O Concello audita a calidade da subministración da auga municipal

0

Dentro do compromiso municipal de asumir as directrices dos ODS da Axenda 2030 da ONU, un dos aspectos aos que máis esforzos se lle están dedicando é ao da xestión da auga municipal, no sentido de tender a que o servizo sexa máis eficiente e tamén máis sostible desde o punto de vista ambiental. E é que a auga é un ben básico que se debe xestionar pensando nel a futuro, nun contexto de cambio climático e de secas cada vez máis prolongadas. Neste sentido, o Concello de San Sadurniño leva anos mellorando a rede e os sistemas de control, substituíndo para iso canalizacións e contadores e dotándoa de equipamentos que, por unha banda, permitan facer un seguimento ao minuto do seu funcionamento e, por outra, atallar no prazo máis breve posible as incidencias que se produzan. Porén, aínda hai moito traballo por facer e por este motivo, co obxectivo de ter unha radiografía precisa da situación de partida do abastecemento público, o Concello acaba de elaborar unha completa auditoría financiada por Augas de Galicia que saca á luz as principais eivas de todo o sistema e propón medidas correctoras para evitar as perdas de auga a curto, medio e longo prazo. 

O informe, de 79 páxinas, fai unha ampla análise de toda a cadea de abastecemento público. O estudo repasa o estado dos puntos de captación, dos bombeos, depósitos e equipamentos de potabilización, das canalizacións soterradas e das acometidas e contadores, cruzando despois múltiples datos, referidos a canta auga recolle o Concello nos acuíferos, canta se distribúe e canta consomen os domicilios conectados á rede.

A grandes trazos, nunha situación ideal, a cantidade de auga que se clora na ETAP da Agra debería coincidir case ao metro cúbico á que computan todos os contadores da rede e as subministracións de uso municipal (dependencias do Concello, Pavillón, CPI, campo de fútbol, ect.). Dito doutro xeito: a cantidade de auga tratada e distribuída debería cadrar coa cantidade de auga efectivamente consumida.

Porén, isto non está sendo así, tal e como sinala a auditoría. De feito, o estudo financiado por Augas de Galicia apunta a que neste intre se está perdendo arredor dun 78% da auga da rede pública. Unha cifra que preocupa ao Concello por razóns ambientais e de custes, xa que é indicadora dun cúmulo de problemas que cómpre corrixir.

Entre eles estaría a antigüidade da propia rede, dentro da cal se combinan canalizacións dos anos 70 con outras executadas a principios deste século. Outro factor que se analiza é a posibilidade de que haxa domicilios con consumos de auga que ou ben non quedan correctamente rexistrados nos contadores -por un erro técnico de medición- ou ben nin sequera dispoñen de equipamento de medida por estaren conectados á rede de maneira irregular, algo case imposible de detectar a menos que se dea cun enganche fraudulento -todos soterrados- ou que se sectorice toda unha liña de abastecemento para cotexar consumos individuais.

Con todo, o problema de raíz que parece ter maior incidencia no nivel de perdas de auga é, precisamente, o da antigüidade da maioría das conducións. Malia que nos últimos anos se foron renovando tubaxes en múltiples zonas das inmediacións do centro urbano, as roturas son un problema reiterado, co problema engadido de que en moitos casos, salvo que se produzan filtracións á superficie, son moi difíciles de atopar a menos que sexan de tal magnitude que se traduzan en problemas de presión ou incluso de falta de auga nalgunha zona concreta.

Así as cousas, a auditoría elaborada polo Concello é unha ferramenta de grande utilidade para ir poñéndolle solución ao problema, xa que sinala as medidas correctoras que deberán poñerse en práctica e incluso chega a cuantificalas, de cara a que os servizos municipais poidan planificar os investimentos que serán precisos e empezar a recabar a colaboración doutras Administracións, entre elas a propia Augas de Galicia.

As accións que se recomendan facer son: comprobar os sistemas de telemedida en toda a rede, renovar contadores, reparar caudalímetros e contadores defectuosos, control exhaustivo das conexións fraudulentas, levar a cabo campañas de concienciación sobre o uso racional da auga e, coa finalidade de reducir as perdas, rehabilitar a rede máis antiga, facer un mantemento máis activo das conducións, ter xeolocalizadas todas as liñas e continuar implantando sistemas de control e sectorización para detectar antes as avarías que provocan fugas.

O investimento necesario para poñer a punto toda a rede actual alcanzaría, segundo as estimacións da auditoria, os 351.000 euros. Despois estímase un gasto anual en control e reparacións de algo máis de 30.000 euros.

Share.