O xoves 25, acude doar vida á praza do antigo Concello

0

Nunca nos cansaremos de repetir que doar sangue é doar vida. O lema utilizado desde hai anos pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS) resume á perfección o significado dun xesto solidario e altruista do que depende unha parte fundamental do Sistema Sanitario. E é que, malia os adiantos, o sangue e os seus compoñentes non se poden fabricar e todos os días hai que tirar de reservas para atender operacións cirúrxicas, urxencias e tratamentos que requiren da transfusión de hemoderivados (os compoñentes que se extraen do sangue). Neste sentido, o SERGAS ten abertos centros de doazón nas sete grandes cidades de Galicia e, ademais, hai dez autobuses percorrendo o país para que nos sexa aínda máis fácil dar unha parte mínima de nós coa que poder salvar vidas. Unha desas unidades móbiles estará na praza do antigo Concello o próximo xoves, 25 de xaneiro, entre as 10:00 e as 14:00h e das 16:00 ás 21:00h. Dito queda, así que anotádeo na axenda ou na alarma do móbil.

Os homes poden doar un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3, deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses. Os requisitos principais son o de ter unha saúde normal, pesar máis de 50 quilos e ter unha idade comprendida entre 18 e 65 anos. Tamén se pon como condición non doar ata dúas horas despois de xantar e, obrigatoriamente, levar o DNI.

É vital que a persoa doadora achegue toda a información posible sobre o seu estado de saúde e se está tomando algún medicamento, xa que o sangue doado vai destinado a axudar á recuperación de persoas doentes. Doar sangue é un acto solidario, responsable e tamén seguro, posto que a Axencia de Doazón de Sangue e Órganos de Galicia non só extrae, senón que tamén conta cun rigoroso procedemento de control que garante a total seguridade dos compoñentes sanguíneos antes da súa incorporación aos bancos hospitalarios.

En caso de que calquera persoa teña algunha dúbida sobre se pode ser doante ou non, pode consultar co persoal das unidades móbiles ou nos locais de doazón. Tamén pode chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828 dende teléfonos fixos e móbiles. Outro medio de consulta é a web da ADOS, onde se recolle grande cantidade de información sobre a doazón.

Porén, un dos xeitos máis efectivos para cubrir as necesidades dos bancos sanguíneos é achegarlle á xente os equipos de extracción e por iso a ADOS ten varios autobuses percorrendo Galicia todos os días. A próxima parada en San Sadurniño será o xoves 25 de xaneiro na praza do antigo Concello -diante do posto da Garda Civil-, pola mañá entre as 10:00 e as 14:00h e pola tarde entre as 16:00 e as 21:00h.

A doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para solucionar os problemas de saúde de moitas persoas e mesmo salvarlles a vida. As doazóns fan falla todos os días para soster unha media diaria de 500 intervencións cirúrxicas, arredor de 2.700 urxencias e, tamén como promedio, uns tres trasplantes de órganos ou tecidos.

Share.