As farmacias empezan a distribuír tres mascarillas de balde enviadas pola Xunta para os colectivos máis desfavorecidos

0

As farmacias galegas iniciaron entre onte e hoxe a distribución das mascarillas facilitadas pola Xunta, que se lles entregarán a persoas pertencentes aos colectivos nunha situación máis vulnerable, é dicir, a aquelas persoas que teñan acceso gratuíto aos medicamentos ou a pensionistas cun límite de achega farmacéutica de 8,23 euros ao mes. Na botica de San Sadurniño xa se están repartindo desde primeira hora da mañá. A quen as pide e cumpre os requisitos -algo que se sabe pasando a tarxeta sanitaria- estáselle entregando de balde un paquete con tres mascarillas cirúrxicas dun só uso, acompañado das correspondentes instrucións sobre cando utilizalas e como facelo con seguridade. Porén, desde a farmacia local indican que a entrega está sendo algo máis lenta do normal por mor da saturación dos servidores da Xunta que verifican quen ten dereito ás máscaras gratuítas e quen non. Tamén se apunta que só se entregará un paquete con tres unidades por cada tarxeta.

Trátase de mascarillas cirúrxicas non estériles de tipo 2 homologadas que, porén, só poden utilizarse de maneira continuada ata que se humedezan ou, como máximo, durante 4 horas. De momento o uso das máscaras só é obrigatorio no transporte público e as autoridades sanitarias seguen insistindo en que as medidas preventivas máis eficaces son o distanciamento social de alomenos 2 metros , o lavado frecuente das mans, esbirrar contra panos desbotables e non tocar os ollos, a boca ou o nariz.

Si se recomenda, porén, levar a mascarilla ou un cubrebocas cando non é posible manter a distancia de seguridade en espazos reducidos -na compra, no traballo, cando se vai no coche- e en casos determinados: persoas con síntomas ou diagnósticos de COVID-19, persoas que estiveron en contacto estreito nos últimos 14 días con persoas diagnosticadas, persoas coidadoras de afectadas por coronavirus e outra poboación vulnerable, como son maiores, persoas hipertensas, diabéticas, que padezan enfermidades cardiovasculares ou pulmonares crónicas, persoas con cancro ou inmunodeprimidas e as embarazadas.

Cómpre insistir unha vez máis en que hai que gardar unha separación mínima de 2 metros con outras persoas e en que a efectividade de calquera máscara depende do seu uso correcto: lavar as mans antes de poñela, que vaia ben axustada tapando boca, nariz e queixelo, non tocala mentres a levamos posta, quitala pola parte de atrás -sen tocar a parte frontal- e lavar inmediatamente as mans e, no caso de seren reutilizables, lavalas conforme as instrucións do fabricante. O Ministerio de Sanidade sinala que “por cuestións de comodidade e hixiene” non é recomendable usar a máscara máis aló de 4 horas. No caso de que se humedeza ou deteriore polo uso débese substituír por outra, nunca volver usala a menos que se indique que é reutilizable.

As que está entregando a Xunta a través das farmacias non son reutilizables. Por iso débese evitar lavalas ou tentar alongar a súa vida útil. Desde a farmacia Díaz-Montero Caramés de San Sadurniño tamén advirten do perigo de tratalas con produtos químicos (lixivia, alcol, desinfectantes, etc.) e despois poñelas sen agardar a que os gases se evaporen.

Na farmacia local recibiron o envío de máscaras da Xunta onte á tarde e hoxe á mañá comezaron a distribuilas. O criterio marcado polo Goberno autonómico é que se entregue unha soa vez un único paquete de tres unidades para cada persoa que o solicite e sempre que se cumpra algún dos seguintes requisitos: ou ben ser unha persoa con dereito a gratuidade total do medicamento, ou ben ser pensionista que non supere o copagamento mensual de 8,23€. Para as demais persoas usuarias a farmacia local dispón de máscaras non reutilizables ao prezo máximo taxado polo Estado de 0,96€.

Recomendacións de protección

 

Share.