O Consello de Participación veciñal analizará este serán as bases das axudas para entidades

0

O Consello de Participación veciñal, organismo do que forman parte grupos políticos e o tecido social do municipio, reunirase hoxe venres na Casa da Xuventude con catro puntos na súa orde do día. O máis destacado é analizar o contido das bases que rexerán a concesión de axudas para cultura e deporte neste 2019. O Concello ten feita unha proposta con varias modificacións con respecto ao ano pasado que serán valoradas polo consello de cara a ver se se incorporan ou non á redacción final. Ademais, as entidades tamén poden presentar neste foro os seus propios cambios que, de ser aceptados pola maioría e viables desde o punto de vista técnico, tamén entrarían formar parte da convocatoria definitiva. Nos orzamentos deste ano resérvanse 21.000 euros para as entidades asociativas, 3.000 para comisións de festas e 6.000 para os clubes deportivos que non conten con convenio nominativo.

As modificacións sobre as que se debaterá -á parte das que poidan xurdir na propia xuntanza- atenden, por unha banda, a cuestións procedimentais que pretenden adaptar as bases aos tempos e tamén ao funcionamento das propias entidades. Neste sentido unha das propostas é ampliar os prazos de xustificación até o 30 de decembro -na actualidade finalizan en novembro, salvo que se pida prórroga- para darlles tempo ás asociacións a que incorporen os gastos efectuados, por exemplo, nas súas programacións do Nadal. Outro cambio aféctalle á redacción do apartado de xustificación para especificar sen que haxa lugar a dúbidas que as facturas por compras de material inventariable tamén poderán incorporarse ás xustificacións xenéricas, aínda que sen superar o 25% do orzamento total admitido na solicitude.

Por outra banda, o Concello tamén proporá dous cambios de maior calado. Un é ampliar até os 5.000 euros o límite máximo da subvención que se poderá percibir para actividade cultural. A concesión das axudas neste capítulo funciona da seguinte maneira: cando se convocan, habitualmente no primeiro trimestre do ano, as entidades teñen que presentar unha programación  de actividades cunha cuantificación aproximada do seu custe. Despois é o técnico de Cultura quen as revisa todas atendendo aos criterios e fórmulas obxectivas que se reflicten nas bases e, de acordo con elas, faise unha proposta de distribución das axudas segundo as puntuacións alcanzadas. Ata este momento o tope máximo que podían percibir as entidades pola programación sociocultural eran 4.000 euros, mentres que coa proposta que esta tarde se porá enriba da mesa esa contía máxima posible se incrementaría en 1.000 euros máis.

Para percibir  a axuda é necesario xustificar os gastos a finais de ano con facturas oficiais e tamén a relación de actividades efectuadas. O total de facturas debe sumar, polo menos, o importe da cantidade concedida máis o 20% da cantidade que presupostou a asociación a principios de ano, sumándolle tamén, de ser o caso, calquera subvención obtida doutras administracións ou entidades públicas ou privadas. Isto obriga ás asociacións a ser prudentes nas solicitudes e a afinar ao máximo as súas programacións xa que, de non cumprirse estes requisitos, a cantidade final que percibirán redúcese proporcionalmente.

Que unha entidade non sexa capaz de xustificar o que dixo que ía gastar na súa programación ten dúas consecuencias: unha, que non recibirá o total concedido e, outra, que os cartos que ela deixa de percibir tampouco poidan beneficiar ao resto de asociacións que, se cadra, si terían capacidade para xustificar un maior volume de actividade.

Para evitar isto -e este é o segundo cambio importante- o Concello proporá esta tarde introducir un límite porcentual inferior, é dicir, marcar como “chan” para poder percibir axuda económica o ter que xustificar obrigatoriamente o 60% da cantidade asignada. Búscase desta maneira que as entidades fagan propostas de programación realistas e adaptadas á súa capacidade organizativa, de cara a unha distribución máis axeitada dos recursos públicos. Iso si, tanto este coma os outros cambios son só propostas que deberán ser aprobadas, modificadas ou directamente rexeitadas polo Consello de Participación veciñal, composto por representantes de todo o tecido asociativo, do goberno municipal e dos grupos políticos.

A xuntanza do Consello de Participación veciñal está fixada para as 19.00h. na Casa da Xuventude. Noutra orde de cousas tamén se abordará a actualización de datos das entidades -cambios nas súas directivas, representantes de contacto, etc.-, e volverase falar sobre como darlle impulso ao programa de descentralización da programación cultural.

 

 

Share.