Declaración Institucional do 8 de Marzo, Día das Mulleres

0

 

Hai máis de cen anos que o movemento feminista situou o 8 de marzo como unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres.

A situación económica e social derivada da pandemia da covid-19, á que se suma a situación de precariedade e desigualdade previa, acrecentada polas decisións tomadas na crise financeira de 2008, recae de forma importante nas mulleres galegas. Segundo o último informe do Foro económico galego, de decembro de 2021, podemos constatar o maior impacto da crise entre as mulleres. Por exemplo, o 75,5% das persoas ocupadas a tempo parcial en Galiza no último trimestre de 2021 foron mulleres, o emprego temporal medra máis nas mulleres, un 13,5% fronte a tan só un 3,2% entre os homes e teñen a maior taxa de temporalidade (28,2% fronte ao 23,9% no caso dos homes). Ademais, debemos recordar que malia as declaracións de intencións, a ilegal fenda salarial segue a ser unha realidade que en Galiza supera os 4.000 euros ao ano.

Á situación de desigualdade laboral, súmase a desigualdade derivada da precarización e privatización dos servizos públicos que alimentan unha economía en que milleiros de mulleres traballan sen recoñecemento e condicións dignas. Así mesmo, seguen pendentes compromisos como a demandada ratificación do convenio 189 da OIT, e que é clave para a dignificación e protección das traballadoras do fogar.
Desde hai anos vense reclamando por parte de colectivos e organizacións do ámbito social, político e sindical , a elaboración dunha nova Lei de igualdade que substitúa a 7/2004, para adaptala á realidade do século XXI atendendo, de maneira específica, ao fomento da corresponsabilidade e tamén a necesidade de incluír en todas as administracións nas cláusulas dos contratos criterios de xénero, tal e como se ten feito xa nesta institución, nos convenios e nas subvencións.

Como institución pública que traballa por conseguir unha sociedade en igualdade temos que converter o 8 de marzo en algo máis que unha data no calendario ou unha foto fixa un día do ano, hai que marcarse obxectivos, cumprir compromisos, adoptar decisións que contribúan a mellorar a situación que dun xeito non demorado describimos neste texto, a rachar coa precarización e a cumprir compromisos que permitan que a sociedade avance na procurada da igualdade real.

Por todo o expresado, o pleno do Concello adopta os seguintes acordos,

1- Expresamos e recoñecemos as convocatorias do feminismo galego que neste 2022 sinalan os compromisos pendentes, colocan novamente no centro do debate político e social as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político, agravadas polo impacto da pandemia da covid-19, e reafirmamos o compromiso para traballar contribuíndo a superar esta situación.

2- Demandamos de todas as administracións impulsar cláusulas de igualdade na contratación pública contemplando, a partir do diálogo coas organizacións sindicais e sociais, as seguintes medidas: diagnose, planificación para a posta en marcha e mecanismos de avaliación, así como unha comisión responsábel do seguimento do proceso, un informe anual, unha partida orzamentaria para sufragar a implantación e o impulso aquelas modificacións legais oportunas para blindar legalmente a obrigatoriedade da inclusión deste tipo de cláusulas na contratación pública galega.

3- Solicitamos a elaboración dunha nova Lei de igualdade que substitúa a 7/2004 para adaptala á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista atendendo, de maneira específica, ao fomento da corresponsabilidade.

4- Pedimos que non se demore máis a tramitación da ratificación do convenio 189 da OIT e atenda as demandas dos colectivos de traballadoras do fogar para avanzar na súa dignificación e protección.

5- Reafirmamos o noso compromiso en poñer a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nun lugar central dentro da política pública (económico, social, laboral etc.) de modo que a perspectiva de xénero se incorpore a todos os niveis e en todas as etapas, creando as condicións necesarias que permitan dinamizar as políticas de igualdade. Polo cal seguiremos realizando programas de visibilización, sensibilización, moitivación tanto co alumnado do CPI San Sadurniño así como coa poboación en xeral.

6- Comprometémonos a elaborar un novo Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes que recolla a realidade actual do noso concello e onde se marquen lineas de traballo trasversais para chegar a toda a veciñanza.

Share.