Responsabilidade individual, iso é o máis importante

0

A declaración dun novo Estado de Alarma onte á tarde e as restricións publicadas pola Xunta en días anteriores supoñen unha dura labazada de realidade para todas e todos nós. Durante o verán moitos pensabamos que iamos no bo camiño, que estabamos conseguindo reducir os seus efectos en termos de saúde pública e socioeconómicos. Pero en todo momento pesaba a incertidume sobre se estariamos preparados para unha segunda onda -prevista para o outono- e se conseguiriamos conter os contaxios. Á vista está que, como sociedade, non fomos quen de logralo. O outono chegou e con el un paulatino incremento de casos que nos últimos días medran a un ritmo exponencial. E todo apunta a que ese aumento pode deberse a unha certa confianza e relaxación no cumprimento de todo aquilo que é fundamental: manter o distanciamento, evitar as xuntanzas de non convivintes, o uso da máscara e a hixiene constante de mans. Seguramente o avance do virus se deba a factores aínda pouco coñecidos e posiblemente a culpa non sexa toda nosa, pero si temos parte dela e, polo tanto, debemos actuar coa máxima responsabilidade. Xornais, televisións e medios dixitais machacan a todas horas con estatísticas e referencias á controversia política sobre as medidas adoptadas. É aí onde teñen posto neste momento o seu foco informativo, deixando nun segundo plano os recordatorios do que temos que facer para protexernos nós e protexer ás demais persoas. Por iso nós volvemos insistir:

  • Hai que manter a distancia con respecto outras persoas, que deberá ser como mínimo de 1,5 metros. A recomendación sanitaria fala de gardar a separación con respecto a persoas que non vivan con nós, pero non está de máis aplicala sempre, incluso -na medida do posible- dentro da propia casa. Recordade que os grupos de persoas están limitados  en Galicia desde hai uns días a un máximo de 5 persoas non convivintes tanto dentro como fóra das casas. Esa é a razón de que debamos ter moito coidado coas reunións familiares e ter en conta ser parentes cercanos ou amigos moi pero que moi íntimos non nos inmuniza ante posibles contaxios. Lembrade que nos bares e terrazas tampouco podemos xuntarnos na mesma mesa máis de 5 persoas non convivintes.
  • É obrigatorio o uso de mascarilla na vía pública, en espazos abertos ao público e tamén en espazos privados onde poidamos coincidir con persoas non convivintes. A máscara ten que ser hixiénica ou cirúrxica e en ningún caso se deben utilizar as que leven válvula exhalatoria (salvo que a precisemos por razóns de seguridade laboral no noso posto de traballo). A máscara débese colocar correctamente e ben axustada: ten que cubrir totalmente os orificios do nariz e a boca e non deixar ocos polo lado da cara. A máscara non se debe manipular salvo que sexa imprescindible e sempre coas mans perfectamente limpas (que haberá que desinfectar despois outra vez). Para poñela ou quitala hai que collela polas gomas de suxeción, nunca polo tecido protector. Cómpre atender tamén aos tempos de uso máximos para cada tipo de máscara, así como ás instrucións de lavado ou limpeza de aquelas que sexan reutilizables. Importante: levar máscara non significa que poidamos prescindir das outras recomendacións, como o distanciamento, o lavado de mans ou a hixiene respiratoria.
  • Téñense que lavar/desinfectar as mans con frecuencia e facelo a conciencia, é dicir, non abonda con refregalas un pouco debaixo da billa e xa: na limpeza de mans hai que investir tempo e facela correctamente. Pasarémoslles unha auga e despois botarémoslles abundante xabón, que faga abondosa escuma. Refregaremos con firmeza as palmas e no medio dos dedos, despois repetiremos a operación no dorso -incluído  de novo o espazo entre os dedos- e darémoslle varias pasadas aos polgares. Insistiremos debaixo das uñas e, despois de dedicarlle arredor de 30 segundos como mínimo a cada man, enxaugarémolas e secarémolas. Cando andemos por fóra da casa é recomendable levar no peto un frasco de xel hidroalcólico e tomar por costume botalo a cada pouco e sempre antes e despois de tocar superficies ou obxectos que puidesen estar en contacto con outras persoas. Se acudimos a calquera establecemento usaremos os dispensadores ao entrar e ao saír.
  • Hai que manter sempre unha correcta etiqueta respiratoria: se tusimos ou esbirramos non debemos quitar a máscara para facelo. Se estamos na casa sen máscara -só en presenza de persoas coas que convivamos- hai que esbirrar/tusir contra un pano desbotable. Se non o temos á man, contra a parte interior do cóbado.
  • Nunca, nunca, nunca tocar os ollos, o nariz ou a boca a menos que o fagamos coas mans perfectamente limpas -tal e como explicamos antes-, xa que as mucosas poden ser un punto de entrada do virus.
  • Na casa -e tamén nos negocios- é imprescindible ser moi dilixentes coa limpeza desinfectando os puntos que máis se tocan: aseos, billas -se son monomando abrirémolas e pecharémolas co cóbado cando lavemos as mans-, manillas de portas, interruptores, mesas, respaldos de cadeiras, etc. Tamén se aconsella ventilar frecuentemente as estancias, aínda que sexa a costa de que nos suba o consumo enerxético da calefacción.
  • No traballo e en calquera outra actividade deberemos seguir rigorosamente os protocolos preventivos que haxa establecidos en cada caso: entradas/saídas polos lugares indicados, distanciamentos, respecto polas capacidades máximas dos recintos, evitar aglomeracións, etc.
  • Aínda tomando todas estas precaucións, ninguén está libre de contaxiarse. E se iso nos ocorre pode ser que notemos síntomas ou non da COVID-19, a enfermidade causada polo coronavirus SARS-CoV-2. Deberemos prestarlle atención aos seguintes sinais: febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos. Poden ser un ou varios ao mesmo tempo e, en calquera caso, deberemos comunicarllo de inmediato ao SERGAS para iniciar o seguemento da nosa situación por parte das autoridades sanitarias. Para dar aviso hai que chamar ao 900 400 116, en ningún caso acudir directamente ao centro de saúde. Se notamos que empeoramos, chamaremos ao teléfono 016 de urxencias. Dependendo do cadro que presentemos, os servizos médicos poden aconsellar a hospitalización ou o illamento domiciliario. Ante a presenza de síntomas, mellor quedar na casa, igual que se temos contactos estreitos con positivos confirmados.

Máis información:
Web do SERGAS sobre o coronavirus
Web do Ministerio de Sanidade 
Web da Organización Mundial da Saúde

Share.