Música e poesía para reivindicar a figura de Manuel María e a supervivencia do galego

0

A celebración do 17 de maio en San Sadurniño trasladouse a este sábado con dous eventos para homenaxear ao Poeta da Terra Chá e reclamar “a normalidade plena da lingua”, tal e como reflicte o manifesto lido esta mañá pola concelleira de Igualdade, Ana B. Gundín. Ela foi a encargada de abrir na casa consistorial un acto protagonizado polos versos musicados de Manuel María nas voces dos coros de Lamas e San Sadurniño, pero tamén polas voces infantís da Rapazada do Saíme. Pola tarde, ás 18.00h. na Casa da Cultura, poderemos coñecer máis en profundidade a figura do autor homenaxeado coa proxección do documental de Gonzalo Veloso “Cantando a Manuel María”.

A lectura do manifesto co que arrancaron as actuacións puxo o acento na coincidencia neste 2016 da celebración das Letras co centenario das Irmandades da Fala, nacidas un 18 de maio de 1916 na Coruña. Segundo o texto lido por Gundín, “cen anos de reivindicación e normalización para a lingua galega, de desenvolvemento de todas as capacidades do pobo galego co noso idioma como mellor mostra do que somos e do que queremos ser”.

Porén, o texto tamén serviu de denuncia ao actual goberno na Xunta de Galicia como “principal promotor do retroceso do noso idioma”, citando ámbitos como a xustiza, a administración e servizos públicos e, principalmente, “a desaparición nas aulas de Educación infantil como antesala do proceso de extranxeirización da lingua galega no seu propio país”. E é que o Galego perde falantes entre as novas xeracións, incluso en zonas rurais coma San Sadurniño. Unha circunsancia “observable con datos estatísticos” que mesmo se podía constatar esta mañá no patio do Concello a pouco que se lle puxese atención ás conversas infantís antes do comezo do acto.

Tras volver esixir “unha lingua propia sen subordinacións, sen límites e en condicións de mínima igualdade”, o texto pechou citando a Manuel María como poeta e activista: “O idioma é a patria / a esencia máis nosa /a creación común / máis grande e poderosa.”

A testemuña da palabra do autor chairego recollérona logo do manifesto os coros de Lamas e San Sadurniño, que cantaron varias pezas con letra dun dos poetas máis levados ao campo melódico pola música galega. As masas corais actuaron dúas veces, a última para pechar o evento co Himno Galego. Entremedias, as nenas e un neno da escola municipal de pandeireta botáronlle dúas pezas. A última, titulada “Xota de Naraío”, é unha composición con arreglos da profesora Carmen Pedreira e do acordeonista Roberto Grandal presentada recentemente ao concurso provincial “Quero cantar” pola agrupación infantil. Unha peza con letra de Lucía Pita -tamén presente no acto- quen non puido frear as bágoas cando unha das nenas lle adicou a ela a súa interpretación.

O evento central das Letras Galegas en San Sadurniño durou algo máis de media hora. Pero a cousa non para aquí, senón que á tarde teremos o documental “Cantando a Manuel María” do director chanfaineiro Gonzalo Veloso, no que se reconstrúe a figura humana e literaria do autor a través das intervencións de amizades e persoas que o coñeceron. Ademais, O Castelo de Narahío organiza para mañá unha visita á casa natal de Manuel María en Outeiro de Rei. Aínda hai 5 prazas libres no autobús, que sairá ás 15.30h. do lugar do Eirexado. O prezo: gratis para persoas socias da entidade e 10 euros para quen non o sexa.

Share.