Fálame de San Sadurniño chega ás 1.000 historias

0

A web colaborativa falamedesansadurnino.org acaba de publicar o seu artigo nº 1.000. Un número simbólico que dá conta da boa saúde dun proxecto nacido hai cinco anos co gallo do 17 de maio, día no que se lle rende tributo ás letras galegas, pero tamén á Internet e ás tecnoloxías da información. A iniciativa impulsada desde a Rede CeMIT botou a andar como un caixón de saberes do territorio -actuais e pasados- recollidos con texto, fotos, audios e vídeos. Todo cunha alta compoñente de participación social, á que se lle uniu desde o comezo a indagación en múltiples arquivos e a incorporación de fontes especializadas que nalgún momento fixeron referenza a San Sadurniño. Ata o momento a web reuniu achegas de 300 persoas, colleitou máis de 700.000 visitas, contabilizou 75.000 accesos únicos e, como proxecto social, tamén xuntou unha boa presada de premios relacionados coa dinamización cultural e a inclusión dixital. E sigue.

A historia que fixo saltar a Fálame ás catro cifras é un artigo rubricado polo antigo crego de San Sadurniño e Santa Mariña, Ramón Díaz Raña. Don Ramón -toda unha figura polo seu talante e activismo- volve pousar a mirada na etapa final do Franquismo e, principalmente, nas tensas relacións que mantiña co alcalde daquel entón, Santiago Secada, quen chegou a remitirlle ao Goberno Civil un informe “reservado” para que as autoridades do réxime vixiasen de preto a actividade pública, política e relixiosa do párroco, acusado por Secada, entre outras cousas, de organizar conferencias “aparentemente de propagación del galleguismo” e de fomentar “una revolución revisionista” contraria aos principios do movemento.

O texto foi atopado -coma outros moitos publicados en Fálame- polo profesor Manolo González e, a partir del, Díaz Raña, descoñecedor ata hai pouco da súa existencia, compón unha das súas colaboracións co portal, sempre frescas, entretidas de ler e reveladoras sobre o ambiente sociopolítico e cultural dun tempo non demasiado lonxano. A denuncia soterrada do alcalde (por non chamarlle tentativa de purga política) tivo naquel momento o sorprendente contrapunto doutro informe elaborado pola Garda Civil que, ademais de rebatir unha por unha as acusacións suscritas por Secada, vén poñer negro sobre branco que a denuncia do rexedor se debe unicamente á animosidade existente entre el e o crego.

É máis, o informe da Benemérita mesmo pode ser lido como unha louvanza do labor e da persoa de Díaz Raña, quen, segundo o escrito, “tiene la casi totalidad de los feligreses, quizás más del 95%, de su parte, incluso los que sin ser ateos frecuentan poco la iglesia”, ademais de gozar “de una excelente reputación como persona y como sacerdote”.

O conto dálle pé á retranca de Don Ramón para se defender máis de 40 anos despois -o informe data de xuño de 1975- das acusacións vertidas por Santiago Secada, aínda que Raña lle atribúe a redacción da denuncia ao secretario municipal, Ramón Varela, quen -e nunca mellor dito- tampouco ía á misa no mesmo carro que Díaz Raña.

Os documentos que apuntalan o artigo, titulado “De como o alcalde Secada ben-dice do Señor Abade”, e varias fotos referenciais están dispoñibles desde hai uns días en falamedesansadurnino.org. A web que, pouco a pouco, foi converténdose no grande arquivo dixital da historia, do saber e da creación de San Sadurniño.

A peza de Díaz Raña fai a entrada número 1.000 dun proxecto que naceu como unha experiencia colaborativa aberta ás achegas da veciñanza, da investigación e de calquera persoa que queira axudar a construír a identidade dixital do territorio. E para iso vale todo: textos, historias faladas en formato audio, fotografías modernas e antigas, documentos escaneados, vídeos…

Na súa orixe foi a Rede CeMIT quen fixo o labor de alfabetización e de dinamización para alimentar e facer medrar a iniciativa. Segue facéndoo, pero hoxe Fálame de San Sadurniño xa avanza con paso propio e alentando proxectos paralelos como a  canle audiovisual Teño unha horta en San Sadurniño ou o encontro audiovisual Chanfaina Lab, que o próximo mes de setembro emprenderá a súa quinta edición.

Tanto o portal web como os seus spin-off culturais son un referente de boas prácticas en todo o Estado e mesmo en Europa pola súa capacidade de implicar a veciñanza -sobre todo a de máis idade- nun proxecto colectivo e dixital. Así o confirman os seis premios obtidos ata o momento, entre eles o Acting concedido dentro dun proxecto de ámbito europeo ou o Rodolfo Prada outorgado pola Deputación de Ourense ás mellores experiencias de xestión cultural, ademais dos alcanzados por Teño unha horta en distintos festivais.

Share.