“Nación” proxéctase este domingo no acto central con motivo do 8M

0

A Casa da Cultura acollerá este domingo 27 de marzo a partir das 18:00h o acto central do Día Internacional da Muller. A Concellaría de Igualdade preparou un programa que combinará música, unha pequena mostra do traballo feito pola rapazada do CPI e tamén cine, coa proxección do documental “Nación”, dirixido por Margarita Ledo. O filme levou o premio da súa categoría nos Mestre Mateo do ano pasado, mentres que a súa directora foi recoñecida co premio de honra na edición deste ano como referente no desenvolvemento do audiovisual galego e figura clave no activismo sociocultural e feminista do país. De feito, “Nación” é un relato sobre sororidade e empoderamento feminino narrado desde o punto de vista das obreiras da hoxe desaparecida Cerámica Pontesa, pero que ben podería ser contado coa fallida experiencia local da conserveira El Cisne.

A clausura das celebracións do 8 de Marzo comezará, segundo a programación deseñada por Igualdade, coa actuación da frautista Erika González, quen tamén se encargará de darlle continuidade musical a todo o acto até o seu remate.

Xa dentro do contido da tarde lerase a declaración institucional aprobada no pleno e presentarase o proxecto “As mulleres que nos constrúen” desenvolvido durante os últimos días polo alumnado de Primaria do CPI San Sadurniño. Á cativería dos distintos cursos propúxoselle elixir unha muller da súa familia ou entorno, falar con ela e despois contar na clase con debuxos, collages e pequenas redaccións os motivos da elección, visibilizando ao mesmo tempo a importancia das mulleres protagonistas.

A actividade, coordinada por Tarabela Creativa, serviu para crear un mural colectivo que se poderá ver na Casa da Cultura. Ademais, Carme Conde -unha das responsables de Tarabela- tamén explicará como se levou a cabo a iniciativa e cales foron os seus obxectivos, resumidos nun pequeno vídeo.

Logo entrarase na proxección do filme “Nación”, dirixido por Margarita Ledo, onde se aproveita o nacemento, crecemento e desmantelamento da Cerámica Pontesa para narrar  dacabalo entre o filme experimental e o documental a historia das mulleres que traballaron nesa industria pontevedresa da louza.

A película levou numerosos premios -entre eles o Mestre Mateo 2021 ao mellor documental- poñendo o foco no avance que supuxo aquela experiencia para o empoderamento feminino da comarca, algo que tamén se toca no filme “Historia do cisne, o atún e a troita” producido hai uns anos dentro do noso Chanfaina Lab arredor das vivencias das traballadoras da desaparecida conserveira da Bidueda.

O pase de “Nación” será, igual que o resto do acto, con entrada libre e sen necesidade de inscrición previa. Ao seu remate está previsto un pequeno coloquio con Olaia Ledo, directora de produción de Nós Produtora Cinematográfica Galega, para comentar cuestións relacionadas coa xestación do filme e coa mensaxe que nos lanza desde a pantalla.

Antes do peche tamén se presentará a proposta “Chaveiros solidarios” en colaboración coas Lolas da Cascarilla. O pasado mes de novembro, con motivo do Día Internacional da erradicación da violencia contra da Muller, o Concello organizou un obradoiro de fabricación de chaveiros con plana de millo e outros materiais. No día obradoiro e nos posteriores fixéronse unha boa cantidade de unidades que agora se porán á venda en distintos establecementos comerciais de San Sadurniño e que tamén poderán comprarse o propio domingo no acto do 8M.

A recadación destinaranse ao Fondo de Becas Fiscal Soledad Cazorla Prieto -na que participan, entre outras, a Fundación Mujeres– como entidade que traballa apoiando a fillas e fillos orfos de vítimas da violencia machista.

Share.