As asociacións poderán solicitar até o 2 de outubro as axudas do Concello para actividades culturais

0

As asociacións veciñais e outras entidades sen ánimo de lucro xa poden presentar as súas solicitudes para acceder ás subvencións do Concello de San Sadurniño destinadas a apoiar a actividade cultural desenvolvida durante o ano 2026. A convocatoria, publicada no BOP, conta cun orzamento total de 12.000 euros, dos que 11.000 euros se reservan para a Liña 1, de actividades culturais, e 1.000 euros para a Liña 2, destinada a gastos de mantemento, infraestrutura e equipamento cultural daqueles colectivos que teñan local en propiedade ou alugado. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata as 00:00 horas do 2 de outubro. O trámite deberá facerse a través da Sede Electrónica municipal empregando os modelos oficiais da convocatoria.

As axudas teñen como finalidade apoiar o tecido asociativo local tanto nos seus gastos de funcionamento como no desenvolvemento de programas de dinamización cultural. As axudas concíbense en réxime de concorrencia competitiva e buscan, entre outros obxectivos, promover a difusión das manifestacións culturais e da identidade propia de Galicia, así como a recuperación e posta en valor do patrimonio tradicional, histórico, musical, folclórico, etnográfico ou lingüístico.

Este ano volven convocarse dúas liñas. A primeira está pensada para o financiamento de actividades culturais, tanto puntuais como de carácter anual, dentro das cales poden incluírse celebracións, homenaxes, exposicións, publicacións, concursos, certames, mostras, eventos musicais, encontros, conferencias ou estudos, entre outras iniciativas relacionadas coa conservación, promoción e divulgación dos valores culturais galegos.

Neste sentido, os gastos subvencionables serán os relacionados coa contratación de persoal para a dirección, coordinación ou monitoraxe das actividades,  os materiais funxibles, o material didáctico, o alugueiro de equipamentos e infraestruturas, a contratación de artistas, a publicidade, os seguros ou o transporte de viaxes culturais.

Por outra banda, a Liña 2 cubrirá gastos de mantemento, infraestrutura e equipamento cultural das entidades que dispoñan de local en propiedade ou aluguer. Poderán incluírse tanto gastos correntes directamente relacionados co inmoble —como electricidade, auga, calefacción, gas ou materiais de limpeza— como actuacións de mantemento ou mellora, reformas, ampliacións e equipamento do local.

As axudas concederanse seguindo unha decena de criterios puntuables, como por exemplo o interese xeral, o fomento de valores relacionados coa igualdade ou a solidariedade, a innovación, o orzamento global, que se trate de accións de recuperación do patrimonio ou da cultura, que se fomente a participación da mocidade ou a solvencia organizativa demostrada pola entidade solicitante en anos anteriores, entre outras.

A contía máxima por entidade beneficiaria é de 4.000 euros para as actividades culturais da Liña 1. O tope da achega no caso da Liña 2 serán 1.000 euros. As subvencións serán compatibles entre elas -unha entidade podería obter até 5.000 euros de subvención- e con outras axudas destinadas á mesma finalidade, aínda que a suma de todas elas non poderá superar o custo total da actividade subvencionada.

Poderán solicitar estas axudas as asociacións e entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas, con domicilio social en San Sadurniño, que desenvolvan actividades de interese municipal e estean inscritas no Rexistro municipal de entidades. Excepcionalmente, tamén poderán acceder entidades non domiciliadas no concello cando desenvolvan actividades de interese municipal dentro de San Sadurniño ou en beneficio deste, así como agrupacións de persoas físicas ou xurídicas constituídas sen finalidade lucrativa.

As solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica do Concello de San Sadurniño, empregando os anexos oficiais. Entre a documentación requirida figuran a programación anual de actividades culturais e o correspondente orzamento, ademais da documentación identificativa da entidade e da súa representación, salvo aquela que xa conste actualizada no Rexistro municipal. No caso de solicitudes relacionadas con obras de infraestrutura para entidades con local en propiedade, deberán achegarse tamén a memoria ou proxecto correspondente e a documentación específica prevista nas bases.

As entidades beneficiarias deberán ter en conta, ademais, os compromisos de difusión establecidos na convocatoria. O material publicitario das actividades subvencionadas deberá facer constar o patrocinio do Concello, empregar a lingua galega e respectar a toponimia oficial, a identidade visual municipal e a linguaxe inclusiva, incorporando tamén o logotipo do Xeoparque do Cabo Ortegal. A xustificación das axudas concedidas deberá presentarse antes do 30 de novembro de 2026, na Sede Electrónica municipal ou nos restantes rexistros electrónicos habilitados.

Bases da convocatoria de axudas para Cultura
Solicitude de subvención para Cultura
Xustificación da subvención para actividade
Xustificación da subvención para infraestrutura

Share.