Convocado un pleno extraordinario para debater sobre o futuro da térmica das Pontes

0

Para este venres ás 19.00h. está fixada unha sesión extraordinaria do pleno municipal de San Sadurniño na que se debaterá como asunto central a moción rexistrada polo PP ao respecto da adopción de medidas urxentes que salven o futuro da central térmica das Pontes. O texto co que o grupo popular solicitou a convocatoria o pasado día 30 expresa o seu apoio a todo o tecido laboral que depende do complexo enerxético ao tempo que insta ao Goberno estatal a garantir a reapertura “inmediata” da central. Petición que, de non cumprirse, debería ir seguida -segundo o PP- da dimisión da ministra para a Transición ecolóxica en funcións, Teresa Ribera, “principal responsable da situación”.

Trátase dunha moción tipo coa que o Partido Popular está instando á maior parte dos concellos da comarca a adoptar un mesmo posicionamento con respecto ao peche de Endesa-As Pontes. Na exposición de motivos lémbrase que da central dependen 700 empregos directos e que a actividade xerada arredor dela ten un impacto duns 80 millóns de euros anuais. Tamén se recorda que no complexo se comprometeu un investimento de 217 millóns de euros para cumprir coa Directiva de Emisións Industriais da UE, paralizado agora -igual que o funcionamento da térmica- “como consecuencia dunha política enerxética desordenada por parte do Goberno de España”.

A moción critica “o abandono anticipado do carbón sen dar resposta ás consecuencias en termos de actividade económica e emprego nos territorios afectados, nin en termos de garantías da subministración eléctria a un prezo competitivo” e, neste sentido, incide en que o paro produtivo nas Pontes e o peche da central suporá “a perda de centos de empregos” nos concellos da zona e un impacto económico e social de “consecuencias dramáticas”.

Ante este horizonte marcado polo proceso de descarbonización da produción enerxética en España, o PP demanda no escrito “unidade de acción” de cara a denunciar este “novo castigo” e esixir solucións “que garantan o futuro e os empregos e eviten unha nova reconversión industrial nesta zona”. O contido da moción remata instando á corporación a mostrar o seu apoio ao todos os sectores afectados polo peche da central -persoal directo e das auxiliares, transportistas e porto exterior-, pero tamén esixindo medidas urxentes do Goberno de España para a reapertura do complexo termoeléctrico. Ademais tamén se esixe a dimisión Teresa Ribera -ministra do ramo en funcións- de non retomarse a actividade nas Pontes.

A proposta debaterase no pleno do venres á tarde e, de momento, non se pode adiantar o posicionamento que adoptarán o resto de membros da corporación -7 do BNG e 1 do PSdeG-PSOE-, aínda que todo fai supoñer que en ambos casos se achegarán emendas que dean como resultado unha moción de consenso ou, polo menos, aceptada pola maioría do pleno.

O texto xa foi debatido pola corporación de Fene e, segundo parece, o venres a distintas horas tamén se someterá á valoración dos plenos de Ferrol, Narón, Moeche e Ortigueira.

Manifestación o día 16 en Madrid
Namentras, proseguen as accións relacionadas coa cuestión do peche de Endesa-As Pontes. Hai uns días a mesa de seguimento formada por sindicatos e representantes do tecido empresarial reuniuse en Madrid coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e con responsables de Endesa. Unha xuntanza á que asistiu tamén o alcalde pontés, Valentín González, e o conselleiro de Industria, Francisco Conde. Do encontro non saiu ningún compromiso sobre a continuidade da térmica. Ademais, González Formoso tamén solicitou en Bruxelas a entrada de Galicia nos fondos de compensación da Unión Europea para a descarbonización.

Por outra banda, As Pontes irá á folga o próximo día 16, data na que hai convocada -ademais- unha manifestación  ás 16.00h. diante do Congreso dos Deputados. Sairán autobuses ás 9 da mañá desde a estación das Pontes. É necesaria inscrición a través do teléfono 667 129 325 ou do rexistro municipal pontés.

Share.