Só 34 municipios galegos teñen en funcionamento unha mesa de coordinación contra a violencia de xénero

0
58 concellos galegos constituíron até o momento unha Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Trátase dun organismo no que se dan cita distintas entidades da sociedade -sanitarias, educativas, administracións, forzas de seguridade, etc.- co obxectivo de avanzar na prevención e na rápida resposta ante casos de violencia contra das mulleres. 58 municipios són só o 18% das entidades locais de Galicia e, ademais, tampouco son todos os que teñen as mesas de coordinación en funcionamento, tal e como quedou patente na asemblea convocada a semana pasada pola Secretaría Xeral de Igualdade para falar desta cuestión. Segundo a Xunta nestes momentos só 35 concellos están promovendo o traballo das mesas. San Sadurniño é un deles e hai uns días representantes municipais participaron en Santiago nunha xornada de traballo para contribuír á implantación en Galicia deste modelo de coordinación interinstitucional.

A creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero acordouse por unanimidade dos tres grupos da corporación municipal no pleno do  9 de xaneiro de 2016, aínda que o ente xa viña funcionando de forma oficiosa desde a posta en marcha en 2013 do primeiro plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (I PIOMH).

A MLC é un organismo de carácter técnico que se reúne en San Sadurniño cada seis meses con carácter ordinario -e de forma urxente se as necesidades así o requiren- co obxectivo de continuar avanzando na loita contra a lacra social da violencia machista.

Por parte do Concello participan na mesa a traballadora social, a técnica de Igualdade e a orientadora laboral, ademais do edil de Servizos Sociais, Suso Soto, e a  responsable política de Igualdade -e presidenta da mesa- Ana B. Gundín. As outras institucións integradas na mesa son a Garda Civil -a través do responsable do posto de San Sadurniño-, o PAC  e o CPI de San Sadurniño, representado pola orientadora educativa.

Cada unha destas institucións ten os seus propios procedementos de actuación cando existen evidencias de malos tratos, de aí que o obxectivo principal da Mesa é a coordinación de todas as partes para lograr unha maior efectividade e axilidade na resposta ante o problema. As liñas de traballo marcan catro grandes ámbitos: a detección precoz, a intervención inmediata, o seguimento dos casos -especialmente na atención ás vítimas- e todo o relacionado con campañas de sensibilización e educación.

Con esta experiencia, San Sadurniño acudiu ao encontro convocado en Santiago pola Secretaría Xeral de Igualdade o pasado 30 de marzo. Nel organizáronse varios grupos de traballo para tentar definir os atrancos que están impedindo o arranque ou o avance das mesas en toda Galicia. Segundo asegura a responsable municipal de Igualdade, Ana B. Gundín, os problemas que se puxeron enriba da mesa foron “a falla de formación e sensibilización; unha maior implicación institucional, sobre todo por parte dos centros de ensino e a indefinición sobre a periodicidade das xuntanzas e a duración que deben ter as mesas”.

Tempos para compartir

Noutra orde de cousas -aínda que en relación coa área de Igualdade- o sábado desenvolveuse en Igrexafeita a sesión correspondente ao mes de abril do programa Tempos para compartir. Nesta ocasión foi un novo veciño de Naraío, Eros Villasuso, quen compartiu os seus saberes culinarios no local social de Igrexafeita.

Villasuso é un fondo coñecedor da hostalaría e impartiu unha clase maxistral sobre como preparar sobremesas relacionadas coas festas da pascua, como é o caso do biscoito ou mona de pascua ou o leite fritido. Ao obradoiro celebrado na cociña do local da AVV Adiante asistiron unha ducia de persoas.

Para o mes de maio xa hai obradoiro: arte e decoración floral. Impartirao a florista Tania Couce en Santa Mariña do Monte o sábado 13. Ofrécense 12 prazas que se cubrirán por orde de chegada -e prioridade para persoas empadroadas- chamando ao 981 490 027 ext. 1. A data límite para inscribirse é o 28 de abril.

Share.