Precaucións con foguetes e churrascadas na temporada de alto risco de incendios

0

Ante o inicio da tempada de alto risco de incendios a partir do 1 de xullo e ata o 30 de setembro está terminantemente prohibido pola Consellería de Medio Rural facer lume ao aire libre.

Atendendo á lei 3/2007, do 9 de abril, para a prevención e defensa dos incendios forestais, é posible a realización de lumes en zonas habilitadas ao efecto e que conten coa infraestrutura adecuada, sempre que non se trate de espazos incluídos como de alto risco.

En base ao exposto e, no caso particular do Concello de San Sadurniño, tendo en conta que non está considerado concello de alto risco, debe saberse que é posible facer lume para a preparación de alimentos nas seguintes áreas recreativas habilitadas a tal fin:

• Area recreativa de Currás,
• Area recreativa do Pozo de Lamas -lgrexafeita-,
• Area recreativa da Golpilleira -Santa Mariña do Monte-,
• Area recreativa da Bañoca -Bardaos-
• Area recreativa de Lamas

A realización do lume estará sempre condicionada ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) O lume  unicamente pode facerse nas grellas instaladas para tal fin.
b) Que o índice de risco diario de incendio (IRDI) non sexa de nivel extremo. O IRDI pode consultarse diariamente na web da consellería o Medio Rural.

Se non se cumpren estas dúas condicións simultaneamente, non está permitida a realización de lumes.

Lanzamento de foguetes de artificio
A regulación do emprego de fogos de artificio e outros artefactos pirotécnicos en festas locais ou de arraigada tradición cultural e en terreos forestais e zonas de influencia forestal en época de perigo alto realizase no artigo 37 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

A Lei 3/2007 no artigo 2 establece que é terreo forestal e que é zona de influencia forestal. En calquera caso o solo urbano, de núcleo rural e o urbanizable delimitado non teñen tal consideración.

Tal e como se fai constar no artigo 37 o emprego de fogos de artificio e outros artefactos pirotécnicos non está prohibido. Iso si, a actividade está suxeita a autorización previa do concello, que incluirá as medidas específicas de seguridade e prevención axeitadas. Con respecto a esta autorización, hai que indicar que só é necesaria durante a época de perigo alto, se os fogos de artificio ou os artefactos pirotécnicos poden afectar a zona forestal ou de influencia forestal, e que tan só cabería autorizar o seu emprego en festas locais ou de arraigada tradición cultural.

O Concello deberá comunicar as autorizacións ao distrito forestal correspondente cunha antelación mínima de 48 horas.

Cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo o Concello non poderá autorizar este tipo de actividades. Ademais entenderanse revogadas as autorizacións nas que o día da celebración o índice de risco sexa extremo. Por esta razón, e para non levar sorpresas, sempre se recomenda acudir á web de Medio Rural para comprobar se podemos botar ou non os foguetes no día en que teñamos autorización.

Os lanzamentos só poderán ser realizados por persoal autorizado das empresas que figuren no rexistro sectorial desta actividade, e os fagos de artificio e os artefactos pirotécnicos deberán empregar materiais ignífugos ou ignifugados.

Documentación descargable:
Modelo COMUNICACIÓN PREVIA TIRADAS DE FOGUETES 0-10KG
Modelo COMUNICACIÓN PREVIA TIRADAS DE FOGUETES 10-100KG
Modelo AUTORIZACIÓN TIRADAS DE FOGUETES +100KG

Share.