Brío, o Concello e o CPI promoven a igualdade de xénero no baile e na rítmica

0

Cando se fala da perspectiva de xénero o primeiro que nos vén á cabeza é o necesario cambio que se debe producir para alcanzar a igualdade plena da muller na sociedade. Porén, igualdade é un concepto moito máis amplo e con máis matices. O patriarcado sociocultural asentou a través de xeracións e xeracións aquilo das “cousas só de homes”, pero tamén instaurou o das “cousas só de mulleres”, entre as que ben poderiamos contar disciplinas artísticas como a danza ou a ximnasia rítmica, onde as nenas son maioría con respecto aos nenos. Por sorte hai quen quere poñer os medios para rachar tamén aí cos prexuízos. Nesa liña, a asociación-club Brío impulsou en colaboración co Concello e co centro de ensino unha serie de accións que perseguen precisamente iso, romper cos estereotipos de xénero na danza, na rítmica e, por extensión, en todos os deportes e facetas da vida.

O proxecto céntrase no traballo das profesoras de Brío co alumnado de infantil e primaria durante unha parte das clases de Educación Física, onde o mestre Iván Montes  leva anos promovendo os xogos e o baile tradicional como parte do currículum anual.

O caso é que no colexio están desenvolvéndose xa pequenas clases prácticas grupais con participación de nenos e nenas. Delas encárganse Verónica Ramos no caso da rítmica, Cristina Montero no da danza e Melissa López no apartado de hip-hop. As clases teñen dous obxectivos: dun lado meterlle á rapazada o gusto polo baile e a ximnasia rítmica e, doutro, que os nenos se animen a practicar estas actividades, contribuíndo así a normalizar algo que xa debería ser normal pero que aínda non o é de todo. Dito doutra maneira, poñer os medios e fomentar que os nenos bailen e expresen a súa sensibilidade artística a través do movemento do corpo sen que ninguén -nin a familia, nin os compañeiros nin, por suposto, as nenas- os sinalen por iso.

As clases que se imparten dentro da asignatura de educación física van por idades. Así para a cativería máis pequena -a de 5º e 6º de infantil- programáronse exercicios de pre-danza e no caso de 1º, 2º e 3º de primaria tócase a ximnasia rítmica. Por último, as clases de 4º, 5º e 6º de primaria, que xa andan na preadolescencia, aprenderán técnicas de hip-hop que, a diferenza da danza ou a rímica, si conta cunha maior presenza social masculina e tamén con letras en moitos casos contrarias á dignidade da muller, polo que a proposta de Brío abre unha interesante e necesaria vía de traballo a prol da igualdade.

Alén destas sesións prácticas, tamén se organizou para o día 4 de outubro pola mañá unha xornada na Casa da Cultura á que asistirán en dous grupos as clases de 3º e 4º de primaria e as de 5º e 6º. Ese día o alumnado recibirá a visita de Bruno Saavedra -adestrador de rítmica do Club Acordes- e de Adrián López, auténtico todoterreo da expresión corporal como experto en hip-hop, en baile moderno e de salón, en danza contemporánea… ademais de ser músico. Os dous falarán da súa traxectoria e da súa experiencia persoal nun mundo tan diferente do “todofútbol” -anque sexan compatibles- e no que a sensibilidade (iso que a sociedade se resiste a permitirlles aos homes) é tan importante.

Estas actividades organizadas por Brío en colaboración coa área de Igualdade e o CPI buscan, en último caso, “contribuir á normalización da participación tanto de nenas como de nenos en todos os deportes e actividades que desexen practicar”, tal e como comentan desde a entidade. “É un comezo para, dunha vez por todas, romper cos estereotipos de xénero que nos marca a sociedade”.

Cómpre lembrar que, á marxe desta iniciativa, a asociación-club Brío prosegue coa súa oferta de clases abertas e gratuítas co obxectivo de formar grupos en rítmica, danza, hip-hop e baile tradicional de cara a esta temporada. Pode obterse máis información sobre horarios e lugares a través do Facebook da entidade, no correo brio09@ymail.com ou botándolle unha ollada á información que publicamos hai uns días.

Share.