XXIX Feira da Plantación

0
San Sadurniño volverá vestirse coas cores da primavera o domingo 26 de abril nunha nova edición da Feira da Plantación, o escaparate da produción floral e de planta ornamental da comarca que tamén reunirá artesanía e outros artigos relacionados con este mundo. O Concello volve organizar o evento no que colaboran Planteles Vivergal e a Deputación da Coruña, ademais dos postos que acudirán á cita con toda a súa oferta.

A XXIX Feira da Plantación contará principalmente con planta de temporada coa que decorar xardíns e balcóns, pero tamén con árbores froiteiras e materia prima para poñer morteiros -pemento, leituga, tomateiras, etc.- que converten o recinto no sitio ao que hai que vir, si ou si, para facerse con todo o necesario, incluídas sementes, ferramentas e maquinaria.

Onde?
Desde 2022 a feira celébrase no arboreto autóctono da Cortiña, ao pé do paseo fluvial do Xuvia e da Fraga Máxica (localización en Google Maps), para gozar dun espazo máis amplo e accesible.

Quero ir co meu posto
Os postos que desexen participar na feira poden presentar a súa solicitude até o 13 de abril no rexistro municipal (ata as 14:00h), na Sede Electrónica (ata as 23:59h) ou por correo postal (Concello de San Sadurniño, Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña). Os prezos de participación dependerán do número de metros liñais que se queiran reservar. As entidades sen fins de lucro poderán instalarse de balde (tamaño de posto de 1 a 5 metros frontais por 5 de fondo como máximo). Os expositores e expositoras poderán instalar as súas propias carpas e toldos ou solicitarlle ao Concello ese equipamento, ademais de toma de electricidade.

As cotas que rexerán na feira serán as seguintes:

  • 1 a 5 metros frontais por 5 de fondo: 10€
  • 6 a 15 metros frontais por 5 de fondo: 25€
  • 16 a 25 metros frontais por 8 metros de fondo: 60€
  • Postos que soliciten carpa de 3x3m instalada polo Concello: 100€
  • Postos que soliciten carpa de 5x5m instalada polo Concello: 150€
  • Postos que soliciten carpa de 12x6m instalada polo Concello: 250€

Se se solicita unha toma de corrente, o prezo incrementarase en 15€. A maiores, os postos de alimentación que precisen estacionar o seu vehículo durante toda a xornada dentro do recinto feiral tamén verán aumentada a cota en 20€.

Folla de solicitude

PROGRAMA

10:00h. Apertura de postos – Con venda de planta e artesanía relacionada co mundo floral, produtos da terra, alimentación e maquinaria de xardín e horta.

11:00 a 19:30h. Obradoiros e demostracións

  • Obradoiro “En busca dos segredos da Cortiña” , ás 12:30h e 17:30h. Unha busca do tesouro moi entretida para toda familia, coordinada pola Cooperativa Rexenerando. 20 prazas dispoñibles. Inscricións no posto do Concello
  • Demostracións de Arte Floral, ás 11:00 e ás 16:30h. Sen inscrición.
  • Cociña en directo con degustación,  co cociñeiro André Arzúa -promotor do centro gastronómico “Espazo abella- con sesións ás 11:30h, 13:00h e 18:00h. Sen inscrición. Actividade encadrada no programa “A Paisaxe que sabe”, promovido pola Área de Turismo da Deputación da Coruña.
  • Degustación de produtos do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla. Durante todo o día.
  • Exposición do Xeoparque do Cabo Ortegal: “Unha ollada ás rochas que pisamos”.

14:00 e 19:45h Sorteo de ramos e centros florais da XXIX Feira da Plantación
As rifas entregaranse con cada compra. Haberá que depositalas na urna situada na carpa principal. Os sorteos serán presenciais ata que apareza a persoa premiada.

Actuación ao longo da xornada do grupo Faíscas da Pontraga. Na feira tamén haberá un espazo para xantar. Outra opción é vir de merenda e pasar o día nalgún dos recunchos do paseo fluvial ou acudir a algún dos restaurantes do concello. Nese caso recoméndase reservar mesa, sobre todo nos dous que quedan máis preto do evento.

20:00h Clausura da XXIX Feira da Plantación

Todas as persoas que acudan á feira poderán levar de agasallo unha bolsiña con plantas ornamentais, gracias á colaboración da empresa local Vivergal S.L.

organiza-colaboran

Volver á portada >>>>

Share.