O último pleno ordinario do mandato aproba o orzamento municipal para 2023

0

O salón de plenos acolleu no serán deste xoves a última sesión ordinaria do mandato corporativo 2019-2023. A partir de agora e ata as eleccións municipais só se agarda a celebración, a finais de abril, do pleno de sorteo da composición das mesas electorais e, salvo algunha cuestión urxente que poida xurdir, a seguinte cita tocaralle xa no mes de xuño para a toma de posesión das novas concelleiras e concelleiros e a elección de quen ocupará a alcaldía. Como queira que sexa, no pleno de onte abordáronse tres puntos principais: o recoñecemento de 150.000 euros en facturas por subministracións enerxéticas, a modificación da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero e tamén o debate do proxecto orzamentario para o presente exercicio, que ascende inicialmente a case 3,7 millóns de euros coa previsión de que nos próximos meses vaian incorporándose novas partidas económicas que o levarán a superar amplamente os 4 millóns. A proposta saiu adiante coa maioría do Grupo de Goberno e a abstención da oposición.

A sesión, que durou pouco máis de tres cuartos de hora, arrancou coa aprobación da acta anterior e, posteriormente, dun recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 151.430 euros en facturas para custear subministracións eléctricas dos últimos meses de 2022. O Goberno local explicou que  a raíz da suba “abusiva e desmedida” dos prezos da enerxía se optou por retrasar o pagamento dándolle “prioridade” no seu momento “ao sostemento de servizos á veciñanza en vez de engordar os beneficios das eléctricas”. Neste sentido, tal e como apuntou a portavoz nacionalista, Mari Carme Muíño, o recoñecemento extraxudicial “é unha ferramenta orzamentaria” que, segundo deu a entender, permite satisfacer a débeda sen incidir negativamente noutras partidas do exercicio.

O respresentante do PSOE, Lois Anxo Rodríguez, expresou o seu voto favorable por tratarse dunha “cuestión técnica”, mentres que por parte do PP se anunciou a abstención, ao considerar que o Concello podería ter cumprido puntualmente cos pagamentos acudindo á fórmula da modificación de crédito (traspasar cantidades entre partidas do orzamento), dado que “había cartos” para facelo.

Tras este asunto, que se resolveu sen practicamente debate, entrouse na exposición da proposta dos orzamentos municipais. Mari Carme Muíño iniciou a súa intervención agradecendo “o traballo, o rigor e a colaboración” do persoal técnico municipal, que contribuiu, segundo dixo, “a elaborar un proxecto de orzamentos responsable e realista”.

As contas ascenden a 3.682.350,25 euros, o que supón un incremento do 16,6% con respecto ao orzamento do ano pasado, principalmente pola suba dos ingresos no capítulo de operacións correntes -taxas, prezos públicos e outros ingresos- “sen incrementar a presión fiscal sobre a cidadanía” e no capítulo de transferencias correntes provenientes doutras administracións, principalmente da Deputación da Coruña.

Os ingresos teñen o seu calco na contía dos gastos “que son reflexo do compromiso deste goberno coa veciñanza” e coa execución de “proxectos extratéxicos de desenvolvemento local, sostenibilidade ambiental, melloras nos servizos básicos e unha oferta cultural e deportiva diversa”, ademais de “manter uns servizos sociais de calidade” que, criticou Muíño, non van acompañados de suficientes achegas por parte da Xunta de Galicia. A concelleira comentou como exemplo que a contribución autonómica non cubre “nin a metade” da gratuidade da Escola Infantil Municipal “nin tampouco os custes do Servizo de Axuda no Fogar e de dependencia”.

Na defensa do proxecto orzamentario, Mari Carme Muíño cualificou o documento como “prudente” e “flexible”, de maneira que permita “adaptarse ás diferentes circunstancias” que poidan darse ao longo do exercicio.

Pola súa banda, os grupos da oposición anunciaron a súa abstención, aínda que por distintos motivos. No caso do PSOE, Lois Anxo Rodríguez dixo que non tivera tempo de revisar o documento e que adoptaría a postura de absterse “por responsabilidade”.  María Belén Trigo, por parte do PP, criticou principalmente que houbese unha baixa “non moi grande” nos investimentos reais, ademais de sinalar “a subida dos ingresos por taxas” e o incremento do gasto corrente que, segundo asegurou, “pode baixarse con máis leds, paneis solares ou cambiando de subministradoras enerxéticas”.

Na quenda de réplica, Mari Carme Muíño aseguroulle a Trigo que os ingresos por taxas “correspóndense coas contías efectivamente liquidadas en 2022” e que o apartado de investimentos “vai superar con creces o que viña consignado no ano anterior”, aludindo sen dicilo aos 493.000 euros de axuda dos fondos da Transición Xusta que se van investir na zona do paseo fluvial, na Cortiña e na contorna do Concello.

Modificación da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de xénero
O seguinte punto na orde do día foi o da modificación da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de xénero, un organismo creado en 2016 ao abeiro do Plan de Igualdade de cara a mellorar “a prevención e a intervención ante casos de violencia machista”. Nel están integrados, ademais do Concello de San Sadurniño, o Concello de Moeche, os centros de ensino, a Garda Civil e o Centro de Saúde.

O cambio, aprobado por unanimidade, consistiu na incorporación a este órgano dunha representación da iniciativa O Lavadoiro, da que forman parte varias veciñas e veciños de San Sadurniño e Moeche coa misión de detectar situacións de maltrato, facer un labor de acompañamento ás vítimas e tamén traballar arredor dun novo modelo de masculinidade corresponsable que repudie as condutas machistas.

Tras esta cuestión -arredor da que houbo unha lea dialéctica entre o PP e o BNG por mor da lei do “só si é si”-, o pleno entrou na quenda de rogos e preguntas. O PP volveu pedir que o Concello fixese as xestións oportunas para rebaixar o límite de velocidade a 50 km/h na estrada de Ortigueira ao seu paso por Cornide, ademais de solicitar que os arranxos das pistas municipais “se fagan mellor”.

En canto a preguntas, o grupo popular interesouse polo modelo de xestión da nova rede de auga do Camiño Arriba, preguntou tamén polos resultados dunha analítica da calidade da auga do abastecemento municipal e, por último, inquiriu ao executivo polos motivos de que se desbotase unha subvención para que a nave do departamento de obras -que o consistorio ten alugada- puidese obter a autorización como depósito de resíduos.

Secundino García respostou que a nova rede do Camiño Arriba será xestionada pola propia veciñanza e que as analíticas efectuadas recentemente no abastecemento municipal só deron anomalías leves que non requiriron interromper o servizo e que, en todo caso, xa foron solucionadas. García comentou antes de levantar a sesión que a solicitude de subvención do depósito de resíduos saiu a finais do ano pasado e que non houbera tempo de tramitala, pero que a intención municipal é retomala de novo tan pronto como se volva convocar.

Share.