Pleno ordinario capitalizado polas mocións

0

Os tres grupos da corporación reuniranse este sábado a partir das 11.30h. nunha sesión plenaria de carácter ordinario que incorpora na orde do día catro puntos. Dous deles son os habituais da aprobación da acta anterior e o dos rogos e preguntas, mentres que a outra metade dos temas para tratar abordará dúas mocións, unha ao respecto do amoreamento de rodas na antiga factoría fenesa de Rubber e outra sobre a LOMCE. Este será o último pleno ordinario do ano pero non o derradeiro, xa que antes de que finalice 2016 prevese convocar a sesión dos orzamentos e aprobar os investimentos adscritos a programas provinciais que, alomenos nunha parte, sairán das asembleas participativas que se están desenvolvendo estes días. 

En canto á composición da orde do día cómpre ter en conta tamén que non se inclúen mocións que tanto o grupo do goberno como os da oposición queiran introducir pola vía da urxencia e que, como é habitual, se tramitan no momento votando primeiro a conveniencia ou non da urxencia e, de prosperar, expóndoas para debate, incorporación de emendas e votación. Unha delas será, case con total seguridade, a referida á declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres.

As mocións que si se introduciron antes da convocatoria do pleno foron dúas. A primeira delas asínaa Julio Santos, un veciño de Fene que tenta recabar o apoio das corporacións municipais de toda a comarca para que se lle dea unha solución aos milleiros de pneumáticos vellos amoreados na antiga factoría de Rubber Industrias del Caucho S.A., situada no lugar fenés de Santa Ana. Na exposición do seu escrito, Santos -que vixía as instalacións desde hai varios anos e que reside ao pé delas- esixe que se retiren os pneumáticos por mor da “catástrofe” que podería chegar a producirse se se incendiasen.

O impulsor da iniciativa critica “as dilacións no tempo que está tendo a Consellería de Medio Ambiente” para facerse cargo dos resíduos, tendo en conta que, segundo asegura, o procedemento administrativo para contratar estes traballos aínda está pendente de resolver: “o procedemento data de 13 de maio de 2016 e debería continuar o seu curso”.

Como medida de presión, Santos está levando a súa solicitude polos concellos de toda a volta e, ademais, anuncia outras medidas de protesta, como unha “inxesta limitada de alimentos” ou unha travesía a nado desde a ponte de Xubia ata a boca da ría.

A segunda moción, asinada polo BNG, oponse á aplicación da LOMCE e as súas reválidas. O grupo nacionalista critica unha lei aprobada “sen diálogo social” e que, segundo o BNG tería “unha clara pretensión de camiñar cara un sistema educativo competitivo, clasista e segregador”. A moción pon en dúbida o valor pedagóxico das reválidas e, neste sentido, solicita a súa eliminación cualificándoas de “nefastas e lesivas” para o dereito á educación universal e pública. A moción remata esixindo da Xunta a defensa “das nosas competencias en materia de ensino” e que a administración galega lle solicite ao Estado a derrogación da LOMCE.

Share.