O documental “Frankenstein 04155” sobre as causas da traxedia de Angrois chega este venres á Casa da Cultura

0

“Frankenstein 04155” é un dos documentais galegos máis celebrados dos últimos anos por dúas razóns: pola calidade técnica e xornalística coa que está feito e por abordar un tema, o do descarrilamento do tren Alvia nas curvas de Angrois o 24 de xullo de 2013, que pasará á historia como unha das maiores desgrazas que se teñen vivido en Galicia. Unha traxedia que deixou 81 persoas mortas e 140 feridas cuxa responsabilidade foi atribuída pola investigación oficial ao maquinista da locomotora. Porén, tal e como conta o documental dirixido e guionizado por Aitor Rei, detrás deste accidente hai máis causas e decisións que contribuíron á catástrofe. A peza poderá verse este venres a partir das 20.30h. na Casa da Cultura nun pase gratuíto ao que tamén asistirá o seu director.

“Frankenstein 04155” é un exemplo dese documentalismo que aproveita ao máximo os recursos da nova narrativa visual para poñela ao servizo do esclarecemento duns feitos sobre os que aínda hoxe seguen correndo ríos de tinta.

Producido por Boneca Lareta con financiamento da Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 e de máis de 1500 a través do micromecenado, o documental vai máis aló das teses iniciais que apuntaban ao maquinista como único responsable do accidente para descubrir unha concatenación de fallos de seguridade atribuíbles á présa política dos gobernos do PSOE e do PP por levar a alta velocidade ata a capital de Galicia.

O director e guionista explicaba nunha entrevista a El Plural.com que o seu obxectivo foi o de facer unha película “de investigación e denuncia” que fuxise do sensacionalismo. “Este traballo non se dirixe ás vísceras do público, senón ao seu cerebro. Foi un traballo moi longo, dun ano e pico, con máis de 10.000 horas de investigación. Accedes a documentación e pouco a pouco vas asimilándoa. Moitos dos datos chamáronnos a atención desde o principio. Por exemplo, que o tren ía con exceso de peso sacámolo nós. A instrución xudicial ten vinta pico mil folios e examinámolos todos”.

Todas as televisións públicas e boa parte das privadas rexeitaron emitir este documental que, en cambio, recibiu un notable éxito de público e crítica en salas comerciais e plataformas dixitais como Filmin, con premios como o outorgado polo público en Cineuropa 2015, a mención especial da 60 Seminci de Valladolid e 9 candidaturas aos Goya en 2016.

O documental -que recentemente viu ratificadas pola xustiza boa parte das súas teses- chega este venres ás 20.30h. á pantalla grande da Casa da Cultura da man da Deputación da Coruña. O director, Aitor Rei, tamén estará no pase para manter un coloquio coas persoas que asistan á proxección e estean interesadas nas incógnitas que rodean o accidente de tren do 24 de xullo de 2013.

Share.