O Concello iniciará en breve o proceso participativo para a redacción do Plan da Seca

0

O Plan de emerxencia ante a seca é un documento que recolle todos os recursos hídricos do territorio, como se xestionan ou que zonas serían máis vulnerables a longos períodos sen chuvia, ademais dunha diagnose do sistema de abastecemento e tamén que alternativas tería o Concello -incluídas as obras que habería que facer- para subministrar auga no caso de que se desen situacións de escaseza. De cara á redacción do documento, o Concello organizará proximamente encontros informativos en todas as parroquias con dúas finalidades: dunha banda explicar en que consiste o plan e, doutra,  recabar a máxima implicación e colaboración da veciñanza na súa elaboración, para a que se precisará información o máis precisa posible dos recursos hídricos -fontes, traídas, captacións, etc.- dispoñibles en cada zona. 

O Concello de San Sadurniño acolleuse en 2020 á convocatoria de axudas do organismo Augas de Galicia para a elaboración dun Plan de emerxencia ante a seca. A subvención acadada ascende a 14.510,32 euros e esixe, entre outras cousas, que o traballo técnico vaia acompañado dun proceso participativo de información previa e recollida de propostas entre a veciñanza.

Para facer o plan fai falla establecer, polo tanto, un calendario de xuntanzas entre a veciñanza e o persoal que se encargará da redacción. De aí que a finalidade das reunións que se convocarán proximamente -cando a situación sanitaria mellore- sexa a de pedir a axuda da xente para identificar todos os recursos existentes, que poderían ser fundamentais para paliar os efectos dunha seca prolongada.

A grandes trazos trátase de saber “canta auga hai” en San Sadurniño -ríos, regatos, fontes, traídas, pozos, captacións, etc.-, ver cal é a súa situación actual e, a continuación, deixar escrito como actuar en caso de que veñan anos de sequía ou, mellor dito, planificar desde xa un uso eficiente dos recursos hídricos, nun contexto de progresivo quecemento global que obriga ás Administracións públicas -e tamén á veciñanza- a ser previsoras e responsables coa xestión da auga, que non é un ben infinito.

O contido do plan estará dispoñible na web municipal, con indicación da súa estrutura, os obxectivos que persegue -sobre todo garantir que toda a poboación teña acceso a auga de calidade- e os problemas que se queren solucionar, ademais de algunhas posibles solucións ante eventuais períodos de seca.

Polo momento é imposible fixar datas concretas para o proceso de consulta e recollida de propostas, nos que é fundamental a máxima participación veciñal. Iremos informando sobre eles en sansadurnino.gal e nas redes sociais.

Share.