Ramiro Martínez, enxeñeiro agrónomo: “a avespiña do castiñeiro veu para quedar”

0

O local social de Naraío acolleu o sábado unha interesante charla sobre a avespiña do castiñeiro, unha nova praga que xa chegou á nosa zona e que representa unha grave ameaza para os soutos, especialmente para os que producen froito. O enxeñeiro agrónomo e viveirista Ramiro Martínez explicou as peculiariedades deste andazo procedente de asia -igual que a velutina- contra o que xa pouco se pode facer, agás aprender a vivir con el. O técnico é tallante neste sentido asegurando que as medidas de loita biolóxica só permiten polo momento controlar a avespiña que, segundo Martínez, “veu para quedar”.

A avespiña do castiñeiro é un insecto peculiar. Só hai femias que se reproducen por si sen necesidade de machos. Algo que, sen embargo, non lle impediu a esta especie mutar e adaptarse a distintos climas do mundo. A ciencia non deu aínda cunha explicación sobre este fenómeno. O que si se sabe é que o método de loita máis efectivo é o biolóxico por medio doutro insecto, o Torymus sinensis. Este último é tamén orixinario de Asia e demostrou a súa eficacia noutros países, aínda que aquí o seu uso “está en fase experimental” por parte do Ministerio de Agricultura e a Xunta, posto que a súa introdución masiva podería supor un perigo ambiental.

Desde 2015 a Xunta foi incrementando pouco a pouco as soltas do depredador, que neste 2018 chegarán a 800.000 exemplares. Incluso aínda que se multiplicase ese número, Ramiro Martínez augura que “a erradicación é imposible” e que, polo de agora, só podemos aspirar a manter a avespiña controlada para que as producións de castaña “sexan aceptablemente boas”.

A avespiña do castiñeiro, denominada  Dryocosmus kuriphilus é pouco máis grande ca un gran de arroz. Crese que chegou a Italia hai uns quince anos nunha remesa de planta parasitada procedente da China. A súa propagación foi inmediata debido en boa medida á dificultade para detectala. E é que cando as árbores mostran signos da súa presenza o mal xa está feito.

O insecto “ataca poñendo os seus ovos nas xemas verdes dos castiñeiros a partir de xuño normalmente. Despois os ovos permanecen alí ata a seguinte campaña, que é cando brota o castiñeiro e se ven as bugallas que se forman”. As bugallas son avultamentos creados pola árbore para defenderse do parasito. Dentro delas é onde se desenvolven as larvas e de onde sairá a nova xeración de avespiñas.  Ese proceso de case un ano de duración provoca, ao cabo, a caída das follas e o secado de pólas, de maneira que a árbore ve mermada ata nun 80% a súa capacidade para producir e incluso pode chegar a morrer.

A avespiña do castiñeiro é un problema de primeira orde en toda Galicia. Tamén na nosa zona, onde é doado atopar árbores afectadas. “Pódese facer moi pouco, polo menos polos nosos medios. Cando son plantacións novas hai que eliminalas, recollelas e queimalas; cando son árbores vellas realmente é un traballo imposible”, explica Martínez. O técnico defende tamén que os viveiros pouco poden facer para combater a praga: “aos viveiristas dísenos que temos que vender planta limpa de avespiña… pero aínda que o consigamos, cando se saque esa planta para o campo, ao ano seguinte estará infectada”.

A este respecto, o experto considera que, hoxe por hoxe, o único viable é “que haxa Torymus sinensis suficiente para que controle a praga” e na charla impartida o sábado en Naraío -organizada pola AGFA do Eume e o Concello- lanzou unha mensaxe pouco alentadora: “hai que ir asumindo que temos que convivir con isto. É unha praga que, como se adoita dicir, veu para quedar, igual que a avespa asiática”.

Share.