Olaia Sendón suxire vida dentro de estancias baleiras

0

Desde o venres está dispoñible na canle do Chanfaina Lab en youtube unha nova estrea das curtas realizadas o pasado mes de setembro. Desta vez tócalle á realizadora Olaia Sendón, quen nos trae “Int/Casa”. Sendón constrúe unha peza a medio camiño entre o experimental e o documental empregando  planos estáticos de estancias de varias vivendas de San Sadurniño. Os lugares sucédense na cinta completamente baleiros pero, co son gravado por Olaia en distintos momentos da súa propia vida diaria -maiormente os compartidos co seu bebé-, cobran nova vida e constrúen unha nova visión dos espazos. Espazos acolledores e cheos de vida. O profesor Manolo González descobre este e outros matices no resume que acompaña a peza na canle do encontro audiovisual. 

Olaia Sendón (Ourense, 1978), é licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Autónoma de Barcelona e docente na Escola de Imaxe e Son da Coruña dende o ano 2002. “A Casa de Lola de Andrés” (2006), sobre a especulación inmobiliaria, supuxo a súa primeira incursión no documental. Con esta peza inaugurou tamén unha serie de curtas sobre a memoria da Costa da Morte, da que forman parte “Os fabulosos irmáns da luz” (2007), sobre os espazos de cinema desaparecidos, e a longametraxe “Crebas”, unha visión do mar a través das cousas que chegan á ribeira.

En 2009 realizou “Catálogo de galaxias sociais”, vídeo que acompaña ao disco Kosmogonías, de Berrogüetto. No mesmo ano naceu “Pequenas superficies”, unha aproximación ao universo das pequenas tendas de barrio. Seguindo no eido da multidisciplinariedade, creou en 2012 Kaufland Mo, unha web, instalación e longametraxe documental que gañou o VIII premio de novos valores Auditorio de Galicia.

Entre os seus traballos recentes destacan as videocreacións “The Gaze of the Beachcomber”, seleccionada para formar parte do Gstaadfilm Festival (Suíza) e do SeeMor Festival (Gales); e “Mijau”, escollida polo Curtmetratges Gandules organizado polo CCCB de Barcelona e tamén polo Festival Internacional de Cine Independiente de Elche e pola Festa de Antropologia, Cinema e Arte (FACA) de Lisboa. Pódense ver moitas obras de Olaia Sendón na súa canle de Vimeo

Olaia partía doutra idea para facer a súa peza do Chanfaina Lab, mais ao final tirou por desenvolver unha das teimas da súa traxectoria como cineasta: os espazos, a memoria e o devir do tempo nas cousas; nesta ocasión gravando os interiores de diferentes fogares de San Sadurniño: “No Chanfainalab ábrensenos as portas dun lugar, dun espazo e dunha xente para que a través do noso traballo nos acheguemos, aínda que sexa por unha fin de semana, en certa medida a súa realidade. Eu quería levar isto un pouco mais alá, entrando no máis íntimo territorio da veciñanza: a súa casa. Por iso gravei os interiores das casas daqueles que xenerosamente me deixaran entrar e entre todas construír un espazo común”.

En principio, “Int/Casa” semella unha peza experimental máis que documental. Olaia Sendón coa colaboración do arquitecto Alberto Fortes, constrúe o seu relato a través de belísimos planos estáticos das estancias de varias vivendas de San Sadurniño. Os lugares e os obxectos cotiáns sucédense na cinta completamente baleiros, mais acompañados polos sons gravados pola cineasta en distintos momentos da súa propia vida diaria -moitos deles compartidos co seu bebé-.

Imaxes e sons procedentes de fontes diversas cobran nova vida e constrúen unha nova visión dos espazos: “Despois de ver as imaxes obtidas nesa fin de semana de rodaxe deime conta de que pouco máis quedaban que nunha mera formalidade estética, unha composición fotográfica coidada nun bodegón carente de vida, en realidade faltaba a presenza do ser humano. Dubidei moito sobre que facer ao respecto e dei cun diálogo que me gusta moito: sobre as vivendas de San Sadurniño expuxen a miña propia intimidade, a miña casa, os meus sons, para que xuntos construiramos un só lugar, habitado e vivo”.

Así pois, dispoñámonos a deixarnos levar por unha peza contemplativa, unha evocación do que nunca somos quen de ver cando paseamos polo “exterior” das casas. Mais de seguro que, no devir do tempo, os obxectos cotiáns e as vivencias a eles asociadas que se amosan no filme –incluídas as da propia cineasta- acadarán a categoría clásica de memoria documental, de historia vivida nun tempo e nun lugar do mundo.

Share.