Hoxe comeza o Chanfaina Lab máis da casa

0

Alén do obxectivo principal de ofrecernos unha visión distinta de San Sadurniño, o Chanfaina Lab tamén pretende ser un punto de encontro entre distintas sensibilidades artísticas e e de intercambio de coñecemento. A maxia do evento reside tanto na produción en si como neses momentos antes, durante e despois en que se comparten pareceres, puntos de vista e mesmo chaves técnicas para solventar con ben o reto de sacar adiante unha curta nunha fin de semana partindo practicamente de cero. Pero, ademais, o Chanfaina é o enfrontamento de dous xeitos de ver e mirar: o que teñen os realizadores e realizadoras que veñen de fóra e case non saben nada de San Sadurniño -ou nada directamente- e aqueloutro que ten a xente de aquí, con todo o seu coñecemento da nosa realidade que moitas veces non se sabe se é unha axuda ou un inconveniente á hora de crear. Na primeira edición do encontro audiovisual houbo máis exemplos do primeiro caso que do segundo. Na edición de 2015 a participación local xa se notou con forza. E para o presente Chanfaina os creadores e creadoras da casa case fan a imposible metade dos 25 participantes.

Entre quen participan coa súa cámara nesta edición figuran naturais ou veciños e veciñas de San Sadurniño como os xa experimentados Patricia Lamas, Miguel Sanjurjo, Abel Vega e Fran Bermúdez, a quen se lle incorporan os chanfaineiros primeirizos Bieito Beceiro, Sebastián Rodríguez, Pablo Martínez, Roberto Bouza e artista Dani Ferreira, considerado da casa malia ser de Moeche.

Ancheando a fronteira do Chanfaina tamén teremos xente chegada de Ferrol: Natalia Porca, Lara e Noa Castro e Marcos Lourido. E dúas pontesas, Ana Seijo e Sabela Pernas,(Videodinamizarte) que ofrecerán na mañá do venres o obradoiro “Retrata San Sadurniño: son de aquí e miro así”. Pernas tamén realizará unha curta para o encontro ademais da que producirán as persoas participantes no obradoiro.

Canda eles e elas contaremos con relevantes cineastas do cine galego procedentes doutros puntos máis alonxados do país. Nomes -e renomes- como o de Lois Patiño, Lara Bacelo, Eloi Domínguez Serén,Carla Andrade, Claudia Brenlla, Jorge Coira, Ángeles Huerta, Pablo MillánMarta Piñeiro e Beatriz del Monte, que virán con múltiples ópticas -en sentido literal e figurado- para mirar o territorio e, quizais tanto ou máis importante, para compartir o que saben e tamén aprender da experiencia e de quen está dentro dela.

E con “dentro dela” non nos referimos unicamente a xente que vai gravar e editar, senón tamén a ducias de persoas e entidades que se implicaron no proxecto para botar unha man ou ser protagonistas das historias que han ser contadas en imaxes. É o caso de Manolo González e Carmen Suárez -principais impulsores da iniciativa hai dous anos como un spin-off do proxecto Fálame de San Sadurniño-, de persoal técnico do Concello, de membros do equipo de goberno, veciños e veciñas de todas as idades que farán de guías ou axudando na produción e tamén das entidades veciñais que colaboran este ano:  a de Santa Mariña do Monte, Adiante Igrexafeita, Xuntanza de Lamas , San Pipote de Bardaos e Pico de Ferreira.

O Chanfaina Lab comeza hoxe xoves ás 20.00h. con dúas proxeccións na Casa da Cultura, onde se pasarán os documentais  “A Seara”, de Pepe Coira, e “Verengo”, de Víctor Hugo Seoane. Pezas que teñen en común o ser testemuños da realidade de dúas aldeas da montaña interior galega. Mañá venres pola mañá desenvolverase o obradoiro de Videodinamizarte con dez participantes e a encarga de elaboraren unha curta que se proxectará na clausura do domingo á tardiña. Tamén mañá irán chegando os realizadores e realizadoras participantes. O punto de encontro é a Aula CeMIT ás 20.00h. O sábado e mailo domingo son os días programados para as gravacións e alternarán o traballo con outras actividades paralelas.

O programa completo destes catro días de cine e creatividade pode consultarse aquí.

Share.