As velutinas osman a primavera. Preparémonos!

0

Estamos a piques de entrar na primavera, a pesar de que o tempo frío e revolto destes días diga o contrario. Sábeno ben as raíñas de vespa velutina nigrithorax que, aínda co fresco e a auga, empezan a saír xa dos seus tobos de hibernación para fundaren novas colonias. De momento son elas soas, traballando paseniño na construción dos niños primarios onde criar a primeira remesa de obreiras. Por iso, polo feito de que todo o ciclo comeza cun único exemplar, este é un dos mellores momentos do ano para combater a avespa asiática mediante trampas. Desde o Concello e desde as asociacións apícolas volve facerse un chamamento á implicación veciñal nesta loita.

Abonda con prestar atención aos lugares onde o ano pasado apareceron niños e colocar preto deles trampas de fabricación caseira ou ben comerciais, preferiblemente en camelias e outras plantas de orixe asiática de floración temperá. O máis barato é o primeiro: collemos unha botella de plástico -as boas son as da auga mineral-, cortámoslle a parte superior e despois dámoslle a volta á parte sobrante para colocala de novo na botella a xeito de funil.

É unha manualidade moi doada, económica e ideal para que nela participe tamén a rapazada, axudando despois na colocación e no seguimento que se debe facer para ver a súa efectividade e, de paso, repoñer o líquido atraente. Dependendo da calor que faga o ideal é cambialo cada 10 ou 15 días. O que hai a vender funciona ben, pero tamén podemos aforrar cartos elaborándoo pola nosa conta. A pouco que busquemos en internet aparecen infinidade de receitas que en todo caso combinan líquidos doces con alcol.

Manual de construción de trampas publicado pola Xunta de Galicia

Manual de construción de trampas publicado pola Xunta de Galicia

Unha das que semella ser efectiva é a resultante de mesturar un 40% de viño branco, un 40% de cervexa negra e o 20% restante con algún licor ou zume ben aromático, como pode ser o de arandos, grosellas ou o de amoras. Disque é aínda máis efectivo se dentro lle botamos un anaco de cera vella do panal dunha colmea (non vale a das velas) e se deixamos na trampa os cadáveres das velutinas que vaian caendo, substituíndo só o líquido atraente.

Dentro do seu protocolo de actuación, a Xunta de Galicia centra a campaña de trampeo unicamente no labor dos apicultores e apicultoras, pensando máis que nada na protección dos colmeares. Ao tempo, desde Medio Rural tamén se pide que a colocación de trampas non se faga de forma indiscriminada, senón só naqueles lugares onde se atopasen niños o ano pasado.

Pero, ¿que pasa onde non hai colmeas nin xente que se ocupe delas?. Neses casos a velutina seguiría avanzando se non houbese quen a frease. Esa é a razón de que o Concello e entidades como a AGA-Ferrolterra ou a Casa do Mel de Goente estean animando a que se poñan trampas desde xa mesmo en áreas onde se constatou a presenza de velutina. Cómpre ter en conta que as avespas asiáticas atacan ás abellas, pero tamén depredan outros insectos polinizadores,  causan auténticas desfeitas na froita e representan un perigo para as persoas se son molestadas por un descoido.

Nesta guerra contra a invasora tamén se quere implicar, un ano máis, ás entidades do territorio para que intermedien na mobilización da veciñanza. De feito, asociacións coma O Castelo de Narahío xa enviaron hai varios días un aviso aos domicilios para dispoñer un trampeo organizado en toda a parroquia seguindo as zonas marcadas por AGA-Ferrolterra.

 

Share.