O Concello convoca as axudas ao estudo cunha dotación económica de 25.000 euros

0

Desde este martes día 1 e até o mércores 30 de setembro, as familias poderán solicitar as axudas promovidas polo Concello de San Sadurniño para apoiar os estudos obrigatorios e posobrigatorios da rapazada e a mocidade matriculada en centros públicos. A Administración local dispuxo no orzamento deste ano unha partida total de 25.000 euros, que se distribuirán do seguinte xeito: 1.500 para o segundo ciclo de Educación Infantil, 10.750 euros dedicaranse aos ciclos de ensino obrigatorio e 12.350 euros resérvanse para colaborar co alumnado que curse bacharelatos, ciclos formativos ou estudos universitarios. Os 400 euros restantes ata completar a partida cubrirán situacións especiais, previo informe dos Servizos Sociais. San Sadurniño volve ser, deste xeito, un dos municipios galegos que máis recursos destina a esta finalidade en relación coa súa poboación e incluso en termos absolutos. 

O Concello volve abarcar coas axudas todos os ciclos do ensino, incluído os non obrigatorios. Neste sentido, as familias con nenos e nenas matriculados en algún curso do segundo ciclo de Educación Infantil -tanto no CPI local como en centros dos arredores- poderán solicitar unha achega de ata 100€. Entre os requisitos figura que a unidade familiar estea empadroada no Concello e que a súa renda anual non supere os 12.000 euros.

No caso do alumnado de Educación Primaria e ESO, a convocatoria está dirixida ás familias con estudantes que tamén teñan matrícula nos centros públicos da área territorial de San Sadurniño e que, ademais, sexan beneficiarias das axudas da Xunta para a adquisición de material escolar correspondentes ao curso 2026/2027.

A contía individual determinarase repartindo os 10.750 euros previstos para esta modalidade entre o total de solicitudes correctamente presentadas, cun máximo de 200 euros por bolsa.

A terceira modalidade está pensada para o alumnado que curse Bacharelato, ciclos formativos ou estudos universitarios oficiais de grao e terceiro ciclo en centros públicos situados fóra de San Sadurniño e dentro de Galicia. Para poder acceder á bolsa cómpre ter matrícula no curso completo, agás no caso dos estudos universitarios, nos que se esixen, como mínimo, o 50% dos créditos correspondentes ao curso.

Nesta modalidade establécese un límite de 25.000 euros de renda anual da unidade familiar e unha contía máxima de 800 euros por bolsa. A valoración terá en conta tanto a situación económica da familia como o expediente académico do curso anterior, cunha puntuación que pode chegar aos cinco puntos en función da nota media e ata 16 puntos segundo o tramo de renda.

Entre os requisitos xerais atópanse o empadroamento da unidade familiar en San Sadurniño con anterioridade á aprobación da convocatoria, estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, non encontrarse nunha situación que impida recibir axudas públicas e cumprir coas obrigas de reintegro de subvencións.

A documentación que debe achegarse varía segundo a modalidade, pero inclúe o correspondente impreso de solicitude e, segundo o caso, documentación relativa á matrícula, composición da unidade familiar, renda, expediente académico e conta bancaria. Parte da información, como a matrícula no CPI de San Sadurniño ou determinados datos tributarios, poderá ser comprobada directamente polo Concello previa autorización das persoas interesadas.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica -ou polos medios previstos na normativa administrativa-, empregando o anexo correspondente a cada modalidade. O prazo permanecerá aberto ata o 30 de setembro.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, salienta o que supón para as arcas municipais manter esta liña específica de apoio á educación. “É un esforzo económico importante para o Concello, pero entendemos que é necesario para axudar ás familias a afrontar os gastos cada vez máis elevados que implica a escolarización ou ter unha filla ou un fillo estudando fóra, especialmente cando os recursos económicos son máis limitados”, sinala.

Neste sentido, o Goberno local describe o desembolso como “un investimento nas familias e no futuro da rapazada e da mocidade”, entendendo que reducir, na medida do posible, o impacto destes custos “é tamén contribuír á igualdade de oportunidades”.

A convocatoria establece, finalmente, que as axudas concedidas quedan xustificadas coa documentación presentada coa propia solicitude, aínda que as persoas beneficiarias deberán conservar durante catro anos os documentos acreditativos dos gastos financiados, por se fosen requiridos no marco das actuacións de control e fiscalización.

Bases da convocatoria
Anexo I – Solicitude Educación infantil
Anexo II – Solicitude estudos obrigatorios
Anexo III – Solicitude estudos posobrigatorios

Share.