San Sadurniño pecha unha das feiras rurais máis concorridas que se lembran

0

A VIII Feira Rural de San Sadurniño clausurouse esta tarde pouco despois das 19.30h. deixando un bo sabor de boca tanto na organización do evento como nos postos participantes. O tempo -especialmente o da tarde- axudou a que a xornada se desenvolvese cunha boa afluencia de público que desde o Concello se sinala como “superior á do ano pasado” aínda que sen aventurar ningunha cifra, e tamén cun bo volume de vendas, principalmente no apartado da alimentación e do produto transformado. O titular da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, mostrouse satisfeito polo resultado deste ano, insistindo de novo en que a feira “é un encontro xa consolidado e que vai a máis”. O peche da VIII Feira Rural non supón, porén, o remate da actividade á beira do Xubia, posto que mañá domingo durante toda a tarde e ata ben entrada a noite -a partir das 14.00h.- o contorno do arboreto acollerá o II Sons na Cortiña con propostas para toda a familia e os concertos de Milómanos, The Lákazans, Sandford Music Factory e Familia Caamagno.
Manolo Varela sinala como factor determinante do éxito alcanzado pola feira nos últimos anos “a aposta polos produtos alimentarios de calidade como principal atractivo do evento”. Se ben cuantitativamente houbo máis postos de artesanía e/ou segunda man, nesta edición da feira houbo un importante incremento de expositores relacionados co mundo agroalimentario e, nomeadamente, coa produción ecolóxica. Un factor que contribuíu a encher mellor o espazo e que, segundo o titular da área de Desenvolvemento Local, tamén lle imprimiu “un maior dinamismo” ao evento. Algo que, segundo Varela, “se traduciu en máis vendas para todos e todas”.

E é que aos postos asiduos tanto da feira como dos mercados estacionais hoxe uníronselles 22 expositores con produtos certificados polo CRAEGA, procedentes de toda Galicia. “Viñeron produtores e produtoras de Pontevedra, de Ourense e mesmo de lugares tan afastados de San Sadurniño como o Courel”, apunta Manolo Varela quen engade que o encontro “está consolidado e cada vez vai a máis”.

Outro dos factores importantes foi o tempo, que tras unha mañá de calor abafante ofreceu unha tarde de ceo completamente limpo e unha brisa suave que convidaba a pasear tanto pola feira como polo contorno do Xubia, por onde moitos e moitas se animaron a navegar nos kaiacs dispostos polo Concello en colaboración coa asociación Oitomil Ocio e Aventura. Esta foi unha das actividades máis concorridas dunha xornada que tamén ofreceu dúas exhibicións de cetraría, dous obradoiros infantís de cociña creativa, visitas á horta de froiteiras e ao colmear didáctico e tamén degustacións de viño branco lexítimo e sidra producidos pola CFEA de Guísamo, que se acompañaron con queixo do Casal.

Concurso de froita e proba de Agility
Este ano o concurso de froita autóctona quedou en San Sadurniño. A familia López Pouso levou o terceiro premio cun cesto de mazás pintas, mentres que o segundo foi para Víctor Pita, de Bardaos, quen presentou un cesto de mazá de San Xoán roxa. O vencedor nesta ocasión foi Manuel Ángel López, de Naraío, cunhas saborosas ameixas da variedade “Claudia do País Negra”.

A AGFA do Eume, coorganizadora do concurso ao que se presentaron unha ducia de cestos, aproveitou a xornada para mostrar o traballo de preservación e multiplicación que se desenvolve na horta “Carlos Fornos”, situada ao pé da feira. Pero tamén se valeu do constante ir e vir de xente para recabar sinaturas de apoio ao manifesto co que reivindican o unha maior implicación institucional e normativa da Xunta, o Estado e a UE na protección e difusión das castes de froita autóctona. Unha iniciativa que durante a feira suscribiron máis de 500 persoas e que agora se achegará a concellos e outras entidades.

Co gallo da Feira Rural tamén se desenvolveu a  IV Copa Agility Concello de San Sadurniño coa disputa de dúas competicións caninas. Os tres primeiros postos na Clase STD-Grao 1 ocupáronos Marcus, de Alberto Camba; Tea, de  Diego Gómez e, en terceira posición, Elvis, de Daniela Pérez. Na Clase MIDI  e MINI o podio foi para Rex, de Leticia Herrero, para Huno, de Marián Salorio e para Nara, quen quedou terceira con Sonia Ramos como guía.

