Nova exposición pública da memoria do proxecto de xeoparque

0

O Boletín Oficial da Provincia publicou o pasado 12 de maio a apertura do período de exposición pública da memoria do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. O documento recolle tanto a riqueza xeolóxica da zona como os obxectivos e eixos de traballo relacionados cun desenvolvemento territorial sostible. A memoria xa estivo exposta ao público o ano pasado a raíz do primeiro proceso para presentar a candidatura do proxecto a obter o distintivo da UNESCO. Agora, coa nova solicitude que se está tramitando, é preceptivo volver publicar o documento e dar 20 días hábiles para que calquera persoa que se considere directamente interesada poida presentar opinións ou observacións sobre o seu contido. O último día de consulta e rexistro de alegacións será o próximo 10 de xuño. Poderán achegarse mediante un escrito dirixido ao Concello de Valdoviño -Porta do Sol S/N, 1552, Valdoviño-, ao enderezo sede@concellodevaldovino.com indicando no asunto “Xeoparque”, ou ben cursarse  a través da Sede Electrónica municipal.

Na memoria da candidatura está practicamente todo o referido ao proxecto. Trátase dun documento que examina dunha maneira moi exhaustiva a realidade xeolóxica, natural, sociocultural e económica dos sete municipios. Unha análise que considera os 630 Km2 como un ámbito único, o do futuro xeoparque, e que pon de relevancia seu potencial de desenvolvemento en base a esta figura da UNESCO.

O texto establece dous obxectivos prioritarios. Dunha banda estaría o deseño dun parque xeolóxico -definición distinta de xeoparque- no que se poñan en valor “todos os recursos existentes, por medio dunha xestión froito da planificación e da cooperación entre os municipios promotores, outras administracións superiores e axentes sociais do territorio”.

O segundo grande obxectivo recollido na memoria atende ás actuacións “planificadas” relacionadas coa candidatura a Xeoparque mundial da UNESCO, nomeadamente o afianzamento da estrutura xestora do proxecto, alcanzar a implicación da poboación e o tecido empresarial no desenvolvemento da iniciativa, a preparación da candidatura ben argumentada e coincidente cos valores UNESCO, a creación dun relato “que potencie os nosos elementos diferenciais” e, por último, o reforzo da “cooperación e as alianzas” con outros xeoparques.

Para alcanzar estes dous obxectivos estratéxicos márcanse alomenos oito eixos de traballo que pasan pola conservación dos recursos, a investigación e a divulgación; a gobernanza e xestión do proxecto; a educación ambiental; a estruturación e impulso do xeoturismo; o territorio e as infraestruturas; o desenvolvemento local e a sustentabilidade; a comunicación e visibilidade do proxecto e, como derradeiro eixo, todo o relacionado coa preparación dunha candidatura “sólida, completa e ben argumentada”.

O último apartado da memoria atende ás posibles vías de financiamento tanto para o deseño do proxecto e a xestión como para os primeiros investimentos e o mantemento dos servizos “que darán funcionalidade ao proxecto e permitirán avanzar no desenvolvemento sustentable do territorio”. Alén de apuntar como posibilidade o cofinanciamento municipal tamén se describe un apartado de “acceso a fontes de financiamento externo”, como por exemplo a Deputación da Coruña -quen xa achegou fondos para o traballo desenvolvido até o momento-, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, a Xunta de Galicia e outros organismos dependentes, o Estado, a Unión Europea e mesmo a iniciativa privada de empresas e fundacións.

En calquera caso, toda a memoria da candidatura -65 páxinas- pode descargarse desde a ligazón que hai ao pé desta nova. Calquera persoa, entidade ou empresa que queira formular observacións ao texto dispón até o 10 de xuño para facelo de tres maneiras: mediante un escrito dirixido ao Concello de Valdoviño -Porta do Sol S/N, 1552, Valdoviño- ou ao enderezo sede@concellodevaldovino.com (indicando no asunto “Xeoparque”), ou ben cursarse  a través da Sede Electrónica municipal.

Anuncio publicado no BOP do 12/05/2021
Memoria da candidatura (.pdf)

Share.