A comisión de festas de Igrexafeita 2016 organizou para este sábado unha xornada festiva cun marcado ambiente de romaxe. E é que despois de 20 anos o lugar de Amido, xusto nos lindes coas Somozas, volverá celebrar o San Marcos cun programa que inclúe procesión, xantar popular, música e mesmo hinchables para os nenos e nenas. Pola auga non hai que preocuparse, xa que no contorno da capela do lugar hai instalada unha carpa.
Para ben ser, o San Marcos debería celebrarse no seu día, o 25 de abril, ou na fin de semana máis próxima. Ocorre que o 25 cadra en luns e que o sábado temos a feira do 23 en Moeche e o domingo a Feira da Plantación en San Sadurniño. Esa é a razón de que a comisión do Biscordel de Igrexafeita optase por adiantar algo máis dunha semana a conmemoración do santo evanxelista.
A festa comezará ás 13.30h. cunha misa de campaña fóra da capela debido a que o lousado se encontra en bastante mal estado. Posteriormente o Trío Tribal ofrecerá a súa primeira actuación da xornada animando a sesión vermú que, sobre as 15.00h., lle dará paso a un xantar popular -18 con inscrición previa- a base de sopa de peixe, xarrete, sobremesa, café e chupito.
Entre contos e parolas darán as 18.30h., momento no que o picadiscos modestino DJ Carlos Mera lle porá banda sonora ao serán. Aínda repetirá pola noite como peche estelar da verbena, que arrancará a iso das 22.00h. co segundo pase do Trío Tribal.
A comisión de festas de Igrexafeita 2016 busca dous obxectivos coa celebración do San Marcos. Dunha banda, recadar fondos para organizar a patroa no mes de setembro e, da outra, recuperar unha festa que levaba dúas décadas sen facerse e que ten o seu encanto. Para quen nunca estivese alí cómpre sinalar que Amido se encontra no leste de San Sadurniño, xusto no límite natural que o río Xubia marca coas Somozas. Nun val suave e verde cheo de prados e construcións tradicionais aparece, xa de lonxe, a capela ao abrigo dunha árbore centenaria.
No seu interior non hai santos. Se aínda estivesen alí seguramente chovería por eles. Só quedan algúns bancos e un pequeno retábulo danado pola humidade. É un templo coma outros centos que hai repartidos por toda Galicia. Descoñécese a súa antigüidade e quizais o elemento que o fai especial é unha cabeza que sobresae dun dos seus laterais que ben podería representar unha serpe, un dragón ou, quizais, o león que simboliza o santo evanxelista. Quen sabe.