¿Que poido facer e que non poido facer a partir do luns… e como se vai facer?

0

Galicia entrará o luns na Fase 1 do proceso de desescalada planificado polo Estado para ir pasando progresivamente á nova normalidade post-crise. Anunciárono onte o Ministro de Sanidade, Salvador Illa, e tamén o director do Centro de Coordinación de Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, como anticipo do documento publicado esta mesma mañá polo BOE no que se reflicten todas as cousas que se poderán facer -e tamén as que non- durante esta segunda fase do proceso de transición. Unha fase que, como a anterior e as que quedan por vir, se manterá durante 15 días e na que o principal é a responsabilidade individual. Illa e Simón insistiron moito niso, en que o alixeiramento das restricións debe levarnos a extremar máis aínda as precaucións e non baixar a garda. O avance cara esa nova normalidade vai depender de como nos comportemos -distancia social, hixiene, etiqueta respiratoria, etc.- e da capacidade que teñamos en conxunto para evitar repuntes da COVID-19 que saturen de novo a sanidade pública e que lle dean a estocada definitiva a unha economía xa de por si maltreita.  Nos seguintes apartados resumimos as epígrafes publicadas hoxe no BOE que, nalgún caso, seguramente precisarán aclaracións nas próximas horas ou días. 

PASEOS E DESPRAZAMENTOS

  • Permítese a circulación dentro do ámbito da provincia, por exemplo para visitar familiares (non se son persoas maiores, están en corentena ou pertencen a un grupo de risco), facer compra en comercios, acudir a mercados ou a calquera outra das actividades permitidas na Fase 1. Porén, da lectura da parte final  do documento publicado hoxe no BOE -e das declaracións feitas onte por Fernando Simón- despréndese que segue activa a orde 380/2020 que regula os paseos e a actividade física. Polo tanto, aínda que en San Sadurniño non haxa franxas horarias si debe seguir respectándose todo o relativo aos paseos e actividade física ao aire libre -unha vez ao día, paseos nun quilómetro arredor do domicilio e deporte dentro dos límites municipais-. En calquera caso, esta información debe tomarse con certa prudencia xa que seguramente mereza algún tipo de aclaración ou precisión nos próximos días ou horas por parte do Estado ou da Xunta.
  • Ollo coas reunións familiares ou con amizades (grupos de non máis de 10 persoas a menos que sexan convivintes): débese respectar a distancia social. Mellor aforrar en bicos e apertas agora para dar o cariño máis adiante, cando xa non haxa risco para ninguén.
  • Ademais da orde publicada o sábado sobre a regulación xeral da Fase 1, o domingo 10 tamén se publicou a orde TMA/400/2020 co contido específico sobre a mobilidade en vehículos de transporte público e privado:
    • En vehículos particulares de ata 9 prazas poderán ocuparse todas as filas de asentos se quen viaxan son persoas que conviven no mesmo domicilio. Nese caso non sería obrigatorio o uso de mascarilla.
    • Se quen viaxan no mesmo vehículo non son persoas convivintes só poderán ir dúas por cada fila de asentos, separadas o máximo posible entre elas e obrigatoriamente con máscara.
    • En taxis e outros transportes de ata 9 prazas é obrigatorio o uso de máscaras e, como máximo, poderán ir dúas persoas por cada fila de asentos e o máis separadas que poidan entre si. Se as persoas viaxeiras viven xuntas poderán ir ata tres por  cada fila de asentos, ademais da do condutor.
    • En furgóns, camións e outros vehículos con cabina e unha soa fila de asentos, máximo dúas persoas separadas o máis posible e con mascarilla.
    • En motos e ciclomotores autorízanse os desprazamentos de dúas persoas. Terán que levar mascarilla, a menos que os cascos obrigatorios sexan de tipo integral con viseira. Tamén terán que levar luvas, sexan hixiénicas ou de motorista.
    • No tren e nos buses, segue sendo obrigatorio o uso de mascarillas e deberase deixar libre un asento entre cada persoa viaxeira e toda a fila situada detrás da condutora ou condutor. Se viaxan dúas ou máis persoas convivintes poderán facelo en asentos contiguos.
    • A orde TMA/400/2020 regula a mobilidade marítima e aérea para a Fase 1 e as limitacións que se manteñen nos territorios que aínda están en Fase 0 e, neste sentido, tamén ten un contido relevante na nosa zona, posto que se autoriza a navegación deportiva e de recreo (tamén a aérea) a persoas con domicilio na mesma provincia de amarre/estacionamento da embarcación. Só se poderán ocupar o 50% das prazas autorizadas ou o 100% se se trata de persoas convivintes, sempre sen superar un máximo de 10 persoas a bordo. Non se poderán exceder as 12 millas desde o punto de amarre nin tampouco adentrarse nas augas doutra provincia.
  • IMPORTANTE: O BOE deixou fóra das actividades autorizadas a caza e maila pesca deportiva, que hai uns días si autorizara a Xunta. Cómpre ter en conta que no actual Estado de Alarma ten maior rango a normativa estatal e, polo tanto, esas actividades non se poderían facer.
  • Poderán reunirse grupos dun máximo de dez persoas -dentro ou fóra dos domicilios- respectando todas as medidas de prevención e hixiene e mantendo a distancia mínima interpersoal de 2 metros. Se non se pode manter a distancia deberán adoptarse medidas de protección (máscaras, por exemplo).

