata a constitución dunha nova e permitirá ao Concello dispoñer dun mecanismo áxil para atender necesidades de persoal no departamento de obras e servizos. Os chamamentos realizaranse mediante correo electrónico ou teléfono e as persoas integrantes deberán manter actualizados os seus datos de contacto para garantir a súa localización cando sexan requiridas para unha contratación temporal.
Anuncio publicado no BOP do 22/06/2026 (en HTML)
Anuncio en .PDF (na parte final inclúe o formulario de solicitude que haberá que cubrir e presentar)