“O soño de papá”, un documental moi recomendable para familias con rapazada que xoga ao fútbol

0

A Casa da Cultura acolle este domingo a partir das 18.30h. a proxección do audiovisual “O soño de papá”, dirixido polo cineasta Xavier Bermúdez e producido por Xamalú Filmes. O tema principal é o fútbol, esa paixón planetaria que move millóns de euros e tamén millóns de persoas seguindo as evolucións dunha pequena elite de fenómenos trala pelota. Messi, Cristiano, Modric, Salah, Mbappe, Varane, pero tamén Marta, Hegerberg, Vero Boquete, Marozsan…nomes do fútbol masculino e feminino que hoxe son sinónimo de éxito para moitas nenas e nenos e tamén para moitos papás e mamás que, nalgún caso, buscan o seu propio soño de ter unha estrela na casa. Poucas veces se consegue: estímase que por cada 10.000 nenos que xogan ao fútbol só 4 han chegar a ser profesionais.

A sinopse do documental “O soño de papá” sinala que “é moi difícil” medir a importancia social que ten o fútbol hoxe en día, engadindo que se trata do espectáculo que “goza dunha maior atención en todo o mundo”.  “Ante este panorama -prosegue a introdución argumental-, chegar a formar parte da elite futbolística é un soño polo que loitar. Quizais polo que hipotecar a tranquilidade dunha familia. Un soño ao que dedicar unha infancia. Dos nenos futbolistas trata O soño de papá”.

Porén, dentro da web do documental, Xabier Bermúdez tamén publica as anotacións previas que o levaron a pousar a súa mirada sobre ese mundo de soños arredor do balón.”En competicións futbolísticas de nenos de entre 9 e 12 anos, é moeda corrente que os pais dos xogadores insulten e presionen ao árbitro, ao adestrador e aos xogadores do equipo contrario e, sobre todo, presionen ao adestrador propio para que o seu fillo, non só sexa titular indiscutible, senón que ademais xogue no posto que eles consideran que debe xogar”, explica o director para describir o ambiente que se vive en moitos campos de fútbol base.

Bermúdez engade que os pais tampouco se cortan á hora de mostrar “o seu desgusto e o seu desánimo” co xogo do seu propio fillo e que, se este perde un balón, falla un tiro a porta ou non é o bastante contundente cos xogadores do equipo rival, en definitiva, se o neno de entre 9 e 12 anos non cumpre coas expectativas depositadas nel, “o pai non dubida en acusalo, a voz en pescozo, de frouxo, de non estar ao que ten que estar ou de estar, como sempre, distraído”. Unha crítica feita desde as bancadas cara a un neno -lembremos, un neno- que incluso se remata co tamén escoitado “se segues así, non vas chegar a ningunha parte”.

Esta teima bate coa realidade estatística: de 10.000 nenos federados só 4 serán profesionais algún día e en 2018 había medio millón de nenos e nenas con ficha federativa por tan só 1.400 futbolistas profesionais, dos que só uns poucos estarían dentro do selecto club das estrelas con salarios astronómicos, gorentosos contratos publicitarios, deportivo novo cada mes e luxosas casas nas zonas residenciais máis exclusivas. Así, segundo o director do documental, “do mesmo xeito que moitas persoas van a diario aos locais onde se vende lotería, bonoloto, euromillons, etc. coa esperanza de facerse millonarias e poder resolver dunha vez por todas a hipoteca e a vida (a deles e a dos seus fillos), outros apostan porque o fillo que mostra (ou non) maneiras co balón de fútbol, destaque no xogo, gañe a notoriedade dunha estrela e poida, cando estea a bordear a maioría de idade, negociar uns emolumentos con tantos ceros como os que cobran Messi ou Cristiano”.

Bermúdez vai máis aló e plantexa a tese de que hai  familias  que “xa non soñan con que o seu fillo teña unha profesión universitaria e que aspire a traballar por soldos medianos. Os valores do traballo e o esforzo, que non fai tanto promovía a sociedade, foron substituídos por valores de consecución máis inmediata, valores de consumo rápido, de urxencia no éxito. Hoxe a referencia son deportistas novos e millonarios e aspiran a vivir como eles”.

Nunha recente enquisa de ANCE, a profesión elixida polos nenos -o director cita “nenos” e non “nenos e nenas”- foi de maneira destacada a de futbolista. “Xa non queren ser políticos, como noutro tempo, ou moito menos médicos ou profesores, e son moi poucos os enquisados que elixen enxeñerías ou corpos de seguridade”. E o que dí a enquisa tamén ten a súa traslación aos adultos, con casos de pais que, tal e como anota Xabier Bermúdez, “parecen buscar a través dos seus fillos o que eles, tal vez por non ter pais tan dedicados, ou por mala sorte, non puideron conseguir por si mesmos: un excepcional éxito económico e social”.

Sobre todas estas cuestións reflexiona o documental “O soño de papá”, producido por Xamalú Filmes con apoio da AGADIC, da Televisión de Galicia, do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña. O guión asínano o propio Bermúdez e Manane Rodríguez, cofundadores ambos da produtora.

A cinta proxectarase na Casa da Cultura este domingo a partir das 18.30h. con entrada libre.

Share.