Recordatorios importantes con respecto á COVID-19

0

Levamos unhas semanas co foco mediático posto na situación que se vive en Ucraína, na suba do custe da vida -sobre todo combustibles e electricidade- e, máis recentemente, no paro do transporte por estrada. Problemas gordos do día a día que deixaron nun segundo plano un non menos importante e ao que cómpre que lle prestemos atención: a pandemia. E é que a COVID-19 segue entre nós e debemos seguir protexéndonos dela, aínda que agora practicamente xa non quede activa ningunha das restricións dos meses pasados. Cómpre recordar que de momento segue sendo obrigatorio o uso de máscaras en espazos pechados ou se non podemos gardar a distancia de seguridade con non conviventes. Ademais, se damos positivo tamén temos que seguir confinándonos na casa durante o tempo que marcan os protocolos.

Os datos máis recentes para a Área Sanitaria de Ferrol indican que durante a fin de semana se estabilizaron os casos activos de COVID-19 na comarca, aínda que houbo unha repunta das hospitalizacións. Segundo o SERGAS, ás 18:00h de onte domingo contábanse 1.833 casos, 35 deles hospitalizados (un deles en UCI), e que, se ben se produciron 284 altas tamén se rexistraron 282 novos positivos en tan só dous días.

As cifras que poden obterse na web coronavirus.sergas.gal indican que en San Sadurniño se diagnosticaron 34 casos a 14 días e 26 nos últimos 7 días, sinal de que a incidencia segue indo a máis polo momento.

A vacina surte efecto cunha sintomatoloxía máis leve e unha menor carga hospitalaria, pero a COVID-19 segue contaxiando e para freala só valen as medidas de autoprotección, sobre todo as respiratorias. Malia que aínda segue debaténdose se máscara si ou máscara non, o certo é que a normativa sanitaria en vigor obriga a levala posta a partir dos 6 anos en espazos pechados e abertos ao público (agás nos patios escolares), como son bares, cafetarías, locais comerciais, centros de traballo, oficinas da administración, etc. Tamén é obrigatoria en espectáculos ao aire libre con público de pé e naqueles con público sentado onde non se poida manter unha separación de 1,5 metros entre non conviventes.

A máscara, polo tanto, hai que levala posta e correctamente colocada. Lembramos que na hostalaría só pode retirarse no intre xusto de consumir, de modo que non podemos estar dentro dun bar ou restaurante de parola con ela baixada, e menos aínda se non gardamos a separación con outras persoas.

Como lembranza non está de máis botarlle unha ollada ás medidas preventivas publicadas polo SERGAS e telas sempre presentes mentres non haxa novos cambios.

A precaución tamén debemos poñela en práctica se demos positivo, se somos contacto estreito dunha persoa positiva ou se temos sospeitas. As circulares máis recentes do Servizo Galego de Saúde tamén nos indican como proceder en cada situación:

  • Recomendacións preventivas para contactos estreitos, entendendo por “contacto estreito” calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso, a unha distancia menor de 2 metros durante máis de 15 minutos en 24 horas. O prazo para identificar contactos comeza 2 días antes da data de inicio de síntomas (ou da toma de mostra nos casos asintomáticos).
  • Instrucións de illamento para o caso sospeitoso de COVID-19. O SERGAS segue indicando na súa web que as persoas con síntomas sospeitosos da COVID-19 deben manter medidas de illamento no domicilio ata obter o resultado negativo dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) ou ata que un médico/a lle indique o contrario.
  • Instrucións illamento domiciliario para casos confirmados. A documentación máis recente publicada polo SERGAS (o pasado 4 de marzo) di o seguinte ao respecto dun positivo confirmado: “Permanecerá en illamento no seu domicilio e cumprirá estas indicacións (as recollidas no documento) ata que leve 3 días sen síntomas, sempre que xa pasasen 7 días dende o inicio dos mesmos. No caso de persoas asintomáticas, os 7 días comezarán a contar desde a data da toma da mostra que resultou positiva. No caso de persoas inmunodeprimidas ou daquelas que requiriran hospitalización, o illamento deberá prolongarse ata pasados 14-21 días. Teña en conta que sempre será o persoal sanitario quen lle indique cando pode finalizar estas medidas en función da súa situación particular”. É importante ter en conta que agora DEBEMOS SER NÓS QUEN INFORMEMOS DE QUE SOMOS POSITIVOS/AS AOS NOSOS CONTACTOS ESTREITOS, posto que xa non hai equipos de rastrexo facendo ese labor.
  • Instrucións para persoas coidadoras de doentes positivos. O que di o SERGAS na documentación de instrucións ao respecto de persoas positivas que deban ser asistidas é o seguinte: “A persoa coidadora nunca poderá ser unha persoa con enfermidades de base (cardíacas, renais, hepáticas, diabetes, inmunosupresión…) estar embarazada ou en período de lactación. Durante os días do illamento do/a doente debe seguir as medidas de prevención indicadas no documento, sempre que non presente síntomas. Ao remate do illamento do/a doente, o coidador ou coidadora  terá que permanecer en corentena ata que pasen 10 días do último contacto coa persoa enferma”.

Débese recordar, por último, que no caso de notar síntomas coincidentes coa COVID-19 (tose, febre, dificultade para respirar, etc.) podemos contactar por teléfono co Centro de Saúde e, se os efectos son máis graves, chamar directamente ao 061, en ningún caso acudir a urxencias polos nosos medios.

Share.