BNG e PSOE aproban o plan económico e financeiro do Concello

0

O pleno extraordinario deste xoves levaba catro puntos na súa orde do día dos que un, o referido á aprobación do plan económico e financeiro do Concello, capitalizou a maior parte do debate. O asunto atendía ao contido do documento que recolle o compromiso municipal de cumprir co teito de gasto, o equilibrio orzamentario e a sustentabilidade económica que marca a lei para todas as administracións desde 2012. O texto explica as medidas de eficiencia na xestión dos ingresos e dos gastos municipais para compensar a desviación do orzamento de 2015 motivada pola aprobación do PAI provincial. Un programa destinado a investimentos que requiriu previamente a modificación do orzamento -apoiada polos tres grupos e con informes favorables da intervención- pero que tecnicamente se computou nas contas como unha transferencia de capital en vez de como un crédito. De aí que, en cumprimento da lei, agora fose preceptiva a redacción dun plan económico e financeiro que contrasta coa situación económica real do Concello, que pechou 2015 cuns remanentes de tesouraría de 545.654 euros. O plan contou co voto favorable do BNG e do PSdeG-PSOE, mentres que o PP se opuxo ao documento.

Na exposición do plan, o grupo de goberno aclarou que as medidas correctoras se centrarán nunha maior eficiencia no apartado de gastos e tamén no de ingresos, sinalando neste último caso que o cumprimento da normativa non significará un incremento da presión fiscal sobre a veciñanza. No repaso dos motivos para levar a pleno o documento, o portavoz do BNG, Suso Soto, explicou que o incumprimento da regra de gasto se debeu á imputación no orzamento de 2015 do importe do PAI provincial como unha transferencia de capital doutra administración para investimentos -a Casa da Xuventude, o acondicionamento do centro de empresas e a reparación de varias pistas- cando debería ser contabilizada como un gasto, habida conta de que se trata dun préstamo a dez anos, sen xuros e con dous anos de carencia.

A modificación orzamentaria que se someteu a pleno en febreiro de 2015 por importe de 207.000 euros contou daquela co apoio dos tres grupos municipais e viña avalada polos informes favorables da Secretaría-Intervención municipal. Porén, o encadre deste importe no orzamento como unha subvención e a posterior esixencia comunicada pola Deputación de adscribilo ao apartado correspondente, provocaron que a efectos da lei de estabilidade presupostaria e sustentabilidade financeira se estivese incorrendo nunha superación do teito de gasto previsto inicialmente. Neses casos a propia lei sinala a necesidade de acometer un plan económico que corrixa as posibles desviacións aínda que o peche do orzamento presente resultados positivos, como é o caso de San Sadurniño, tal e como se apuntou no pleno de onte, que finalizou 2015 cuns remanentes superiores ao medio millón de euros.

O representante do PSOE, Eduardo Lourido, anunciou o seu voto favorable ao plan lembrando que o PAI se destinou a “investimentos para a cidadanía”. Non así o PP, que criticou o seu contido por entender que se incrementaron os impostos e que “existen contradicións” entre o que propón o plan e o que se prevé para as contas de 2016. O PP preguntou a través da edila María Belén Trigo sobre a necesidade de acudir á liña de crédito do PAI e manifestou que a administración local ten “demasiada xente traballando”. A concelleira tamén denunciou que a información non se lle facilitou con tempo suficiente para poder analizala.

O portavoz do goberno local rebatiu un por un os argumentos do PP, a quen acusou de falar sen coñecemento do asunto que se levaba a pleno. No tocante á falla de información foi o alcalde quen interviu para aclarar que toda a documentación estaba no expediente á disposición dos grupos unha semana antes da celebración da comisión especial de contas, sen entrar a valorar as razóns polas que o PP non a consultou nese prazo e nos días previos ao pleno malia poder facelo.

Votada a cuestión, o pleno adentrouse no punto referido á modificación do orzamento para acomodar nel a convocatoria dunha praza de persoal funcionario con carácter eventual -6 meses de duración do contrato- por acumulación de tarefas no departamento de administración e contabilidade. O PSOE anunciou o seu voto favorable e suxeriu que se aproveitase o proceso de catalogación de procedementos que está acometendo o Concello para que se definisen tamén as funcións de cada posto. Unha circunstancia que, segundo indicou o portavoz do BNG, xa vén recollida na relación de postos de traballo aprobada no 2009. Manuel Romero expuxo a abstención do seu grupo co argumento de que no Concello “falta organización” e que existe “un gasto de persoal excesivo”, abondando na intervención de Trigo Meizoso no anterior punto. O BNG pechou o debate conminando ao PP a que se pronunciase sobre “cales son as prazas que sobran”.

O último asunto do pleno abordou a solicitude dunha subvención á Consellería de Política social para instalar un sistema de climatización na Escola Infantil Municipal e o acondicionamento dunha nova zona de xogos na parte frontal do centro. Os tres grupos votaron a favor.

Share.