Aberto o prazo de solicitude de compensacións polos danos do porco bravo

0

Xa está aberto o prazo de solicitude das axudas da Xunta para compensar economicamente os danos producidos porco bravo nos cultivos agrícolas. A esta liña poderán acollerse as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións inscritas no REAGA ou de autoconsumo. Dependendo do tipo de cultivo afectado as contías que van desde os 0,12€ por metro cadrado das praderías até os 3,25€/m² se o porco ataca unha plantación froiteira, cun tope máximo por solicitante de 1.700€. A convocatoria abrangue os danos comunicados desde o día 11 de outubro de 2019 ata o 10 de outubro de 2020, algo que se deberá facer a través do teléfono 012 e sempre dentro das 72 horas posteriores ao ataque.

O procedemento que se debe seguir especifica a obrigatoriedade de chamar ao 012 para informar dos estragos á Consellería de Medio Ambiente. O servizo atende de luns a venres entre as 8 e as 20.00h. e os sábados de 8 a 17.30h. Unha vez rexistrada a denuncia, a Xunta enviará persoal á parcela para comprobar a existencia dos danos. É importante ter en conta isto, xa que non se deberá tocar a nada -tapar terróns, volver plantar, etc.- mentres o persoal técnico non faga a valoración, coa que posteriormente elaborará un informe dirixido ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza.

A solicitude de axuda ten que facerse como máximo ata un mes despois de comunicar o dano. As comunicacións que se fagan ata o 10 de outubro de 2020 entrarán na convocatoria deste ano, mentres que as que se produzan a partir desa data xa terán que agardar á convocatoria de 2021. O trámite debe levarse a cabo preferiblemente a través da Sede Electrónica da Xunta, aínda que as persoas físicas poderán achegar a documentación en papel en calquera oficina autonómica ou a través do rexistro do Concello. Ás axudas tamén poderán acollerse as persoas que lle comunicasen ao 012 ataques producidos entre o 11 de outubro de 2019 e a entrada en vigor da orde de 2020, de maneira que o último día para tramitar a solicitude será nestes casos o próximo 9 de marzo.

Na folla de solicitude normalizada figuran os datos habituais de identificación de quen solicita, o código da explotación, o número de conta e tamén os relativos ao dano: o código de identificación da denuncia -facilitado polo 012 no momento de comunicala-, a data en que se produciron os danos, o tipo de cultivo afectado, a superficie, a data prevista de colleita e os códigos de identificación das parcelas indicados no SIXPAQ. Ademais, a Xunta tamén comprobará de forma automática outros datos en poder das administracións públicas, como por exemplo o requisito de estar ao día coas obrigas tributarias.

A diferenza doutras liñas autonómicas, neste caso o procedemento de concesión da axuda iniciarase tan pronto como se presente a axuda, non haberá que agardar a que finalice o prazo global da convocatoria, e o ingreso en conta efectuarase trala resolución favorable e polo importe da concesión que, como comentamos algo máis arriba, será dun máximo de 1.700€ por persoa beneficiaria, independentemente do número de cultivos e da superficie que se vise afectada polas fozadas do porco.

A propia convocatoria fixa prezos por metro cadrado dependendo do tipo de cultivo afectado, que van desde os 0,12€ por m² das praderías -0,25€ o maínzo para silo-, ata 1,82€ metro cadrado de horta ou os 3,25€ no caso das plantacións froiteiras que o ano pasado quedaran fóra da convocatoria.

Tipo de cultivo

Importe por m²

Código

Descrición

€/m²

MIG

Millo en gran

0,16

MIF

Millo forraxeiro

0,25

TRI

Trigo

0,12

CEN

Centeo

0,12

PRA

Pradaría

0,12

PAT

Pataca

0,44

FRU

Froiteiras

3,25

HO1

Hortalizas 1 (cenoria, repolo e nabo)

0,69

HO2

Hortalizas 2 (coliflor, tomate, berenxena, cabaciña, cebola, feixón verde,

leituga, pemento e allo porro)

1,82

VID

Uva

2,93

 

Con respecto á convocatoria do ano pasado, a Xunta incrementou o crédito total, que pasa dos 811.000 euros aos  2.241.000. Outra novidade é a inclusión das compensacións para os danos ocasionados en cultivos froiteiros e a suba dos importes por metro cadrado para o millo forraxeiro, que se elevan dos 0,14 euros/m² ata os 0,25€/m². Malia que sobe o prezo de referencia, cómpre ter en conta que a axuda sería practicamente a mesma que o ano pasado dado que, recordemos, o tope máximo que se poderá cobrar son 1.700 euros (en 2019 eran 1.650€). Botando contas atopamos que o importe total reservado polo Goberno autonómico para esta liña de axudas daría para atender arredor de 1.300 concesións polo importe máximo.

En calquera caso, para acceder a estas axudas compensatorias, os terreos afectados deberán pertencer a unha persoa física ou xurídica inscrita en calquera das seccións en que se organiza o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia: explotacións agrarias prioritarias, explotacións agrarias de titulariedade compartida, explotacións acollidas ao réxime de venda directa e outras explotacións agrarias. No suposto de cultivos agrícolas afectados destinados ao autoconsumo, a persoa solicitante da axuda deberá acreditar a titularidade da explotación.

Documentación
Ligazón ao procedemento
Ligazón á orde publicada no DOG
Ligazón ao documento .pdf editable no navegador e imprimible para a súa presentación en papel
Ligazón ao SIXPAQ para obter as referencias das leiras

Share.