Abel Vega, exemplo do cine-ollo

0

Aí vos vai un dato. Neste 2019 fai un século o movemento Kinoki, impulsado polo cineasta ruso Dziga Vertov e outra xente das vangardas soviéticas que experimentaban daquela coa imaxe e que, de feito, sentaron as bases teóricas da linguaxe audiovisual. Kinoki significa cine-ollo, é dicir, captar a realidade tal e como se presenta diante da cámara, sen iluminación artificial, sen actores, sen guión previo… e no Chanfaina Lab temos xa varios exemplos de curtametraxes que ben se poderían encaixar nas teses de Vertov. E case todas obra de Abel Vega. Albanel xubilado e amante de todo o que o rodea, Vega participou na pasada edición do encontro audiovisual de mil maneiras -produtor, actor, axudante no que fixese falta, etc.-, e ademais tamén fixo peza, titulada “Unha casa de aldea”. Trátase dun percorrido polo interior dunha vivenda tradicional hoxe abandonada que vén sumarse á colección de Abel de pequenas obras nas que mira ao que ten máis preto, buscando aprehendelo en imaxes para que non se perda. Un documento de grande valor visual e etnográfico onde o autor reforza o que vemos co seu experimentado testemuño. O profesor Manolo González asina un apaixoado comentario da traxectoria de Abel Vega e tamén desta última obra, estreada hai dúas semanas en Fálame de San Sadurniño.

O veciño de Igrexafeita Abel Vega foinos sorprendendo nos últimos anos coas súas creacións audiovisuais, recibindo ao tempo numerosas louvanzas dos cineastas asistentes ao Chanfaina Lab. Abel traballou arreo durante toda a vida como albanel, mais unha enfermidade laboral apartouno do seu oficio.

Inquedo e activo, cunha curiosidade sen límite, aos seus 60 anos, segue a vivir unha segunda xuventude. Como el mesmo afirma con humor, agora dispón de tempo para atender ás catro galiñas da casa, colaborar no que poida coa Asociación veciñal Adiante Igrexafeita, tocar o acordeón e gravar vídeos con vocación didáctica, nos que mira coa cámara todo o que lle resulta familiar, en definitiva, todo canto o envolve.

Con el aprendemos xa a facer pan, descubrimos os muíños de Igrexafeita, as pedras do Forgoselo, as fervenzas do Río Castro ou a feroz vida salvaxe no interior dun formigueiro; imaxes e sons que perpetúan a memoria local tanto a nivel patrimonial como etnográfico. Podes ver algúns dos seus filmes en Fálame de San Sadurniño para comprobar o seu amor polos fermosos recunchos da paisaxe humana e natural da súa patria da infancia, a querida parroquia de Igrexafeita e tamén da Serra do Forgoselo da que é un auténtico erudito.

Nesta edición colaborou -como todos os anos- na organización do Chanfaina Lab, axudando aos cineastas no que podía, dende a localización e produción, ata o reparto e interpretación noutras pezas como en “Breixo” de Javier Seoane. Tamén asistiu ao curso de iluminación básica impartido por Alberte Branco e ao de gravación de son de Carlos Suárez. Mais nesta edición, en lugar de facer as xa clásicas videocartografías da paisaxe ás que nos ten acostumados, apostou por adentrarse no interior dunha casa: “Eu quería contar como era unha casa como as de antes e cómo se vivía alí. De feito, eu de pequeno coñecín moi ben esa forma de vida. Vivín nuha casa moi similar: unha cociña co chan de terra que se varría cunha xesta. Co lume da lareira e o teito afumado. As vacas comían xunto a min doutro lado da mesa. Tiña unha bombilla e unha radio na cociña e pouco máis. Non había auga corrente, nin cuarto de baño. E así vivín ata os 20 anos. Andiven na procura de casas similares, pero que non estiveran en ruínas, mais xa quedan moi poucas. Ao final topei unha que me podía valer dun familiar, que por certo estivo habitada ata hai ben pouco e ademais coñecía dende neno, dende que teño sentido e memoria.”

“Unha casa de aldea” é outra videocartografía gravada ao estilo “abeliano” no que a cámara percorre un espazo con valor emocional para o veterano cineasta, mentres grava sincronicamente a súa propia voz describindo o que o espectador está a ver -e as veces con comentarios moi ocorrentes-.O cineasta de Igrexafeita válese da súa espontaneidade cunha cámara “mercada en Alcampo que custou 99 euros” converténdose literalmente nos ollos do espectador; cunha mirada limpa e plena, ateigada do “amor co que describe praceres e vivencias de forma inocente e fascinante”, tal e como dixo del o director Óliver Laxe, admirador declarado da obra e do propio Vega. Este veciño bo e xeneroso, comprometido coa memoria e transmisión cultural do seu xeito de vida, insiste en que vexamos o seu documental como achega á memoria colectiva e ás xeracións máis novas: “Tiña a idea de amosar aos máis novos cómo era a vida antes. Porque moita xente de hoxe non sabe ben o que era unha casa de aldea e cómo se vivía nela.” Reflectir a autenticidade e a verdade: este segue a ser o obxectivo deste veterano sen complexos e decidido a participar na Chanfainalab ata que o corpo aguante.

Novo premio para “Teño unha horta en San Sadurniño”
E unha das iniciativas nacidas no seo de Fálame de San Sadurniño acaba de recibir un novo recoñecemento en Galicia. Falamos do proxecto “Teño unha horta en San Sadurniño”, encabezado polas mozas youtubeiras que sosteñen esta canle con consellos sobre agricultura tradicional. A multipremiada iniciativa obtivo hai uns días a Mención Especial á promoción da Igualdade de Xénero que outorga CREA, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización.

Segundo a entidade, a mención valora o traballo feito por achegar as mulleres do rural ás novas canles audiovisuais e por convertelas en autoras e protagonistas das súas propias narrativas

Share.