BARES E RESTAURANTES

  • En bares e restaurantes poderán abrir a partir deste luns só as terrazas ao aire libre ata un máximo do 50% das mesas que tiveran autorizadas en 2019. Con autorización municipal poderase incrementar a superficie e tamén o número de mesas, pero sempre respectando a proporción dun 50% entre mesas e espazo dispoñible, que deberá ir acompañado dun aumento proporcional do espazo peonil no mesmo tramo da vía pública.
  • En bares e restaurantes poderá haber grupos de ata 10 persoas por mesa ou agrupación de mesas e, en todo caso, deberán manter as distancias de seguridade interpersoal. Á hora de pagar optarase preferiblemente pola tarxeta ou o móbil cunha aplicación contactless, evitando no posible o metálico.
  • Mesas e cadeiras deberán limparse e desinfectarse entre un cliente e outro. Na entrada do local terá que haber un dispensador de xel hidroalcólico ou desinfectante virucida autorizado por Sanidade sempre en condicións de uso.
  • Prescindirase de obxectos tales como servilleteiros, palilleiros, cartas de menú de uso común, aceiteiras e vinagreiras (mellor monodose), e optarase por mantelaría dun só uso. Cubertería e louza deberá estar gardada en lugares pechados ou lonxe de sitios de paso.
  • Os aseos só poderá utilizalos unha persoa cada vez, salvo que precise asistencia dun acompañante, e han de desinfectarse como mínimo 6 veces ao día.

COMERCIOS E NEGOCIOS

  • Poden atender sen cita previa todos os establecementos e locais comerciais minoristas de ata 400 metros cadrados, así como servizos profesionais que estivesen suspendidos. Máximo 30% do aforo dos locais e naqueles que non poidan garantir a distancia social de 2 metros só poderá haber un cliente en cada momento e deberá establecerse un horario de atención con servizo prioritario para maiores de 65 anos. O Concello xa lle comunicou aos negocios situados no Centro Municipal de Empresas a obriga de atender as recomendacións sanitarias  e outras cuestións, como por exemplo a prohibición de usar a sala de espera, a obriga de usar máscaras nos espazos máis reducidos (onde non se pode manter a distancia social) e a necesidade de que se atenda só con cita previa. No centro empresarial tamén se colocará cartelaría informativa e dispensadores de xel, a maiores dos que se lle recomenda ter a todas as empresas dentro das súas oficinas. No BOE segue recomendándose que, na medida do posible, as empresas de todo tipo sigan apostando polo teletraballo.
  • Concesionarios de automoción, ITVs e centros de xardinería e viveiros, sexa cal sexa a súa superficie útil, poden abrir con cita previa.
  • Poden abrir tamén as administracións de lotaría, agás as que estean en centros comerciais ou parques comerciais sen acceso directo e independente desde o exterior.
  • Nos locais deberán extremarse as medidas de hixiene, desinfección e de seguridade laboral para previr contaxios. A clientela non poderá usar os aseos (salvo casos estrictamente necesarios). Alomenos no acceso ao local deberán ter á súa disposición dispensadores de xel hidroalcólico ou desinfectante.
  • Nos establecementos tamén deberá haber cartelaría e sinalización mediante balizas ou marcas no chan. Un mesmo empregado/a non poderá atender a máis dunha persoa en cada momento. Non estarán a disposición da clientela produtos de proba -cosméticos, por exemplo- e os probadores de roupa só poderán ser empregados por unha única persoa e ser desinfectados despois. As prendas e devolucións deberán hixienizarse antes de facilitarllas a outro cliente/a.
  • Os concellos poderán autorizar a celebración de feiras e mercadillos comunicándollo antes á Xunta e dándolle preferencia a produtos alimentarios e de primeira necesidade. Establécese o límite dun 25% dos postos habituais ou autorizados e un terzo do aforo. Os postos deberán estar separados e a clientela non poderá manipular o produto. Na delimitación do espazo deberá haber dispensadores de xel hidroalcólico.

