Os xabóns ecolóxicos enchen de aromas o primeiro Tempos para compartir da temporada

0

Facer xabón é máis doado do que parece. O proceso parécese moito á repostaría por aquilo de que admite moitísimos ingredientes e presentacións agradables para a vista, o olfato e o tacto. Matilde Ramos é boa coñecedora das técnicas de elaboración deste produto. Técnicas que quixo compartir coa veciñanza o pasado sábado no que foi o primeiro Tempos para compartir desta temporada. Á sesión asistiron 9 persoas, que levaron para a casa tanto as receitas como unha mostra dos xabóns preparados durante a tarde.

Nas casas fíxose xabón toda a vida. Ben, toda a vida non, senón ata que o poder adquisitivo e a chegada masiva de manufacturas fixeron máis cómodo mercalo que pasar os traballos de fabricalo con graxa animal a xeito de emulxente e sosa cáustica como deterxente.  Hoxe a cousa cambiou e na elaboración caseira de xabón búscanse outros valores, como o de ter un produto natural que respecte o equilibrio natural da pel e tamén o ambiente. E, a partir de aí, todo o que se queira en canto a cores, olores e texturas.

Matilde Ramos leva tempo perfeccionando a técnica da saponificación en frío e xa ten impartido varios cursos relacionados coa materia.  Os contidos tratados foron varios: a definición de xabón, as materias primas e as alternativas á sosa, o manexo da calculadora de saponificación, como facer oleatos e tinturas, o deseño de receitas, os colorantes, a conservación, etc.

Ao obradoiro asistiron unha decena de persoas

Ao obradoiro asistiron unha decena de persoas

Unha das partes máis rechamantes foi a da aromatización con herbas naturais, coa que se lle confire aos xabóns propiedades máis alá das hixiénicas, dado que as plantas teñen numerosas propiedades medicinais e, por outra banda, os aromas tamén inflúen na percepción dos ambientes e incluso no estado de ánimo. Ademais, empregando distintos moldes de silicona ou caucho -que tamén se poden facer na casa- é doado reproducir formas de flores, corazóns e calquera deseño tridimensional que se nos ocorra.

A docente ensinou como facer o xabón e tamén trouxo unha mostra dalgúns dos que ela prepara con lavanda -bo para a pel sensible-, con romeu -para a pel graxa ou con acné-, con cacao e menta -para pel seca e zonas con celulite- ou con abelurias, que seica axudan no tratamento da psoriase e as dermatites.

O Concello anda buscando temas para próximos Tempos…  Calquera persoa pode propoñer  un obradoiro para compartir coa  veciñanza un coñecemento ou habilidade que teña. Abonda con que chame ao 981 490 027 ext.1 ou que pase polo Concello para expoñer a súa idea de cara a que a área de Igualdade valore a posibilidade de levala adiante por custes dos materiais e polo tempo que requira.  Os Tempos… que mellor funcionan son aqueles que ensinan cousas útiles para a vida diaria -cociña, repostaría, trucos de bricolaxe, manualidades, etc.- aínda que calquera proposta é benvida sempre que sexa asumible polo Concello e que se poida desenvolver en aproximadamente 2 horas contando coa participación activa dunhas 15-20 persoas.

 

Share.