O pleno ordinario deste sábado aprobará a incorporación de 64.000 euros ao orzamento 2018

0

A Corporación municipal celebrará este sábado a partir das 11.30h. o pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro. Unha sesión adiada que recolle 9 puntos na súa orde do día con asuntos maiormente de trámite entre os que destacan o novo chamamento para que tome posesión a concelleira electa polo PP Cristina Calvo Tuimil, o recoñecemento de varias facturas, a modificación do regulamento da Escola Infantil Municipal e a modificación do orzamento deste ano para darlle cabida á subvención de 64.000 euros procedente do Plan marco de axudas para camiños municipais da AGADER. Con este importe o Concello planea executar varias obras de reparación de pistas municipais.

O importe exacto do Plan de camiños ascende a 64.070€. Unha contía sufragada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural con fondos procedentes da Unión Europea. Ademais de aceptar a achega, o Concello tamén debe incorporala ás previsións da conta municipal deste ano tanto no apartado dos ingresos -os cartos que veñen- como no dos gastos -o proxecto ou proxectos que se van levar a cabo con eses cartos-. Niso consiste precisamente a figura da “modificación de créditos” que, malia o nome, nada ten que ver con pedir préstamos, senón con asentar no orzamento municipal unha cantidade determinada que non se sabía no momento de aprobar as previsións económicas para este ano.

O Plan de axudas para camiños municipais permite levar a cabo proxectos de ampliación de pistas ou de reparación das existentes. Seguramente sexa esta última vía pola que tire San Sadurniño, que xa ten en marcha nestes momentos a preparación de proxectos que se axusten á cantidade concedida. A documentación técnica deberá estar lista nos próximos días, posto que o prazo de presentación de solicitudes perante a AGADER finaliza o 15 de febreiro.

Ademais deste punto de carácter económico, o pleno municipal tamén votará a modificación do acordo de aprobación do POS 2018 no sentido de corrixir un erro detectado na distribución dos importes por anualidades. Trátase dunha rectificación administrativa que non lle afectará nin ás contías recibidas nin tampouco ás obras que se teñen previsto levar a cabo. O importe total do Plan Único de Concellos para este ano ascende a 463.187 euros.

En relación coas cuestións administrativas, a orde do día incorpora outros tres asuntos. Un é o da información plenaria sobre a redistribución de tarefas entre o persoal municipal, outro o do recoñecemento de varias facturas de 2017 por un valor conxunto de 70.376 euros  e, por último, o da modificación do regulamento de funcionamento da Escola Infantil Municipal no sentido de que a empresa xestora deste servizo público asuma parte do traballo administrativo, que continuará baixo supervisión do Concello.

Antes de entrar no apartado de rogos e preguntas, o pleno debaterá unha moción presentada pola vía ordinaria polo BNG relativa aos actos de celebración do centenario das revoltas de marzo de 1918 na comarca de Ferrolterra, máis coñecida como “Revolta das Pedradas”. O episodio iniciado o 8 de marzo en na fábrica de tecidos de Xuvia desencadeou unha mobilización liderada por mulleres en contra da especulación e os impostos ao consumo que provocaban a carestía da vida. As protestas estendéronse rapidamente a Narón, Neda e Ferrol. Pero tamén a represión, que alcanzou a toda a comarca saldándose con 9 persoas mortas e centos de feridas e detidas.

Na liña de recuperar a memoria histórica e por en valor o significado deste episodio, varios colectivos constituíron a Comisión da Revolta Popular Marzo 1918, que ten previsto organizar distintas actividades de difusión ao longo deste ano. A moción do BNG pretende recabar o apoio plenario para que o Concello de San Sadurniño colabore coa comisión neste labor a prol do coñecemento social dunha parte fundamental da nosa historia.

A sesión arrancará ás 11.30h. e está aberta á asistencia do público. Ademais, a gravación co audio completo do pleno estará dispoñible en internet minutos despois do seu remate.

Share.