Brío propón clases abertas para probar as disciplinas que oferta este ano

0

A asociación e mailo club Brío son dúas entidades irmás que traballan en San Sadurniño para promover a expresión e o exercicio físico a través da ximnasia rítmica e o baile. Tralo parón do verán en Brío están arrancando un novo curso no que queren ofertar catro disciplinas: danza contemporánea, hip-hop, rítmica e, como novidade, baile tradicional. Por iso dan a oportunidade de probar de forma gratuíta cunha serie de clases abertas que se prolongarán ata finais de mes na Casa da Cultura, no pavillón e no ximnasio do CPI. A primeira é a de rítmica este xoves pola tarde.

A sesión de ximnasia comezará ás 16.00h. no pavillón municipal e finalizará sobre as 17.30h. Non se esixe inscrición previa, abonda con que a rapazada estea alí e que participe nos exercicios organizados polas monitoras que, por outra banda, xa comezaron cos adestramentos dos equipos do club na tarde do martes.  Deste apartado encargaranse Verónica Ramos e Laura Pena, dúas das grandes figuras da rítmica galega e, no caso de Pena, tamén da estatal.

As clases abertas e gratuítas de rítmica repetiranse os xoves 21 e 28 deste mes cos mesmos horarios.

No caso do hip-hop e da danza contemporánea as sesións de proba desenvolveranse os venres a partir deste, é dicir, o 15, o 22 e o 29 de setembro, aínda que con horarios e en lugares distintos. A danza contemporánea, impartida por Cristina Montero, ocupará a Casa da Cultura con sesións de 17.00 a 18.00h. para cativería de entre 3 e 7 anos, de 18.00 a 19.00h. para nenos e nenas de 8 a 14 anos e das 19.15 ás 20.15h. para mocidade de 15 anos en diante.  O hip-hop, dirixido pola experta en danzas urbanas Melissa López, terá lugar no ximnasio do CPI de 18.15 a 19.15h. para as nenas e nenos máis pequenos e de 19.15 a 20.15h. para idades entre os 8 e 14 anos. A clase trasladarase logo á Casa da Cultura -sobre as 20.20h.- para atender o grupo de 15 ou máis anos.

Como novidade, Brío quere impulsar este ano un grupo de baile tradicional. Esa é a razón de ser das dúas clases abertas que se celebrarán na Casa da Cultura o sábado 23 e o sábado 30 entre as 12 e as 13.00h. Eses días saberase a demanda que hai deste tipo de formación, que sería o complemento perfecto para as escolas municipais de música tradicional.

Como queira que sexa, para todas as disciplinas que Brío oferta este curso fará falla un número mínimo de participantes e se hai de máis tamén se estudaría a posibilidade de formar grupos. Os horarios estableceranse a primeiros de outubro, tan pronto como se saiba cantas inscricións hai e en que bandas de idade.

Para obter máis información sobre estas actividades pódese contactar con Brío-Danza e Rítmica a través da súa páxina en facebook ou do correo electrónico brio09@ymail.com.

 

Share.