O Concello volverá agasallar a veciñanza cun almanaque protagonizado por San Sadurniño

0

O Concello de San Sadurniño volverá imprimir este ano unha tirada de 500 exemplares do almanaque fotográfico que o ano pasado, cando se publicou por primeira vez, tivo tan boa acollida. Na edición de 2021 repásanse mes a mes algunhas das imaxes que nos deixou o ano a piques de rematar e que se publicaron nos medios municipais. Son instantáneas do confinamento, da volta á nova normalidade, da actividade municipal adaptada á situación sanitaria, de paisaxes… que, en conxunto, nos lanzan unha mensaxe de esperanza e de confianza en que todo poida volver ao seu o antes posible.

O calendario recolle a mesma filosofía da edición do ano pasado, é dicir, empregar imaxes referenciais sobre o territorio ou actividades municipais desenvolvidas nos últimos 12 meses estruturadas cunha certa orde, que neste caso se corresponde case exactamente co vivido a raíz da pandemia.

Entre as 13 ilustracións da obra aparece a mensaxe televisada de Pedro Sánchez anunciando en marzo a declaración do primeiro Estado de Alarma. Outra reflicte a importancia do comercio ambulante e de proximidade durante os momentos de confinamento. Tamén se revisa a volta paulatina á normalidade -protagonizada con varias imaxes de nenas e nenos- e, ademais, resérvase espazo para a cultura, para o deporte e para un recordatorio de como lle afectou a situación á hostalaría e outros pequenos negocios locais, como por exemplo os relacionados con feiras e festas que van pechar este 2020 practicamente a cero por non poder levar a cabo a súa actividade.

Porén, ademais de lembrar o pasado, o almanaque tamén lanza unha mensaxe esperanzadora de cara ao futuro. De feito a portada recolle unha actividade da rapazada da Aldea de Verán pintando no chan un mandala -asociado nas culturas orientais á boa sorte e aos desexos venturosos- e remata en decembro coa pancarta de ánimo pendurada no enreixado do Concello, obra de Carlos García e Marina Goti.

A Concellaría de Cultura quixo que este ano as imaxes do calendario recordasen dalgún xeito os tradicionais almanaques que sempre houbo nas cociñas con motivos da pintura clásica. Impresións que moitas veces, unha vez que remataba o ano, se recurtaban e se convertían en cadros cos que encher calquera oco noutra parte da casa.

Ademais tamén se lles trasladou aos encargados de darlle forma á edición -o fotógrafo César Galdo e o deseñador Juanlu Fernández- que plasmasen dalgún xeito unha sensación onírica, de recordo vivo dun ano que quedará marcado para sempre na historia e na nosa cabeza. Por iso todas as imaxes, malia ser fotos, simulan un lenzo pintado ao óleo que reproduciu mediante algoritmos de Intelixencia Artificial o estilo pictórico de Van Gogh, elixido como acabado final pola súa carga emotiva, a viveza das cores e o volume e forza dos seus trazos postimpresionistas.

O almanaque poderá recollerse a partir do 15 de decembro na Casa da Cultura e na Casa do Concello ata esgotar os 500 exemplares que se van imprimir para repartilos totalmente de balde.

Share.