En xaneiro, nova oportunidade de obter o Certificado Dixital en San Sadurniño

0

O programa “A Administración cerca de ti” volverá por San Sadurniño tralas vacacións do Nadal para explicar as vantaxes da Carpeta Cidadá, onde se recollen todos os servizos en liña que ofrece a Administración Xeral do Estado e onde, desde un único sitio, se poden facer xestións e consultar unha chea de datos. Neste sentido, a Casa da Cultura acollerá o venres 19 de xaneiro a partir das 11:00h unha pequena charla aberta na que as persoas asistentes poderán solicitar no momento o seu certificado electrónico, que serve para facer trámites sen moverse da casa coas administracións estatais, pero tamén co Concello, a Xunta, a Deputación e calquera outro organismo público.

É importante non deixar pasar a charla polo que nela se nos vai explicar e, sobre todo, porque será unha boa oportunidade de conseguir o certificado dixital contando coa axuda de profesionais que nos ensinarán a usalo, así como todas as posibilidades que nos ofrece para facer trámites de maneira máis rápida e cómoda.

Para obter o certificado da FNMT é necesario acudir á charla levando o DNI en vigor e dispor dunha conta de correo electrónico para que nos envíen a ela o arquivo e o código de verificación, polo que tamén fará falla que as persoas interesadas poidan entrar no correo desde o móbil e completar o proceso xa no momento. 

Ademais, igual que ocorrera na sesión ofrecida o pasado mes de marzo, o equipo que virá por San Sadurniño tamén entregará unha memoria USB co certificado dixital, coa finalidade de que as persoas usuarias poidan instalalo no ordenador da casa. Estímase que o proceso de alta e descarga do certificado poida levar arredor de 10 minutos por persoa.

Unha vez dispoñamos do arquivo poderemos utilizalo para identificarnos na Carpeta Cidadá da Administración Xeral do Estado e nas sedes electrónicas de calquera organismo público, tamén na do Concello de San Sadurniño, da Xunta ou da Deputación. Ademais, o certificado tamén se pode empregar para asinar documentos .pdf (co programa Autofirma, por exemplo), coa mesma validez legal que se os firmásemos en papel do noso puño e letra.

Catro maneiras de obter o “Certificado Electrónico de Cidadán/á”
Existen catro formas distintas para obter o denominado “Certificado Electrónico de Cidadán/á”  da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre como arquivo descargable en ordenador ou teléfono móbil.

A primeira é mediante acreditación presencial, que require solicitar o certificado e despois acudir a unha oficina da Seguridade Social ou Facenda para que un funcionario ou funcionaria cotexen a nosa identidade.

Outra opción é facelo co DNIe ou utilizando a aplicación para o teléfono móbil e, como novidade aínda recente, mesmo é posible solicitalo mediante unha vídeo identificación seguindo uns sinxelos pasos que requirirán facer un “selfie” co móbil. Iso si, este sistema só se poderá empregar para obter o certificado individual e persoal, mentres que os de representación -os que usan as asociacións veciñais ou outras entidades- terán que tramitarse con verificación presencial.

Share.