Primeiros compases do Chanfaina Lab 2016/2017

0

O encontro audiovisual Chanfaina Lab xa está en marcha. Comezou oficialmente na tardiña deste xoves coa proxección na Casa da Cultura de “A Seara”, de Pepe Coira -que introduciu a obra-, e de “Verengo”, de Víctor Hugo Seoane. Dúas longas documentais que coinciden con San Sadurniño no retrato do medio rural e que, ademais, tamén suxiren liñas temáticas e visuais aplicables ao Chanfaina. De feito, creadores locais como Abel Vega, Bieito Beceiro e Sebastián Rodríguez tomaron boa nota dos formatos elixidos por Coira e Seoane para, quizais, poñelos en práctica nos dous próximos días. A eles uniranse ao longo desta tarde o resto de realizadores e realizadoras convidadas este ano, quen terán que poñer as pilas rapidamente para enfrontar o reto de recoller a esencia de San Sadurniño en tan só dous días. Porén, hoxe á mañá tamén houbo actividade co inicio da experiencia “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así”, no que participan dez persoas, a maioría mulleres cunha media de idade superior aos 60 anos. 

A psicóloga Ana Seijo e a realizadora Sabela Pernas -Videodinamizarte- prepararon un taller con dúas partes ben definidas. A primeira delas de coñecemento do grupo e de indagación interior sobre os gustos e as preferencias de cadaquén, co obxectivo de facer xurdir ideas que despois poidan converterse en imaxes. A segunda parte estivo máis relacionada coa técnica, no sentido de dar unhas nocións técnicas básicas ao respecto da linguaxe audiovisual e sobre como contar historias con ela.

“Todo o mundo ten algo que contar”, explica Ana Seijo “do que se trata é de buscar cousas motivadoras e en achegar as ferramentas do audiovisual á forma de comunicar que ten a xente”. Segundo Sabela Pernas, o obradoiro  insiste máis no ‘que’ que no ‘como’, posto que, segundo asegura, “hoxe os medios están moi democratizados, todos levamos unha cámara no peto, trátase de poñela ao servizo da emoción que queres comunicar”.

“Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así” non queda só nunha dinámica de grupo e aprendizaxe, senón que tamén ten unha encomenda asociada: que cada unha das persoas participantes se bote a gravar  durante o sábado á procura dese plano que mellor recolla os seus sentementos, gustos e emocións.

Teñen total liberdade -igual que calquera que forme parte do Chanfaina-, só se lles pediu que meditasen antes e que lle desen ao botón do REC buscando xa algo concreto en vez de tentar captalo todo para despois buscar algo aproveitable. En esencia iso é facer cine. Ser conscientes de  que as imaxes falan por si co encadre que se elixa, coa perspectiva, co movemento que se lles imprima e coa selección de material que se faga despois na montaxe.

Hai que ter en conta que nesta experiencia cada persoa deberá achegar un único plano de todos os gravados, o que mellor reflicta e transmita esas emocións e gustos sobre os que se traballou hoxe á mañá. Con eles comporase “un mosaico” visual que, na práctica, será unha obra colectiva e experimental que se poderá ver na despedida do Chanfaina o domingo á tarde. En “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así” inscribíronse 8 mulleres, entre as que atopamos nomes habituais da web colaborativa Fálame de San Sadurniño como Lucía Pita, Cruz Piñón, Consuelo Picos, Carmen Couce e outras que contribúen ao proxecto con testemuños orais, fotografías e vídeos.

Contando con elas, este ano o Chanfaina Lab chegará á trintena de creadores e creadoras participantes. A maior parte irán chegando ao longo da tarde de hoxe. Para darlles apoio loxístico durante o sábado e o domingo -os dous días de gravación do encontro- a organización contará coa axuda de quince persoas e das asociacións veciñais de Lamas, o Camiño Arriba, Igrexafeita, Ferreira, Santa Mariña do Monte, Bardaos e Naraío. Parte do traballo de axuda centrarase na localización de recursos materiais e humanos -protagonistas das historias, principalmente-, no guiado dos directores e directoras polo territorio e mesmo na colaboración nas tarefas de produción.

O programa completo do Chanfaina Lab pode consultarse aquí.

Share.