MORTORIOS, ENTERROS E MISAS

  • Os velorios poderán celebrarse en instalacións públicas ou privadas cun límite máximo en cada momento de 10 persoas se son en espazos pechados  e de 15 se son ao aire libre. As persoas asistentes poden ser ou non convivintes.
  • Aos enterros e cremacións só poderán asistir 15 persoas entre familiares e achegadas, ademais de quen celebre o rito funerario. Sempre gardando dous metros de distancia, mantendo a hixiene de mans e a etiqueta respiratoria (usar mascarilla por prevención ou tusir/esbirrar en panos desbotables ou contra o interior do cóbado).
  • A celebración de misas (ou outros cultos) estará limitada a un terzo do  aforo do templo e cumprindo as medidas de hixiene e distanciamento social. Deberase usar a mascarilla con carácter xeral. Evitarase o contacto persoal, a distribución de calquera obxecto, bicar ou tocar obxectos de culto e a actuación de coros.

COLEXIO, BIBLIOTECA E ESPECTÁCULOS

  • A partir do luns tamén poderán reabrir os centros educativos para labores de desinfección, mantemento e para funcións administrativas. Cómpre recordar que, aínda que non é obxecto da orde do BOE, a Consellaría de Educación tamén retomará o proceso e mailos prazos de admisión para o curso 2020/21 que quedaran interrompidos polo Estado de Alarma.
  • O BOE tamén autoriza desde o este luns a apertura de museos e bibliotecas. No caso de San Sadurniño a biblioteca pública continuará pechada aínda varios días para adaptar tanto o seu espazo como os accesos da Casa da Cultura ás obrigas sanitarias.
  • O Ministerio de Sanidade tamén autoriza a apertura de locais e establecementos nos que se desenvolvan actos e espectáculos culturais, sempre que non superen un terzo do aforo. Nos espazos pechados non poderá haber máis de trinta persoas en total e, se son ao aire libre, un máximo de 200 persoas, sempre sentadas e mantendo as distancias de seguridade. Neste sentido, o Concello non retomará por agora a programación cultural na Casa da Cultura nin tampouco se reabrirán outros locais de titulariedade municipal para o desenvolvemento de actividades (Casa da Xuventude e locais sociais de varias parroquias).

DEPORTES, XIMNASIO E TURISMO

  • No BOE autorízanse a volta aos Centros de Alto Rendemento e o desenvolvemento de adestramentos medios en ligas profesionais, pero non nas amadoras nin nos deportes de base. Tamén se establece a posibilidade de abrir instalacións deportivas ao aire libre para que poida acceder a elas calquera persoa que queira facer deportes individuais  sempre sen contacto físico. O Concello informará nos próximos días sobre esta posibilidade, mentres tanto continuarán pechadas as pistas de titulariedade municipal, así como o pavillón e o ximnasio.
  • Poden abrir os aloxamentos turísticos con estrictas medidas de hixiene e desinfección e protocolos que aseguren o distanciamento social. Tamén se autoriza o turismo activo e de natureza organizado por empresas rexistradas e para grupos dun máximo de 10 persoas.

Orde SND/399/2020, de 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas trala declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Share.