E este domingo, II Sons na Cortiña
E un día despois da Feira Rural, a finca da Cortiña continuará acollendo actividades de lecer. E é que este domingo se celebra o II Sons na Cortiña, un festival que na súa segunda edición conta con entidade propia e cunha programación específica capitalizada pola música e por unha oferta dirixida a público familiar e xuvenil. A cita comezará ás 14.00h. e prolongarase case ata a medianoite con obradoiros e concertos promovidos polo departamento municipal de Mocidade en colaboración coa asociación cultural AC/DZ, Artelladas, a escola multidisciplinar Gazapo, o club Brío e a Deputación da Coruña.

O Sons na Cortiña naceu en 2015 como festival musical para a xente nova e como continuación nocturna da Feira Rural. Porén, este ano o Concello optou por desdobrar os dous eventos na última fin de semana de agosto, de xeito que o Sons pasará ao domingo cunha programación de seu e ampliada arredor do eixo principal da música.

O festival abrirá ás 14.00h. cunha sesión vermú con Milómanos, o grupo formado por Milo Aguiar, Manu Pérez, Julián Martínez e Antón Casal que se move entre temas propios e versións de clásicos do pop, o rock e o blues. Xunto coa música, o público tamén poderá petiscar e mesmo xantar no propio recinto, xa que a organización reservou unha zona food-trucks ou, dito como é, unha área para caravanas e furgóns onde se servirá todo tipo de comida rápida.

A iso das 16.30h. comezarán os obradoiros de grafitos e de elaboración de chapas. Dúas actividades abertas a todo o público pero especialmente pensadas para a infancia e a mocidade que estarán dirixidas por Artelladas e a escola Gazapo, cunha longa traxectoria na dinamización de grupos xuvenís. A esa hora tamén está prevista unha exhibición do club Brío, que mostrará unha das súas últimas montaxes coreográficas, promocionando ao mesmo tempo a rítmica e o baile moderno entre a xente nova de ambos sexos.

A partir das 17.30h. xa se encadearán concertos. O primeiro deles será cousa do grupo Los Plutones e o seu percorrido pola historia do rock para nenos e nenas. A formación coruñesa dará a oportunidade de que a xente miúda descubra temas que seguramente descoñecía mentres lle refresca a memoria á xente adulta. A fórmula elixida polo grupo é a de combinar a música con pequenas historias que fan de fío condutor do concerto e como escusa para a interactuar co seu público.

Tras Los Plutones subirán ao escenario The Lákazans (18.45h.), a banda de Boiro que mira aos ritmos do soul, o blues e o country inspirada en xente como Elvis, Dylan ou Neil Young. Nacida como tal banda en 2011, The Lákazans fan versións de clásicos deses estilos musicais aos que, pouco a pouco, están incorporándolles temas propios.

A Sandford e Familia Caamagno para rematar a xornada
A última parte do día contará con dous pesos pesados da música que se fai en Galicia na actualidade. Os primeiros serán da casa, a Sandford Music Factory. Tras un parón de varios meses retoman a súa actividade case empatando bolos, posto que o venres 26 estarán en Chantada e o domingo 28 no Sons na Cortiña a partir das 20.15h. A última vez que puidemos velos ao vivo en San Sadurniño foi nas festas de Santa Sabela de 2015, onde deixaron ben claras as razóns de polas que son un referente para público e crítica a nivel internacional. Non negan influencias do rock dos 70, o folk e o punk-rock, pero desde 2005 Miguel Anxo, Lou, Fernán e Xurxo foron quen de construír un estilo propio e inconfundible que multiplica a súa potencia cando tocan en directo.

O último grupo que actuará no Sons na Cortiña (21.45h.) será a Familia Caamagno. Igual que a Sandford, teñen un amplo repertorio propio só que no seu caso é todo en galego, o mesmo que as versións que tamén teñen feito. O seu estilo lévanos directamente ao pop-rock dos 60/70 dos Standells, os Easybeats, The Birds ou The Kinks. Iso si, con letras de aquí e actualizadas. De feito, o seu primeiro disco titulouse “Hai que andar cos tempos!” e agora a banda de Oroso trae a San Sadurniño “Para unha vez que saímos”. Festa, humor e un directo esmagador  para o remate do Sons na Cortiña.

Share.