O Concello de San Sadurniño é desde hai uns días un dos puntos de recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) Lingua Vital, promovida pola plataforma Queremos Galego co apoio de centos de entidades sociais de todo o país. A proposta pretende dotar Galicia dun novo marco normativo que permita reverter a situación de emerxencia lingüística e garantir a presenza e o uso do galego en todos os ámbitos da vida. A iniciativa precisa reunir un mínimo de 10.000 sinaturas para chegar ao Parlamento de Galicia, onde se someterá a consideración dos grupos políticos. As persoas que queiran apoiar a proposta poden facelo no mostrador de atención ao público da Casa do Concello en horario de mañá.
A ILP Lingua Vital foi rexistrada no Parlamento galego a mediados de setembro tras un proceso de traballo colectivo no que participaron entidades de defensa da lingua, organizacións sindicais, asociacións culturais e veciñais, colectivos da comunidade educativa, do ecoloxismo e de defensa das persoas consumidoras. A proposta recolle os principais acordos acadados ao abeiro do Protocolo Lingua Vital, que busca articular unha resposta social e institucional á perda de falantes e ao retroceso do uso do idioma que veñen reflectindo os sucesivos estudos sociolingüísticos.
O texto propón modificar ou derrogar aquelas disposicións normativas que, segundo as entidades promotoras, limitan a normalización do galego, entre elas o actual decreto do plurilingüismo no ensino. Neste ámbito, a iniciativa avoga por que o galego sexa lingua vehicular, de acollida e de integración, procurando que o conxunto do alumnado adquira as competencias necesarias para desenvolverse con normalidade no noso idioma, independentemente da súa procedencia ou da lingua que empregue no ámbito familiar.
A proposición de lei tamén incorpora medidas orientadas a garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía nas súas relacións coa Administración, na sanidade, na xustiza ou no comercio, ademais de reforzar a presenza do galego na cultura, na creación audiovisual, nos medios de comunicación e nos novos contornos tecnolóxicos. O documento aborda igualmente a proxección internacional do idioma, reclamando a súa oficialidade na Unión Europea e unha maior integración de Galicia no espazo da lusofonía.
“O galego está en emerxencia, mais a situación pode reverterse”, aseguraba o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, durante a presentación da campaña de recollida de sinaturas, que botou a andar a finais de outubro. A plataforma sostén que o compromiso das organizacións sociais e dos poderes públicos é fundamental para garantir o futuro do idioma, tanto para quen xa o emprega habitualmente como para aquelas persoas que queiran incorporalo sen á súa vida sen atrancos.
A campaña conta coa implicación de centos de colectivos e persoas voluntarias, ademais de ir sumando o apoio de administracións locais. No caso de San Sadurniño, o Concello contribúe á difusión da iniciativa e facilita a participación da veciñanza poñendo á súa disposición nas oficinas municipais os pregos oficiais de recollida de sinaturas. Toda a información sobre a proposta lexislativa, os seus obxectivos e o desenvolvemento da campaña pode consultarse na web linguavital.gal.