Libros, libros, libros… máis libros por favor

0

Copiámoslle a Aute un anaco dunha das súas cancións e adaptámolo á nosa comenencia para encabezar unha nova que non é tal nova, senón un pequeno convite que nos lanzan desde a Biblioteca Municipal. Tampouco é un convite, senón un reto que propón este servizo de cara ao 2019. Ler, ler e volver ler todo o que caia nas nosas mans porque, ademais, facelo pode ter premio a finais de ano. A idea xa se puxo en práctica con éxito neste 2018 e por iso se reedita no ano que estamos a piques de estrear. Ademais… fai falla volver mirar os libros como fonte de entretemento e aprendizaxe en contraposición coas pantallas que tantas horas nos comen e, cada vez, a idades máis temperás.

Non é habitual que compartamos información doutros medios nin tampouco que metamos vídeos que non sexan os producidos polo propio Concello ou de campañas institucionais. Porén, onte puidemos ver no programa “laSexta Columna” unha interesantísima reportaxe sobre o uso e abuso dos dispositivos móbiles e de que maneira están modificando a nosa conduta social. O título xa o di todo: “Yonkis de las pantallas: levanta la cabeza”. Podedes -e debedes- velo enteiro nesta ligazón, e recomendámosllo principalmente a mamás e papás con nenos e nenas.

Xunto coa radiografía que se fai sobre como os móbiles e as táblets están desprazando os entretementos de toda a vida entre a rapazada, na reportaxe tamén se alerta do doado que é caer na adicción ás pantallas e no feito de que estes dispositivos teñen invadida xa a infancia, en parte porque as persoas adultas tampouco predicamos moito co exemplo.

Por moitos convites á reflexión que se fagan, seguramente o Apalpador, Papá Noël e os Reis Magos han vir cargados de “aifons”, “juaweis”, “samsuns”, “aipads” e todo tipo de ferraganchos similares. Desde a Biblioteca -a Axencia de Lectura de San Sadurniño- piden, ademais, que nos sacos tamén metan libros a mansalva. Porque ler un libro… ler un libro éche outra cousa: pasar as súas páxinas ten un algo de romántico; o cheiro do papel e a textura das follas mesmo transmiten sensacións que non se viven fregando os dedos contra o frío cristal capacitivo; as historias que se contan son o 50% o que está escrito e o outro 50% o imaxinado, o que nos suxire o texto; un libro podemos lelo varias veces e sempre lle atoparemos matices que pasáramos por alto; con eles desfrutamos, con eles aprendemos e, se cadra o máis importante, os libros axúdannos a desenvolver un pensamento crítico e a ser capaces de interpretar por nós a realidade que nos rodea.

Dito isto, a biblioteca pública lánzanos un reto que nos volva enganchar á lectura en papel. No caso das persoas adultas a proposta que fai é a de ler alomenos 14 libros entre xaneiro e decembro de 2019. Danos liberdade de elección, pero pon algunhas condicións á hora de facela. Así, un dos libros ha de ser unha novidade da biblioteca, outro será de non ficción, o terceiro deberá ter recibido un premio literario galego, tamén teremos que ler algunha obra protagonizada por unha muller, obrigatorio tamén ler algún autor ou autora que gañase o Nobel, hai que ler unha obra de poesía, en sexto lugar pide que leamos un álbum ilustrado ou novela gráfica, un clásico, o libro favorito en galego dunha amizade ou familiar, algunha obra dun ou dunha homenaxeada polas Letras Galegas, ler tamén algo escrito por nomes da literatura hispanoamericana, un libro que fose levado ao cine, unha novela histórica e, por último, unha obra de teatro.

A orde é o de menos, pero si é obrigado pasar pola biblioteca e reservar alí a relación de exemplares que cumpran os requisitos para que a responsable da axencia, Anabel Gavín, vaia anotando o cumprimento do reto. Un desafío lector que tamén se lle lanza á rapazada, que deberá pillar 12 libros: unha novidade, un que narre episodios da vida real, outro de misterio ou medo, un cómic, unha obra protagonizada por un animal, un libro de aventuras, unha obra con premio literario galego e outra con premio literario infantil, un conto clásico, un libro de fantasía, outro de poesía e, como remate da lista, unha obra relacionada con calquera aspecto científico.

Todas as persoas que participen no reto lector de 2019 recibirán un diploma acreditativo e participarán no sorteo dun agasallo.

E, insistimos, máis libros e menos móbil.

Share.