Entra en vigor o novo regulamento do servizo de abastecemento de auga

0

O Concello aprobou no pleno do pasado mes de setembro un novo regulamento para o servizo de abastecemento de auga así como a modificación da ordenanza que regula as taxas do servizo. O prezo mantense igual, prevéndose subidas só no caso e nas contías en que se incremente o IPC, pero o novo articulado en vigor  desde a semana pasada incorpora algunhas novidades que perseguen, principalmente, mellorar a eficiencia na xestión dun recurso tan importante como é a auga. Neste sentido, desde a área de Servizos volve facerse un chamamento á responsabilidade veciñal no seu consumo por mor da seca que estamos vivindo. De momento non é necesario facer restricións, pero os acopios por gravidade só dan para cubrir o 10% do consumo  e o Concello leva tempo bombeando uns 400 m³ diarios para satisfacer a demanda.

Augas de Galicia mantén a situación de prealerta para o sector de Ferrol da demarcación Galicia-Costa onde están incluídos os caudais de abastecemento de San Sadurniño. A rede pública municipal súrtese de tres fontes: dun acuífero no Camiño Arriba, doutro no Albeiro e do rego do Aceiteiro, ao que só se acude cando os outros dous -que funcionan por gravidade-  non son capaces de manter o nivel na potabilizadora da Agra.

A ausencia de chuvias no que levamos de ano fixo que as dúas fontes principais estean baixo mínimos -practicamente non vén auga delas- e, polo tanto, o Concello tivo que activar o bombeo do aceiteiro que, de momento, ten caudal abondo para atender a demanda do núcleo urbano e das zonas dos arredores con conexión ao abastecemento. “Estamos subindo á Agra uns 400 m³ diarios, con todo o que iso supón en canto a gasto enerxético”, apunta Secundino García. O alcalde engade, ademais, que “de non chover durante un período prolongado” a situación “podería complicarse” polo que insiste na mesma mensaxe que se lanzou a principios do verán instando á veciñanza a “tomar conciencia da situación e facer un consumo responsable”.

Entre as recomendacións que se fan están a de limitar os baldeos para a limpeza de edificios e propiedades particulares, non deixar mangueiras correndo cando se lave o coche, instalar sistemas de recollida e almacenaxe de auga da chuvia, usar dispositivos de aforro en billas, duchas e cisternas, poñer a lavadora ou a lavalouzas só cando están cheas, vixiar posibles fugas, etc.

Estes consellos son de aplicación tamén en lugares onde hai traídas particulares  xa que, tal e como recorda García, “as fontes e pozos que manaron auga toda a vida tamén poden secar ou verse seriamente afectados se a falla de chuvia é tan prolongada como agora”.

Novo regulamento e actualización da ordenanza do servizo
En relación co abastecemento de auga, o Concello lembra que hai escasos días entrou en vigor a modificación da ordenanza reguladora da taxa deste servizo así como o novo regulamento no que se definen as condicións da súa prestación.

O novo regulamento vén substituír un documento de carácter interno datado no 1974 e consta de 11 capítulos, 44 artigos e dúas disposicións adicionais. Con el preténdese adaptar a normativa local sobre a auga á autonómica e, ademais, definir un marco para a prestación do servizo con garantías de calidade, recollendo as obrigas e dereitos tanto da administración local como prestadora como dos usuarios e usuarias do servizo.

Os prezos mantéñense como até agora, cos incrementos previstos do IPC, e introdúcese como novidade a diferenciación entre usos domésticos (9€ de cota fixa trimestral) e usos comerciais ou industriais (15€ de cota tamén cada tres meses).

A outra grande novidade é que as persoas usuarias poderán mercar, instalar e manter o seu propio contador ou ben deixar que sexa o Concello quen corra cos gastos de instalación e mantemento por unha cota fixa de 1€ ao trimestre (4€ ao ano).

O contido completo da ordenanza e do regulamento pode consultarse no apartado de ordenanzas desta web ou no Boletín Oficial da Provincia nº 217 publicado o 15 de novembro de 2017.

Cambios na ordenanza dos sumidoiros
Ambos documentos aprobáronse nun pleno celebrado o 2 de setembro onde tamén se incluiu a modificación da taxa polo tratamento de augas residuais. Tampouco sobe, pero si se introducen novas circunstancias como a de dividir o recibo entre os custes de mantemento da rede e os do tratamento na depuradora e a diferenciación entre usos domésticos e comerciais/industriais. No caso dos usos domiciliarios o prezo fixouse en 20€ anuais se se trata de acometidas que non precisen bombeo para a vertedura na rede municipal e en 10€/ano no caso de que as persoas usuarias si deban dispor dalgún mecanismo para impulsar os resíduos ata o colector.

Para os establecementos comerciais e industriais a taxa quedou en 30€ ao ano. Outra novidade do documento é que, desde agora, calquera persoa que teña unha foxa particular poderá baleirar o seu contido na EDAR de Cornide levándoa ata alí nunha cisterna. O custe será de 5€ por cada metro cúbico efectivamente depositado.

Share.