O Concello chama á responsabilidade cidadá ante o risco de seca

0

Os días grises e de orballo que tivemos ultimamente poden facernos pensar en que a calor xa quedou atrás. Pero aínda queda moito verán por diante, moito sol e tamén que se incremente o risco tanto dos incendios como de seca. Non hai máis que mirar como van os ríos e como veñen as fontes para decatarse da situación na que nos atopamos, sobre todo en zonas rurais coma a nosa onde a meirande parte das vivendas se serven de pozos e traídas particulares. A propia Xunta de Galicia vén de comunicar -por medio de Augas de Galicia- que estamos nunha situación de risco de seca de cara ao verán, polo que cómpre tomar medidas de prevención e mesmo de preparación no caso de que a situación empeore nos vindeiros meses.

Os datos que facilita Augas de Galicia sobre o estado dos embalses indican que o do Eume se encontra ao 89,76% da súa capacidade e o das Forcadas ao 93,71%. Datos que se refiren á auga acumulada pero que poden levar a pensar equivocadamente que a situación é normal. Que non o é vese en que a propia Augas de Galicia comunicou en xaneiro a declaración de prealerta por seca, algo que queda patente se lle atendemos ao escaso “caudal circulante”, é dicir, a auga que levan realmente os ríos.

E o que pasa nos ríos pasa nos acuíferos dos que se nutren depósitos -individuais ou comunitarios- que xa hai meses que só rebordan un fío de auga. Bo exemplo diso son as captacións municipais do Albeiro e do Camiño Arriba que, en condicións normais,  dan para abastecer a rede pública de San Sadurniño. Porén, desde hai algún tempo practicamente non manan auga e todo o sistema depende exclusivamente do bombeo do río Aceiteiro.

A situación non é preocupante polo momento, posto que o río baixa con caudal suficiente para atender a demanda. Pero, aínda así, cómpre ter en mente que a escaseza de chuvias pode prolongarse semanas ou meses. Por este motivo, desde o Concello faise un chamamento á responsabilidade cidadá para que colabore con medidas de aforro no consumo de auga, estéase ou non se estea dentro da rede municipal de abastecemento.

Algunhas das medidas son as seguintes, todas elas doadas de poñer en práctica:

  • Limitar os baldeos para a limpeza de edificios e propiedades particulare
  • Limitar o enchido de piscinas, deixar correndo mangueiras cando se lave o coche, etc.
  • Optimizar o uso de auga para a alimentación animal e para a rega (que é máis efectiva á noitiña para evitar perdas por evaporación
  • Instalar sistemas de recollida e almacenamento de augas pluviai
  • Vixiar posibles fugas
  • Usar dispositivos de aforro en billas, duchas e cisternas.
  • Usar a lavalouzas e a lavadora só cando están cheas

Secundino García e mailo técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, revisaron esta mañá o bombeo da Pernuda para comprobar o caudal do Aceiteiro, única fonte neste momento da auga da traída municipal. “Se o río aguanta co mesmo nivel non imos ter problema polo de agora”, asegurou o alcalde. Con todo, para García “é fundamental” que chova para que os mananciais do Camiño Arriba e do Albeiro se recuperen e volvan contribuír ao enchido dos depósitos municipais “para estarmos máis tranquilos e para aforrar os custes que supón o bombeo”.

Share.