O proxecto do xeoparque ofrece seis rutas durante os festivos da Semana Santa

0

Do mesmo xeito que en anos anteriores, o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal retoma durante a Semana Santa a oferta de itinerarios guiados para descubrir as singularidades xeolóxicas da zona. Neste sentido, durante os festivos organízanse seis xeorrutas en quenda de mañá e tarde que nos achegarán ás antigas minas de arsénico de Valdoviño, aos afloramentos de cromo descubertos nos cantís de Herbeira (en Cedeira), ao pasado volcánico da costa de Ortigueira e ás rochas únicas existentes na zona do Limo, en Cariño. No interior tamén poderemos coñecer as características e a importancia que tivo no pasado o toelo que se extraía nas canteiras de Moeche. As reservas, a 9€ por persoa, xa están abertas a través da web do proxecto, que á volta dunhas semanas será ratificado como Xeoparque pola Unesco. Nesta ocasión non se organiza ningunha xeorruta en San Sadurniño, onde o Concello optou por agardar aos meses do verán para encadrar en datas sinaladas o calendario de percorridos guiados. 

Seguindo o mesmo proceso estreado en 2022, de cara ao arranque do programa de itinerarios da primavera contarase cunha central de reservas na que se poderá xestionar a compra de entradas, que terán un prezo único de 9€ por persoa para todas as rutas – incluíndo seguro – con posibilidade de cancelar sen cargo até a véspera. Tamén se poderá acceder á aplicación en liña a través do apartado de “Xeorrutas” da web do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.

O programa de xeorrutas está dirixido polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa,  encargado de explicar as formacións rochosas e materiais  que se atopan no territorio, así como os distintos procesos xeolóxicos que tiveron lugar ao longo de millóns de anos dando como resultado afloramentos únicos e de grande relevancia científica.

As rutas son todas transitables pero para facelas é necesario ter hábito de andar e unha certa forma física, xa que algunhas delas requiren salvar costas pronunciadas e prolongadas. Un esforzo que, malia todo, se verá compensado pola espectacularidade dos lugares que se visitarán e polo contido das pequenas charlas que se irán ofrecendo de cada pouco, ilustradas por Canosa con gráficos e mostras dos materiais presentes.

Aconséllase levar protección solar – aínda que o día estea nubrado –, así como unha botella de auga e algo de comida para recuperar enerxías ao longo da saída. Tamén se recomenda  roupa adecuada para a realización de actividades ao aire libre (gorro, chuvasqueiro transpirable se viñese un día de auga, etc), así como calzado cómodo que non sexa de estrea e que suxeite ben os nocellos. Tampouco está de máis usar caxato ou bastón de trekking.

O calendario de xeorrutas concentrarase nos días de Xoves Santo, Venres Santo e Domingo de Pascua cos seguintes horarios e lugares. En cada unha delas ofrécense 20 prazas que se irán cubrindo por orde de reserva (algunhas xa completaron cupo e outras están a punto), que pode facerse picando nas ligazóns:

  • Xoves 6 de abril, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Arsénico (costa de Valdoviño, baixa dificultade) Últimas prazas
  • Xoves 6 de abril, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Cromo (de Teixidelo a Herbeira, Cedeira, dificultade media-alta) Prazas dispoñibles
  • Venres 7 de abril, 10:00 a 14:00h: Xeorruta dos Volcáns (litoral do Picón, Loiba e Pena Furada, en Ortigueira, baixa dificultade) Prazas esgotadas
  • Venres 7 de abril, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Limo (serra da Capelada e cantís do Limo, Cariño, dificultade media) Últimas prazas
  • Domingo 9 de abril, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Toelo (fondo de Moeche e monte da Caleira, dificultade baixa-media) Prazas dispoñibles
  • Domingo 9 de abril, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cantís (percorrendo a zona de Herbeira, en Cedeira, dificultade media) Últimas prazas

No caso de San Sadurniño haberá que agardar aos meses do verán para facer a Xeorruta das Pías, que mostra as distintas formacións da Serra do Forgoselo e da falla estrutural do río Castro, fronteira natural entre materiais xeolóxicos completamente distintos pola súa composición e polos momentos en que se formaron. Tal e como explica o alcalde, Secundino García, o Concello optou por agardar á segunda xeira de itinerarios que promoverán os sete municipios de xullo a setembro “procurando que os percorridos coincidan con datas sinaladas ou encadrados en programas culturais e de lecer ao aire libre”.

García lembra que para daquela “xa seremos Xeoparque”, posto que se agarda que no mes de maio a Unesco ratifique a proposta formulada o pasado mes de decembro polo Consello de Xeoparques. Daquela, o Xeoparque de Cabo Ortegal será un dos 195 territorios de todo o mundo que contarán con este distintivo internacional, cuxa relevancia é equiparable á dun Patrimonio da Humanidade. Será, ademais, o segundo xeoparque galego, o primeiro da provincia da Coruña e a única candidatura de todo o Estado aprobada pola Unesco neste 2023.

 

 

Share.