A mostra «Sinaladas» chega este xoves a San Sadurniño, continuando o seu percorrido pola provincia no que recupera a memoria das mulleres galegas que participaron nas loitas sociais, agrarias, laborais e políticas do século XX, así como a de aquelas que sufriron a represión pola súa actividade ou polo seu compromiso coa defensa das liberdades, moitas veces esquecidas ou borradas da historia. A presentación terá lugar na galería do Concello ás 18:30h, coa participación da deputada provincial de Igualdade, Sol Agra Tuñas, e das concelleiras María Muíño Filgueira e Raquel Piñeiro López. A inauguración da exposición, que permanecerá até finais de novembro na galería, dará paso a unha charla da súa comisaria, a escritora e investigadora Montse Fajardo.
A proposta leva por subtítulo «Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión» e ofrece un percorrido histórico desde finais do século XIX ata finais do século XX. A través de documentación, fotografías e testemuños, recupera as traxectorias de mulleres que participaron nas revoltas agrarias, no movemento obreiro e sindical, na vida política, na resistencia antifranquista e na loita pola democracia. Tamén aborda a represión exercida contra elas durante a ditadura e o esquecemento ao que foron relegadas durante décadas.
A exposición está organizada en paneis con referencias a 540 mulleres, 194 rostros e 373 imaxes distribuídas en 39 paneis. O percorrido permite achegarse tanto a figuras coñecidas como a outras moitas mulleres cuxas historias apenas tiveron presenza nos relatos históricos, malia a súa participación nos principais procesos sociais e políticos do último século.
O proxecto complétase cunha unidade didáctica pensada para trasladar estes contidos ao ámbito educativo e facilitar o traballo sobre a historia das mulleres nas aulas. Inclúe propostas para preparar a visita, actividades para realizar durante o percorrido e exercicios posteriores de reflexión e posta en común co alumnado. A finalidade é que a rapazada poida analizar fontes históricas, relacionar os acontecementos do pasado coa realidade actual e coñecer a contribución das mulleres á conquista de dereitos e á construción da sociedade democrática.
A mostra poderá visitarse ata o 30 de novembro na galería da Casa do Concello. A actividade do xoves permitirá, ademais, coñecer o proceso de elaboración da exposición e afondar nas historias recollidas por Montse Fajardo, autora dos textos e investigadora especializada na memoria histórica e na historia das mulleres galegas. Tanto a exposición como o acto de apertura forman parte da programación do 25N en San Sadurniño.
Ligazón á exposición completa (.pdf)
Unidades didácticas Deseñadas por Elio Ríos e Beatriz Maceda