O Concello abriu hoxe a convocatoria deste ano de subvencións para apoiar o funcionamento dos clubes e colectivos que desenvolven actividades deportivas no municipio. A liña, dotada con 14.000 euros, busca apoiar a súa programación, ademais da participación en competicións e o papel que desempeñan na promoción da práctica deportiva. A concesión farase en réxime de concorrencia competitiva e terá en conta, entre outros aspectos, o número de licenzas federativas, a participación en competicións de deportes olímpicos e a titularidade das instalacións. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 28 de setembro.
Poden acollerse á convocatoria as entidades deportivas rexistradas con domicilio social en San Sadurniño, sempre que estean ao corrente das súas obrigas fiscais e económicas coas administracións públicas. Ademais, as actividades subvencionables deberán levarse a cabo dentro do exercicio 2026.
A axuda poderá cubrir gastos correntes vinculados á actividade, como as inscricións e fichas federativas, desprazamentos, arbitraxes, servizos sanitarios relacionados coa competición, transporte ou adquisición de material deportivo, así como outros custos ordinarios de funcionamento. Quedan fóra os gastos financeiros, notariais, rexistrais ou periciais, as multas e sancións, os recargos e os tributos directos. Tampouco serán admisibles os gastos derivados de xantares, eventos gastronómicos ou actividades similares.
Os 14.000 euros cos que están dotadas as axudas distribuiranse segundo a puntuación obtida por cada solicitude atendendo aos criterios obxectivos establecidos nas bases. A convocatoria diferencia entre as formacións que participan en competicións de deportes olímpicos e as que non, reservando 7.000 e 1.500 euros, respectivamente, para o cálculo das axudas en función das licenzas federativas.
Ademais, establécese unha partida específica de 1.500 euros vinculada á titularidade das instalacións, outros 3.000 que se asignarán dependendo do número de equipos por categoría e, por último, o importe restante até completar a partida total distribuiranse segundo a contía orzamentaria do programa presentado ás axudas. Cómpre ter en conta que á hora de baremar, as licenzas federativas femininas contarán o dobre, como acción afirmativa da participación da muller no deporte.
A documentación que acompañará a solicitude deberá incluír a memoria das actividades, o orzamento de ingresos e gastos e, segundo o caso, a composición actual da xunta directiva, o CIF, a acreditación da titularidade da instalación utilizada, a certificación da federación correspondente e os datos bancarios. Os documentos que xa obren en poder do Concello non terán que volver achegarse, sempre que estean actualizados.
As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello ou dos demais rexistros electrónicos habilitados pola normativa, empregando os modelos oficiais da convocatoria. Se a documentación presentada non reúne os requisitos establecidos, abrirase un prazo de dez días hábiles para corrixir as deficiencias. A resolución corresponderá á Xunta de Goberno Local, unha vez avaliadas as propostas conforme aos criterios recollidos nas bases.
As entidades beneficiarias deberán xustificar a aplicación dos fondos mediante a presentación dunha memoria, un balance de ingresos e gastos, a relación doutras axudas ou ingresos percibidos e as correspondentes facturas, acompañadas dos xustificantes bancarios de pagamento. O prazo para completar esta xustificación rematará o 30 de novembro de 2026. As subvencións serán compatibles con outras achegas, sempre que a suma de todas elas non supere o custo da actividade financiada.
A convocatoria tamén establece compromisos en materia de publicidade do financiamento municipal, uso da lingua galega, igualdade e inclusión. Así, o apoio do Concello deberá figurar nos materiais de difusión das actividades e as accións comunicativas deberán empregar linguaxe inclusiva e incorporar os elementos de identidade visual municipal previstos nas bases.
As axudas para Cultura, tamén en breve
Nos próximos días está previsto publicar tamén a convocatoria de subvencións para Cultura, completando así as principais liñas municipais de apoio ao tecido asociativo que non conta con subvención nominativa para o desenvolvemento de accións concretas. De feito, todos aqueles colectivos, tanto culturais como deportivos ou doutro tipo, cos que se asinan este tipo de convenios non poden presentarse ás axudas en concorrencia competitiva.
Bases da convocatoria
Formulario de solicitude
Folla de xustificación das axudas (para presentar unha vez concedida a subvención e efectuados os gastos)