Aberto o prazo para participar no programa “Xuntos polo Nadal”

0

Ata o luns 30 de novembro está aberto o prazo de solicitude de prazas no programa “Xuntos polo Nadal”, unha iniciativa que lles ofrece ás persoas maiores que viven soas a posibilidade de pasar en compañía as festas do Nadal, Aninovo e Reis. O programa, totalmente gratuíto, desenvolverase entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, con tres opcións de estadía para compartir estas datas con outras persoas e gozar de distintas propostas de lecer. A veciñanza de San Sadurniño interesada en participar pode tramitar as solicitudes a través do departamento municipal de Servizos Sociais, solicitando cita previa no 981 490 027 (extensión 1).

A iniciativa pretende ofrecer unha alternativa á soidade nunhas datas tradicionalmente asociadas aos encontros familiares e ás celebracións compartidas. A Xunta de Galicia oferta este ano un total de 270 prazas, das que 130 corresponden á Residencia de Tempo Libre do Carballiño, destinada a participantes das provincias da Coruña e Ourense, e outras 140 á Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán, reservadas para persoas procedentes de Lugo e Pontevedra.

Unha das posibilidades que ofrece o programa é a de permanecer durante todas as festas nas instalacións residenciais, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro, cunha estadía de 16 días. Porén, tamén se pode optar por algunha das dúas quendas de oito días: a primeira, entre o 23 e o 30 de decembro, coincidindo co Nadal, e a segunda, entre o 31 de decembro e o 7 de xaneiro, para celebrar en compañía a entrada no novo ano e a festividade de Reis.

En calquera das tres modalidades, o programa inclúe de balde o aloxamento en cuartos compartidos, a mantenza en réxime de pensión completa e as actividades de animación sociocultural que se organizarán ao longo de cada estadía. A iniciativa tamén cobre as viaxes de ida e volta en autobús desde as principais cidades galegas, entre elas Ferrol.

Para participar en “Xuntos polo Nadal” é necesario ter feitos os 60 anos, estar empadroado ou empadroada en Galicia, vivir só ou soa no propio domicilio e non ter con quen compartir as festas. Tamén se require contar coa autonomía persoal suficiente para desenvolverse na vida diaria e non padecer enfermidades transmisibles nin trastornos que poidan dificultar a convivencia. Desde a Xunta recoméndase, ademais, ter postas as vacinas contra a gripe e a COVID-19, aínda que non é unha condición obrigatoria.

Na adxudicación das prazas terán prioridade as persoas que perdesen o seu cónxuxe ou a persoa coa que convivían nos últimos dous anos, as de idade máis avanzada e aquelas que aínda non participasen en anteriores edicións do programa.

As solicitudes deben ir acompañadas dunha declaración responsable e do correspondente informe social. Aínda que a documentación se pode presentar directamente a través da sede electrónica da Xunta ou nos rexistros administrativos, o departamento municipal de Servizos Sociais facilitaralle o trámite a calquera persoa que o precise, só ten que chamar ao 981 490 027 (extensión 1). Recoméndase non agardar aos últimos días do prazo para pedir cita. Toda a información e os modelos de solicitude están dispoñibles na web da Consellaría de Política Social e Igualdade, no apartado dedicado ao programa Xuntos polo Nadal 2026.

Share.