Todo listo para as votacións do domingo

0

Esta medianoite remata a campaña electoral. E despois do sábado de reflexión, chegará un domingo de Eleccións ao Parlamento Galego que promete ser ben intenso tralo peche das mesas, á espera de que se vaian coñecendo datos de participación e os primeiros avances de resultados dunha cita que, quizais, sexa a máis aberta e incerta (en canto a como quedará a cousa) de todas cantas se teñen celebrado. Así o indicaron os estudos demoscópicos publicados até o pasado luns e tamén o dan a entender tanto os medios de comunicación como as parolas que se escoitan aquí e acolá, que coinciden en que con toda probabilidade vai haber unha redistribución de pesos parlamentarios. Se vai ser moita ou pouca saberase o domingo á noite ou, se cadra, cando se reconte o voto da emigración. Como queira que sexa, o domingo é xornada electoral, unha cita á que están chamadas en San Sadurniño as 2.406 persoas que figuran no censo de residentes e 470 inscritas no Censo Electoral de Residentes Ausentes.

As mesas electorais constituiranse ás 8:00h e, se non hai imprevistos, abrirán as portas a partir das 9:00h con 11 horas por diante -ata as oito do serán- para que a xente poida ir votar cando mellor lle cadre.

O noso concello está repartido en seis colexios electorais: o de San Sadurniño -situado no recibidor do CPI-, o de Naraío -no local social da Veiga-, o de Santa Mariña do Monte -no local social da Golpilleira-, o de Bardaos -no local da Bañoca- e o de Lamas, no centro veciñal do Chao. O único cambio en canto aos lugares de votación dase no sexto colexio, xa que as parroquias de Ferreira e Igrexafeita compartirán mesa na antiga escola da Leiriña, situada ao pé da estrada DP-7601 a medio camiño entre Ferreira de Abaixo e de Arriba.

A razón dese agrupamento obedece á baixada do censo de Igrexafeita, que nos últimos anos conseguiu termar da súa mesa cun préstamo de votantes das zonas limítrofes de Naraío e Ferreira. Unha situación que nesta ocasión non se cumpría, posto que o listado de electores e electoras quedou en 198 persoas, a dúas do mínimo legal para poder manter a mesa.

Desta maneira, e a instancias do INE, o Concello propuxo concentrar ambas parroquias nun mesmo colexio electoral procurando que quedase máis ou menos á man de todo o electorado afectado polo cambio. Así, as persoas de Ferreira que antes votaban no local social da Seara terán que acudir á Leiriña, igual que os e as votantes que até agora o facían en Igrexafeita. Por outra banda, o electorado de Naraío que até as municipais votou en Igrexafeita, volverá facelo na súa parroquia, no local social da Veiga.

De cara a adecentar a mesa electoral da Leiriña, o Concello acometeu nas últimas semanas varias melloras no antigo recinto escolar construído a principios do século XX con fondos da emigración. Fíxose unha limpeza xeral, pintáronse as paredes e colocáronse varias fotografías, unha delas da “comisión constituida por entusiastas vecinos de Ferreira, encargados de la administración y construción de las escuelas Montevideo y Buenos Aires, donadas por la Sociedad Pro Escuelas en Ferreira, establecida en Buenos Aires y Montevideo“.

Ademais tamén se preparou a entrada principal cunha beirarrúa e unha rampa que mellore a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.

 

 

 

Share.