O Concello de San Sadurniño acaba de lanzar, un ano máis, a convocatoria de axudas para fomentar a plantación de froiteiras autóctonas no municipio. A iniciativa conta cunha dotación global de 10.000 euros e busca recuperar e poñer en valor variedades tradicionais de maceira, ameixeira e pereira, ademais de reactivar terreos abandonados ou situados en faixas de limpeza obrigatoria para previr o efecto dos incendios forestais. A subvención será de ata 10 euros por planta, cun máximo de 2.000 euros por solicitude. As bases completas poden consultarse no BOP, onde tamén se indica que hai un mes de prazo contado desde hoxe para solicitalas (até o luns 28 de setembro).
A convocatoria céntrase en variedades froiteiras propias ou tradicionalmente presentes no territorio. No caso das maceiras, poderán acollerse as plantacións de Ollo Mouro, Príncipe —tamén coñecida como Ollo Branco, Landoy ou do Río Vello—, Roxelia, Da Sega e Reineta de San Bieito. Para as ameixeiras inclúense as variedades Collón de Frade e Arillo, mentres que no caso das pereiras será subvencionable a Urraca Lexítima.
Con carácter xeral, a superficie mínima para unha variedade será de 1.000 metros cadrados, cun tope de 4.000. Cando se planten dúas ou máis variedades, a superficie máxima poderá chegar aos 6.000 metros cadrados. Existe ademais unha superficie mínima específica de 250 metros cadrados para as plantacións dunha soa variedade situadas en parcelas afectadas polas faixas secundarias de xestión da biomasa, unha novidade introducida este ano para promover que as froiteiras sexan un elemento de activación das terras abandonadas e de protección contra o lume.
En canto á densidade, o marco mínimo de plantación será de 4 x 5 metros para maceiras e pereiras e de 4 x 4 metros para ameixeiras. As persoas beneficiarias deberán colocar un protector de árbores de polo menos 120 centímetros de altura e manter a plantación na parcela durante un mínimo de catro anos desde a resolución de concesión. As fincas deberán estar libres, no momento da solicitude, de plantacións das variedades incluídas na convocatoria.
Poderán solicitar as axudas as persoas físicas maiores de idade que sexan titulares catastrais das parcelas ou acrediten un dereito de uso sobre elas por un período mínimo de dez anos, ademais de cumprir o resto dos requisitos establecidos nas bases. Cada persoa poderá presentar unha única solicitude e, inicialmente, deberá optar por unha soa variedade, agás no caso de que dispoña dunha superficie mínima de 2.000 metros cadrados para cada unha das variedades solicitadas.
A valoración das solicitudes terá en conta dous criterios: o empadroamento no Concello de San Sadurniño con polo menos tres meses de antelación, que achegará 20 puntos, e o número de persoas que integran a unidade de convivencia, cunha puntuación que poderá chegar aos 30 puntos. Deste xeito, a convocatoria establece un máximo de 50 puntos por solicitude.
As bases reguladoras e a convocatoria foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 26 de agosto. O prazo de presentación rematará o luns 28 de setembro e as solicitudes poden presentarse no Rexistro Xeral do Concello, na sede electrónica municipal ou nos demais lugares previstos pola normativa que regula as relacións coas Administracións públicas.
Bases da convocatoria
Formulario de solicitude
Declaración responsable
Xustificación da adquisición das froiteiras
Xustificación da plantación das froiteiras